“Conta a historia das mulleres porque delas nunca se fala”. Así comezaba unha presentación de “Non des a esquecemento” libro escrito por Luís Bará e non hai que ser moi consciente para saber que é una realidade. Ocultándoa, ocúltannos una parte de nós, modifícana ao seu antollo e seguen a perpetuar o patriarcado; porque calquer movemento de revolución precisa das mulleres, e en cada revolta seguimos a xogar un papel crucial.
Ocultándoa, ocúltannos una parte de nós, modifícana ao seu antollo e seguen a perpetuar o patriarcado; porque calquer movemento de revolución precisa das mulleres, e en cada revolta seguimos a xogar un papel crucial
É marzal de 1918 e na comarca de Ferrolterra prende a faísca, as mobilizacións agrarias e obreiras son unha realidade. Estamos nun contexto internacional marcado pola primeira guerra mundial e a revolución rusa, no estado español vívese unha etapa convulsa e en Galiza o movemento nacionalista comeza a estruturarse nas Irmandades da Fala (en Ferrol nacen en 1917) e é a través do nacionalismo que as mulleres galegas reclámanse como suxeito político e comezan a organizarse, tamén pouco a pouco a través do mundo sindical e agrarista. O estado español quere aproveitar o contexto exterior e vende trigo e outras materias primas aos países en conflito, pero desabastece os mercados internos e proliferan “acaparadores” que, no noso país, tentan lucrarse da situación subindo abusivamente os prezos de produtos de primeira necesidade da época coma o pan, o carbón o aceite ou a cera. O gobernador da Coruña prohíbe a saída de trigo para a comarca de Ferrolterra na primeira semana de marzo polo que perigan postos de traballo e é case imposíbel adquirir mesmo pan. As protestas deste mes comezan os días 8 e 9 de marzo na zona de Xuvia (nos concellos de Narón e Neda) encabezadas polas mulleres da fábrica de textís. Intentan reunirse cos alcaldes da zona e ante a negativa protestan nos comercios do lugar tirándolle pedras e tamén diante das casas das persoas ricas. Hai disparos e ás primeiras persoas feridas de bala na cabeza da revolta popular de marzo de 1918: Josefa Naval Luaces e a Rosa Tenreiro Ameijeiras.
As protestas deste mes comezan os días 8 e 9 de marzo na zona de Xuvia (nos concellos de Narón e Neda) encabezadas polas mulleres da fábrica de textís
Este é o inicio dunha revolta que continuará durante todo o mes e onde a represión vai ser máxima (nove persoas mortas segundo datos oficiosos e incontábeis feridas). Destes días xurdirán Comisións de Mulleres nos concellos en conflito, paros xerais nos asteleiros e no arsenal e en resumo un pobo que reclama dereitos e que non é sumiso. As protestas seguirán en Xuvia, Ferrol, Serantes, Pontedeume, mulleres que asaltan os trens en Maniños e confiscan o que hai neles. As autoridades deciden declarar o Estado de Guerra. Organízase unha manifestación en Ferrol o día 10 ao berro de “Temos fame! Abaixo os acaparodres!” que vai ser dispersada a tiros causando a morte dun neno de 12 anos máis un traballador do arsenal. O suceso desencadena nun mitin en Ferrol con 3000 obreiros preludio dun enterro histórico do traballador do arsenal. A Comisión de Mulleres do concello de Fene obriga ao seu alcalde a asinar unha baixada de prezos mais aínda é un caso aillado. Un día vai marcar a revolta definitivamente: o 13 na feira de Sedes (Narón). O ambiente está moi caldeado e albíscase a traxedia: toda a comarca está mobilizada ese día e nesa parroquia a garda civil de infantería e cabalería acuden á chamada do alcalde, acusado de sere un acaparador (é salientábel que neste lugar veñen de gañar os rexionalistas as eleccións de ideas contrarias a el e aos seus concelleiros) tratando de impór un imposto de consumo abusivo. Comezan as protestas diante da casa do alcalde e dispárase á “multitude” e, como consecuencia, caen sete persoas mortas e multitude de feridas. Ao día seguinte, parte desde Ferrol unha nova manifestación de xente obreira (6.000 segundo as crónicas da época) para levar unha coroa ata Sedes en homenaxe.
As autoridades deciden declarar o Estado de Guerra. Organízase unha manifestación en Ferrol o día 10 ao berro de “Temos fame! Abaixo os acaparodres!” que vai ser dispersada a tiros causando a morte dun neno de 12 anos máis un traballador do arsenal
Hai máis mobilizacións e a prensa deixa de ter comunicación coa zona en conflito (é interesante ver coma dous xornalistas da Voz de Galicia contan como tentaron achegarse en tren á comarca e pensaron que non darían dado volta pola intensidade da revolta). A partir de aquí a censura fai que só teñamos conta de persoas feridas e declaracións en xuízos (maior parte de mulleres que foran detidas) ao que titulan como o “problema de subsistencias”. Conseguiron obxectivos: os alcaldes de Ferrol e Narón víronse obrigados a dimitir xunto co xefe da garda municipal e foron quen de baixar os prezos.
A represión, incluso baixo a censura, móstrase terríbel, nada sabemos da multitude de feridas durante a revolta e o que aconteceu despois mais podemos imaxinala grazas unha estampa na portada d´A Nosa Terra que debuxa Castelao onde un león do parlamento de Madrid é atravesado por unha espada inscrita cun “Viva España” e unha frase lapidaria para definir o debuxo “ollando aos patrioteiros españois, vense cousas que arrepían”. “A nosa Terra” tamén se fai eco en páxinas interiores do que está a acontecer. A memoria existirá e en 1933 na parroquia de Sedes colócase un monumento (que será derrubado na dictadura franquista) en memoria do acontecido e, unha crónica da época, fala de que foi un acto masivo.
Conseguiron obxectivos: os alcaldes de Ferrol e Narón víronse obrigados a dimitir xunto co xefe da garda municipal e foron quen de baixar os prezos
Temos neste episodio unha revolta silenciada para que primeiro tiveramos medo e logo como pobo foramos incapaces de lembrar. De feito até hoxe as referencias foron escasas: un poema de Manuel María, algun libro do movemento agrarista que menta o acontecido en Sedes, un artigo de Francisco Rodríguez (e arquivo xornalístico que gardou da época), estudos de Laura Tato... mais é preciso facer xustiza por toda a xente que loitou por mellorar as condicións de vida dun país e dunha comarca que sufría as consecuencias de sermos unha colonia. Para iso nace a Comisión Revolta Popular, Marzo 1918, con persoas organizadas en toda Ferrolterra para conmemorar o seu centenario neste ano que entra, sabedoras que para afrontar o futuro hai que lembrar o pasado e loitar no presente. Porque hoxe os acaparadores aínda existen e destrúen a nosa cultura, patrimonio, modo de vida mais esquecen que a fame non crea súbitos e súbitas.
Comparar ás mulleres das fábricas de textís da época coas compañeiras da provincia de Pontevedra de Bershka que hai uns meses estiveron en folga pode resultar interesante e incluso necesario para saber en que melloramos ou canto falta por facer
Salientábel é que foran as mulleres as precursoras e as protagonistas da Revolta, dalgunha maneira as crónicas da época intentan con isto infravalorar a revolta, o patriarcado non nos considera persoas. Clara Zetkin escribiu en 1918 que “o que fixo o traballo da muller especialmente atractivo para os capitalistas non só era o seu prezo máis baixo se non tamén a maior submisión”. Comparar ás mulleres das fábricas de textís da época coas compañeiras da provincia de Pontevedra de Bershka que hai uns meses estiveron en folga pode resultar interesante e incluso necesario para saber en que melloramos ou canto falta por facer. Porque non ser submisas parece que sae caro mais a liberdade nunca ten prezo e coñecer esta historia de mulleres bravas e valentes e o pobo que se uniu a elas faise necesario, para que os acaparadores non se sintan vencedores dunha historia que non só quixeron esnaquizar con silencio se non tamén con violencia.
As persoas optimistas sempre atopamos unha xanela onde seguir a abrir paso a un futuro digno, como o que conquistaron en 1918 e que nos quixeron borrar da memoria. Teñen medo que continuemos mais sabemos que para conquistar utopías primeiro hai que soñalas
En Galiza desde logo transformouse a realidade coa Revolta popular de marzo de 1918 e os compañeiros de loita tomaron nota: Antón Vilar Ponte rememora estes sucesos nun artigo escrito na segunda república e é quen de presenciar como na primeira asemblea das Irmandades da Fala aproban o Manifesto Nacionalista de Lugo onde se reclama por vez primeira “a igualdade de dereitos para a muller”.
A faísca prendeu daquela e coñecendo os feitos estamos máis preto de que prenda hoxe no pobo galego. As persoas optimistas sempre atopamos unha xanela onde seguir a abrir paso a un futuro digno, como o que conquistaron en 1918 e que nos quixeron borrar da memoria. Teñen medo que continuemos mais sabemos que para conquistar utopías primeiro hai que soñalas.
Publicidade