Retos para artellar unha alternativa de cambio

Sede central da Xunta, no complexo administrativo de San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

Segundo os prazos legais vixentes, o límite temporal para celebrar os vindeiros comicios ao Parlamento galego está situado no mes de xullo de 2024. Nunha primeira impresión semella un período moi longo para establecer consideracións de certa entidade a respecto do desenvolvemento e consecuencias de tal evento electoral. Certamente, dende 2015 vivimos nun contexto político menos ríxido que no pasado, mais proclive a cambios rápidos non previstos e no que, por tanto, resulta moi complicado realizar análises e prognósticos medianamente solventes.

Sexa no verán de 2024 ou coincidindo coas xerais de 2023 (esta última hipótese dependerá do cálculo partidista que realice, nos vindeiros meses, Alfonso Rueda), o escenario resultante da cita coas urnas só ofrecerá dúas alternativas: ou repetición da maioría absoluta do PP ou acordo de goberno entre BNG e PSdG

Con todo, o universo político galego presenta algunhas singularidades que merecen ser consideradas. Sendo inevitábel a influenza do contexto estatal nos procesos electorais á Cámara do Hórreo tamén é certo que, nas últimas décadas, o impacto dalgúns acontecementos relevantes acontecidos fora das fronteiras galegas foi moito menor do que cabería agardar. Servan dous exemplos significativos: no mes de xullo de 1997 ETA asasinou ao concelleiro de Ermua M.A. Blanco (de orixe galega) e o 11-S de 2001 rexistrouse o sorprendente atentado das Torres Xemelgas de New York. Ambos sucesos tiveron lugar poucas semanas antes de dous comicios onde o BNG acadou e mantivo a condición de forza principal da oposición, superando ao PSdG, a pesar de que, teoricamente, aquelas circunstancias exteriores podían facer pensar nun efecto inducido negativo para unha forza que formaba parte do catalogo das organizacións demonizadas habitualmente nos grandes medios de comunicación.

Exterior da sede do Parlamento galego © mapio.net

Dende hai trinta anos e a diferenza do que ten sucedido nas comunidades nacionais de Cataluña e Euskadi, a dereita política galega está concentrada nun único partido -o PP- e a oposición está conformada por dúas ou tres forzas (entre 1993-2012 e 2020-2023, BNG e PSdG; entre 2012-2020, AGE/En Marea, BNG e PSdG). Esta característica específica tende a reducir as marxes de flutuación entre os diversos segmentos do electorado e, xa que logo, contribúe a facer mais previsíbel a dinámica de pactos e alianzas postelectorais.

Ese futuro goberno de coalición debería aproveitar as ensinanzas do sucedido entre 2005 e 2009, por mais que teñan variado algúns parámetros tanto do contexto endóxeno coma do exterior

Sexa no verán de 2024 ou coincidindo coas xerais de 2023 (esta última hipótese dependerá do cálculo partidista que realice, nos vindeiros meses, Alfonso Rueda), o escenario resultante da cita coas urnas só ofrecerá dúas alternativas: ou repetición da maioría absoluta do PP ou acordo de goberno entre BNG e PSdG. Nesta segunda opción só debería existir, ao día de hoxe, unha incógnita por resolver: se a presidencia do Executivo correspondería a Ana Pontón ou ao dirixente que, finalmente, encabece a candidatura socialista. Outras opcións posíbeis -goberno en solitario de nacionalistas ou socialistas asociado a un apoio parlamentario que permita acadar a maioría aritmética necesaria- non resultarían recomendábeis ante a envergadura das tarefas transformadoras requiridas e, ao cabo, facilitarían un rápido retorno do PP a San Caetano. Convén lembrar que na experiencia do bipartito xurdido no ano 2005, o PSdG dispuña de 25 escanos e o BNG de 13: cunhas cifras aproximadas a eses rexistros -sexa cal sexa a prevalencia entre ambas formacións- non se acadaría a dimensión suficiente para acadar unha gobernabilidade estábel.

Creo que se poden citar catro retos indiscutíbeis: mellorar significativamente o estado da sanidade pública; avanzar cualitativamente na atención ás persoas dependentes; mudar substancialmente as políticas en favor da lingua galega e asegurar que a CRTVG cumpra efectivamente os obxectivos establecidos na súa carta fundacional

Ese futuro goberno de coalición debería aproveitar as ensinanzas do sucedido entre 2005 e 2009, por mais que teñan variado algúns parámetros tanto do contexto endóxeno coma do exterior. Sería pertinente, dende agora mesmo, debuxar un cadro básico de prioridades na actuación do novo executivo. Sen esquecer outras temáticas presentes no actual ámbito competencial da Xunta, creo que se poden citar catro retos indiscutíbeis: mellorar significativamente o estado da sanidade pública; avanzar cualitativamente na atención ás persoas dependentes; mudar substancialmente as políticas en favor da lingua galega e asegurar que a CRTVG cumpra efectivamente os obxectivos establecidos na súa carta fundacional. Nos dous primeiros aspectos resultará determinante a mobilización de maiores recursos económicos mentres que nos outros terán mais relevancia os cambios normativos e os modelos de xestión.

Dominio Público Praza Pública

As decisións sobre a folla de ruta programática deberán ir acompañadas dunha escolla axeitada das equipas humanas encargadas de facer realidade os compromisos adquiridos ante os votantes 

A desexábel reforma do Estatuto de Autonomía está hipotecada pola maioría parlamentaria reforzada que se esixe no texto vixente. Dada a reiterada negativa explicitada polo PP, sería necesario que a representatividade deste partido ficara por debaixo dos 25 escanos para que fose viábel a mudanza desta norma básica.

En todo caso, as decisións sobre a folla de ruta programática deberán ir acompañadas dunha escolla axeitada das equipas humanas encargadas de facer realidade os compromisos adquiridos ante os votantes. Sen ideas ben definidas non se poderá edificar un proxecto de cambio. Sen buscar a máxima esixencia na selección das persoas encargadas da xestión pública non será realista conxurar o perigo da frustración de importantes sectores que depositen a súa confianza na nova andaina gobernamental.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.