Residencia, normalidade, memoria

Casa do Concello de Ribadeo CC-BY-SA Agremon

O pasado venres 28 de xaneiro tivo lugar un pleno do concello de Ribadeo. A destacar que foi un pleno 'do' concello, que non un pleno 'no' concello, no salón de plenos. Cousas do coronavirus e as posibilidades da tecnoloxía, agora poden darse plenos así, onde os concelleiros se vexan a cara entre si só nunha pantalla. Os concelleiros, pois por ningures apareceu a posibilidade tecnicamente factible, de seguir o pleno a quen non somos concelleiros. Coido que é un proceso máis de afastamento forzado do pobo dos asuntos que lle (nos) atinxen: non só é que non teñamos voz no pleno de pleno dereito -valla a redundancia-, algo consagrado polo sistema, ou que as preguntas da xente común sexan relegadas a ser presentadas con anterioridade, por escrito a través dunha asociación para ser lidas xa rematado o pleno, se cadra, senón que agora os plenos non conservan tampouco a publicidade. É dicir, non son públicos por graza ... da tecnoloxía? Co que haberá que esperar ás actas -se se publican, que ás veces non- para ter unha idea do pleno. Ter unha idea, pois a correspondencia acta - realidade do pleno ás veces non está moi clara, non podendo recoller un acta matices e relacións que poderían levar a unha interpretación diferente da que remata sendo oficializada na práctica polo poder instituído.

Mais o título non corresponde ó dito no parágrafo anterior, que só actúa a modo de introdución, se non á correspondencia entre o que transcendeu ós medios do pleno do 28 de xaneiro e o pleno de 23 de outubro de 2018, en relación á nova residencia de maiores de Ribadeo, para a que foi proposto no seu día o nome de José María Rodríguez. O caso é que vai para catro anos, o convenio sobre a residencia entre a Deputación e o Concello foi selado, e no pleno de outubro de 2018 sacáronse adiante tres documentos básicos para o seu funcionamento, en particular, o Regulamento de Réxime Interno. Ese regulamento foi alegado pola Plataforma pro Presidencia, apreciando -segundo aparece na acta- un informe interno do concello varios puntos, e desbotando outros. Aínda así, por mor de non turbar a rapidez do proceso -nunha residencia que levaba xestándose anos- e da 'homoxeneización' dos regulamentos cos de outras residencias que naqueles momentos estaban a ser tramitados ó largo da provincia para conveniar coa Deputación, o alcalde adquiriu o compromiso de levar á primeira reunión da comisión os cambios propostos, non aprobando e integrando nin os informados favorablemente no texto daquela. Na p. 12 da acta dese pleno de 2018, aparece, posto en boca do alcalde, que "existe ese compromiso de levar á primeira reunión da Comisión polo que pensa que na votación non debería romperse a unanimidade como se mantivo ata o de agora." Unha unanimidade procurada en todo momento polo presidente da Plataforma impulsora, José Mª Rodríguez, e que non se rompeu tampouco neste caso, despois da promesa realizada.

E aquí estamos, case catro anos despois, renovando o convenio nun clima de normalidade, despois de ter amosado a dirección da residencia un navegar durante este tempo que a fixo saír mellor parada que a maioría das residencias, e non só da provincia. Por suposto, non todo foron luces no desenvolvemento da residencia, nin antes da súa posta en funcionamento nin despois, aínda que as sombras quedaran relegadas e o discorrer xeral fora positivo, como remato de dicir. Pero non se trata de furar nos posibles puntos negros, senón de preservar o mellor futuro, e por iso a lembranza da promesa de revisar o Regulamento de Réxime Interno ou o Regulamento de acceso, que tamén se alegou e sobre o que se fixo a mesma promesa. Dende outubro de 2018, aínda que non tivemos noticia directa das xuntanzas da Comisión de xestión da residencia ribadense, a razón de dúas previstas ó ano, xa deberan terse feito varias. Non obstante, se non se tivo constancia das xuntanzas, menos aínda do tratamento de reformas dos regulamentos, Unhas reformas que, entendemos no seu momento quen as propuxemos, introducían a lóxica nalgúns dos procesos da residencia e permitían a colaboración dos familiares e sociedade, axudando ademais a garantir o mantemento do seu bo funcionamento.

Seguimos a crelo así.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.