Reviravoltas

Un John Red é aquela reviravolta imprevista (plot twist) no acontecer dun relato. Un artifício que alicerza no falso protagonista. O relato apresenta un personaxe no início da historia como sendo principal, mas, en seguida, é descartado (elidido, e mesmo morto). Os atentados de París reabren o debate entre liberdade e seguridade como corolarios da actualización da guerra contra o jihadismo. Infelizmente, só se aborda cando acontece un desastre. Compensa a falta de datos. Porén, ten unha transcendencia que ben precisaría da discusión e do siso racional e non apenas da proximidade emocional para garantirmos un mínimo de obxectividade perante a pregunta: porque nos matan? As reacción imediata adoita ir lastrada de munición defensiva, chea de estereotipos, narradores non confiables e lugares comúns xa que os protagonistas elididos, mas presentes e decisivos, son o medo e, a miúdo tamén, a xenreira que fomenta a visión a curto prazo. E sempre, os intereses non sempre lexítimos malia contar no direito internacional consuetudinário a autodefesa como unha razón lexítima para ir á guerra. Mais como xa decidiran que estamos en guerra, disque hai que calar e amosar unha incondicional adesión sen antes nos preguntar se debullarmos as condicións do diálogo entre as democracias occidentais e o estado islámico tería sido un primeiro chanzo para acadar algún consenso. Mas ese chanzo non se subiu. Apenas se teñen maximizado os occidentais dereitos humanos do 48 (aprovados por unanimidade por estados protectorado e co voto negativo da Arabia Saudita) porque non deixan de ser uns mínimos e non  preceitos divinos. Non se trata de debruzar no relativismo, mas cuestionarmos a súa vontade de universalidade.

Dificil non concordar con David Luban cando afirma que punir líderes nun tribunal de xustiza non é o mesmo que usar a guerra como o instrumento de punición.  Cómpre debullar, portanto, todo aquilo que damos por feito mas non sempre é así, comezando por aceptar que íamos errados cando acreditamos na ineleluctabel secularización do mundo sob a luzada da razón e a ciencia e que a punición pola espada representaba unha xeira da civilización menor do que aspiramos. Acaso é o fundamentalismo islámico o único cando ten repuntado a moral nihilista dos principios absolutos entre os xudeos, cristiáns e budistas? Por qué aceptarmos o dilema seguridade versus liberdade como se fosen excluintes cando son, de facto, vasos comunicantes? Coñeceremos en algún momento os feitos que levaron aos asasinatos de París? Onde comeza o relato? Estamos certos que é a seguridade a protagonista principal? Esta a ser a liberdade o falso protagonista deste relato, o plot twist, o John Red?

Seguridade vs. liberdade. Decote comprobamos como non abonda coa perda de liberdade para garantirmos a seguridade. Por outras palabras, pode a perda de seguridade ofrecer máis liberdade? E se for así, que garantías temos? Son más seguros os paises con menos liberdades do que o son os que oferecen máis? Do acontecido após o 11-S de 2001 poderiamos deducir que non.

O aumento das medidas de seguridade non foron de abondo para evitaren novos atentados de quen ten vontade de cometelos ao prezo de matar morrendo. O que a experiencia nos informa é que unha maior vixilancia (institucional e xudicial) tórnase maior control social sen que se evite un dos seus efectos menos explícitos. Aquel elo da liberdade nacida da Ilustración que Foucault en Vixiar e punir chamaba disciplina como forma de control social. Foucault mostrábao através dunha xenealoxía da punición que debullaba a creación da prisión moderna (o panóptico) como expresión do desenvolvemento do poder que reborda  o espazo carcerário atinxindo institucións sociais como a escola ou os hospitais co obxectivo de normativizar conductas e disciplinar vidas. O panóptico sería o edificio-ollo de vixilancia perfecta xa que permite ser visto a todas horas sen por iso xerar a sensación de que é un aparello de vixilancia e control. Hogano, o filósofo coreano Byung-Chul Han ten alertado que a práctica do panóptico e do biopoder foucautians extenderanse eficazmente como psicopoder que uniformiza os comportamentos. Quer dicer, a internet e as smartphone, a cámaras de seguridade e as escoitas telefónicas, a monotorización das redes sociais e os perfís que os utentes xenerosamente deitamos na rede serian formas da vixilancia voluntaria que nos poden fornecer a sensación de seguridade mas non a garanten. Abocados a sermos "suxeitos narcisistas do rendemento" que visan o mundo como simples proxección de si mesmos, o impulso voluntario de  sermos vixilados xurde como un impulso interno e non por un sentido de deber. Mais por unha motivación do ego que ordena do que por un outro que ordene. No entanto, malia o enxordecedor retrouso multiculturalista o que se acenturaron non foron as diferencias e os conflictos mas a indiferencia. O individuo desenténdese da comunidade non tanto por cosmopolistismo cuanto para asegurar a súa singularidade narcisista. A igualación vén dada polo baleirado social dunha vida privada que coñeceu a zona tan confortabel como indolente dun cosmopolitismo que todo o celebra facendo parte do patrimonio cultural. De falarmos de devalo da liberdade este substanciaria nun poder que non nega nin submete a liberdade, simplemente explotaa.

Non somos libres para decidir, mas para escoller entre opcións dadas. Portanto, non fai falta submeter aos individuos para que estes sexan submisos. Porque consentimos entón diante o recorte de liberdades asociado á vixilancia? Os cidadáns aceptamos máis control en nome da seguridade cando non temos nada que agochar. Quer dicer, aceptamos a perda de privacidade nos escenarios nos que se aceptan as normas sociais, pautas de comportamento e outros derivados eventos consetudinarios que acontecen na rúa. Aximos de xeito heterónomo inoculados do medo a ficarmos soliños diante das dificultades por moi reais que estas podan ser. Mais nun escenario de psicopoder dixital, o discurso da seguridade ten a leira fresada no enxamio. O permanente chamado á motivación e a autoexplotación ten mais efectos do que a norma. O "explotador é o explotado" dí Byung-Chul Han por moito que o faga en liberdade. Chegarmos  a ser vixilados voluntarios (a coacción propria) derívase do ditado neoliberal "sé libre". Un simples incomodo ou adiamento para o proxecto do rendemento, cando todo se tornou un obxectivo persoal que só procura no outro a confirmación de si mesmo. O amor, a sensualidade e a liberdade instrumentalizados convertíronse asín en obxecto de consumo ao servizo do cálculo hedonista alleo á transgresión e á transcendencia.

Con certeza, un estado sen deus é o único no que crentes e non crentes poderían convivir. Porén, non está salvo de desenvolver rasgos totalitarios. O fundamentalismo relixioso malia ter no islamista unha das súas expresións máis perigosas non é o único. Entregados ao control psicopolítico, as sociedades insuficientemente secularizadas están a perder a capacidade de cuestionar as certezas recibidas, de cuestionarse a si mesmas? Non é precisamente esa incapacidade un rasgo fundamentalista que dispensa do silencio, da crítica e, en consecuencia, do xuizo moral?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.