Retrato do político como ventriloquista

Hai un sector do electorado español que invariabelmente gosta da pasiva ventriloquia de Rajoy diante da corrupción porque sempre contra-arresta coa descarga emocional operativa no manual de resistencia e insubmisión  fronte a  Catalunya ou fronte as  periferias territoriais e sociais que incomodan. Casos hai, reparemos porén no que hogano, o noso ventrílocuo, funcionario devoto, se vén de refutar a si mesmo activando o proceso de impugnación do novo 9-N. 

Hai un sector do electorado español que invariabelmente gosta da pasiva ventriloquia de Rajoy diante da corrupción

A emenda ao novo 9N vai  direccionada a suspendela porque non ofrece garantías democráticas, xa que non hai lei que a garanta nin censo e non se poden constituír mesas electorais en condicións de normalidade, mas se iso é así é porque el propiciou a situación, madía leva!.  É o que ten a arte de falar como se a voz xurdira do ventre, arríscase pouco. A personaxe Rajoy é un clone de todo o que caracteriza a xeración que está a gobernar o tempo presente: frivolamente visceral, a miúdo arrogante e case sempre cínica. Os valedores da legalidade non poden permitir a ilegalidade de facer unha consulta. É o que ten excretar a lei como única resposta política. O legalismo ideolóxico convertido en feromona política confunde a lei coa realidade: se antes non podía aceptar o 9N porque era ilegal, agora acontece ao revés, convértea en ilegal.

O legalismo ideolóxico convertido en feromona política confunde a lei coa realidade: se antes non podía aceptar o 9N porque era ilegal, agora acontece ao revés, convértea en ilegal

En tanto os delincuentes privados do público ameazan a virtude democrática ao faceren demasiado visíbeis os seus procedementos, os delincuentes públicos do privado, ebrios de aplicaren austeridade con total transparencia, implacábeis, teiman en non dar concesións. Violencia lexítima e sen claudicación. Isto é o que hai. A liturxia de certa idea española do poder  tende a facer real unha política sen cualidades marcada por unha obsesiva teima de simplificación exemplarmente idealista: a democracia española é o que debe ser e non precisa de arroubamento erótico.  Trátase do principio asimétrico de certa idea española do poder que atravesa o eido público, comezando polo de soberanía, que divide entre o centro do sistema e os proxectos políticos  que agroman das periferias e dos proxectos individualizados que acadaron certa xuntura.

En realidade, abonda que a política institucional sexa ela mesma, para que a chantaxe se transparente por boca de Rajoy: “Son algunhas cousas que se produciron nos últimos tempos”. Velaí a corrupción segundo o presidente Rajoy. Unha definición propia da incapacidade do narcisismo para verbalizar o que lle pasa. A corrupción foi interiorizada como facendo parte dos medios a disposición do  individuo lanzado a unha carreira de competición cara ao éxito. O establisment convertido en explotador de si mesmo non é máis do que un optimizador ao ditado das propias políticas  de inxustiza liberal que se veñen aplicando. Seica non o víamos? Presentíamolo, si. Así, así, así, así gana el Madrid. Pode a frivolidade tornarse un medio sutil de dominación? Hai toda unha técnica da frioleira e do volúbel que non precisa actor nin representación nin dramaturxia sequera, abondan os xestos de ventrílocuo para esfarelar a cadea de responsabilidades por esgotamento e saturación.

Seica esperabamos que Mariano Rajoy se interesara dun xeito moralizador polos casos de corrupción que prexudican a virtude democrática? Pois xa o fixo, seguindo os ditados da dominación, no seu propio interese, sen arriscar

Seica esperabamos que Mariano Rajoy se interesara dun xeito moralizador polos casos de corrupción que prexudican a virtude democrática? Pois xa o fixo, seguindo os ditados da dominación, no seu propio interese, sen arriscar. Primeiro con frivolidade, despois como impostada contrición. A frivolidade agroma cando se tenta ocultar a dimensión do outro, do seu peso e presenza, de xeito que nun lance de mal gosto, esta se torne banalmente relegada. Unha frivolidade que obedece ao modelo ancestral de vencedor que agora aparece, porén, coas características da fraxilidade fronte os diferentes desafíos democráticos. A terapia española consiste en mudar a creba política real en autoresilencia (o Consello de Estado) ou en climatización artificial posthistórica, para podermos entendelo, con Peter Sloterdijk, nun momento no que a  multiplicación de novas formas de vida e de proxectos individualizados opoñen resistencias excedentarias de diversa orixe que resultan inmunes ao adoutrinamento na idea monolítica do que é ou non é “español”, do que se pode ou non se pode consultar. Eis os conselleiros natos que representan institucións, as estruturas do Estado, que o defenden tal e como está concibido na constitución do 78. Noutras palabras, a liberdade de expresión está limitada cando se cuestiona a estrutura do propio Estado. Que Rajoy debruce as súas declaracións no legalismo ou no populismo  que tanto critica  é máis unha  manifestación de fuga narcisista de certa idea española do poder que o Consello de Estado representa. A falta de empatía axiña virará a depresión de non asumiren que o recoñecemento dos outros “españois” é a única saída se aínda queren salvar o que queda do naufraxio, comezando por aceptar a quen optou polo sometemento cedendo soberanía e identidade.

Teimar mais unha vez no legalismo ideolóxico non é máis do que a confesión de que non hai outra palabra para describir a situación que o de esgotamento

Teimar mais unha vez no legalismo ideolóxico como toda resposta fronte a inmigración subsahariana, os desafiuzados, as vítimas exsangües do liberalismo, o soberanismo e calquera outra manifestación de rabia social chamada de ilexítima, non é máis do que a confesión de que non hai outra palabra para describir a situación que o de esgotamento. Canto non hai eros político (unir o desunido) o que prevalece é o celo legalista: que aínda que non haxa un decreto formal de convocatoria do novo 9N  só haberá ollos para mostrar a vontade da convocatoria que a faga impugnábel, que se manteña a pregunta, que non sendo vinculante se poidan derivar consecuencias xurídicas, que haxa funcionarios que se mobilicen como voluntarios. A iso se limita o debate político na democracia española. Carece de erótica e, polo tanto, de proxecto.

Reducida a política a ventriloquia de economistas e xuristas xa non hai poder que estes non ostenten como medios de xustificación ideolóxica do que só en aparencia incomoda o status quo. Rajoy sabe que non pode encomendarse á lexitimidade (a cuestión non radica en sabermos que algures, en algún momento, houbo virtude democrática) porque non hai autoridade política europea que non teña sucumbido á pasividade perante a núa inmediatez do capitalismo e da dominación neoliberal. Ao cabo, a resposta do presidente Rajoy, pola súa feble e cincenta figura, é un paradoxo  hiperbolicamente verdadeiro malia a dificultade para ser aceptada en termos éticos e estéticos. Certo é que non precisa ser comprendido cando os casos de corrupción fan visíbel que a dominación non é anónima aínda que sexa no efémero lance no que cae o pano.

Non hai confusión máis eficaz que falar de democracia e do  estado de dereito cando se está a falar de capitalismo especulativo

A tese de Michel Surya reflíctese ben no aceno con que Rajoy safou o tema da corrupción: non hai confusión máis eficaz que falar de democracia e do  estado de dereito cando se está a falar de capitalismo especulativo. Haberá que non lle sorprenda a acción política de Rajoy xa que hai tempo que traza   unha curvatura  ben visíbel do que entende por responsabilidade. Cousa que pode comprenderse perfectamente porque hai unha idea española do poder que aburre conceptualmente e esteticamente segue lastrada por un sistema simbólico apático mas cínico que vén de completar todo un programa de aprendizado na desconfianza. Agora, “algunas cosas” (corrupción) como antes os “hilillos de plastilina” (maré negra) son algunhas das palabras que describen a habelencia do ventrílocuo, por outra parte, alicerzada en basic spanish.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.