Revolución democrática

El planeta se vuelve dinero,
el dinero se vuelve número,
el número se come al tiempo,
el tiempo se come al hombre,
el dinero se come al tiempo.

La muerte es un sueño que no sueña el dinero.

El dinero no dice tú eres:
el dinero dice cuánto

Octavio Paz, "El dinero y su rueda”. Calamidades y milagros, 1949.

 

O proceso político en marcha intensifica o seu ritmo á vez que acentúa a percepción dunha maridaxe entre parálise económica e notable retroceso social e democrático

O proceso político en marcha intensifica o seu ritmo á vez que acentúa a percepción dunha maridaxe entre parálise económica e notable retroceso social e democrático, se non directamente franca decadencia e unha descomposición sistémica que afecta de cheo ás institucións capitais da arquitectura institucional do estado. Polas informacións que se coñecen a foto é hoxe a de un Xefe de Estado e un Presidente do Goberno implicados, presuntamente, en graves asuntos de corrupción. A cúpula do partido gobernante, presuntamente tamén, relacionada case ao completo, estando o partido da oposición e suposta alternativa de goberno nuns niveis parellos de confianza entre a opinión pública. Por non reparar en casos específicos en comunidades coma a do País Valenciá, Madrid, Catalunya ou Andalucía. E por non falar tamén de Galiza, ou da súa capital, por dicir unha cidade ao chou.

O descrédito afecta transversalmente sendo, á súa vez, unha causa mais do colapso económico ao que asistimos: un país que en 2012 xerou 400 millóns de débeda cada día atopándose hoxe, a eses efectos, nunha situación só coñecida en 1910. Onde despois de inxectar á economía 146.000 millóns e 400.000 máis á Banca o consumo retrocedeu ao ritmo dun 6% destruíndose 800.000 postos de traballo e baixando os ingresos á arcas públicas. Onde unha recesión se superpón sobre outra recesión, empregando nestes intres o 69% das capacidades produtivas, en mínimos históricos desde que hai rexistros. E onde se estima que a calidade media e xeral de vida caeu arredor dun 8%, incitada por unhas draconianas políticas de austeridade e de baixada de salarios que invitan a entrar nun labirinto sen fin. Poucos precedentes hai na historia económica. E o anterior -a corrupción xeneralizada- non pode ser considerado algo menor, aínda que as cousas foran ben para millóns de persoas ás que non lles vai nada ben. Isto entraña riscos para a confianza no sistema político, xa debilitada fortemente nos últimos tempos. Pero onde van os cartos? Están todos en sobres en B ou que?

É evidente que España, coma Grecia aínda salvando as diferenzas, converteuse xa nun problema de orde xeopolítico para a estabilidade europea mailo seu proxecto de carácter histórico, e o que este representa

Así pois, as pezas do taboleiro bulen e re-bulen na procura dunha lectura coherente, sosegada e satisfactoria ao que acontece: unha obxectiva fin de ciclo que compromete a estabilidade do réxime actual, aceptada e recoñecida entre cada vez máis sectores -a esquerda e dereita, desde o común do pobo e desde as esferas de poder e dos media- e condicionada por un conxunto de síntomas que determinan unha tormenta perfecta e que, necesaria e inevitablemente, tarde ou cedo, desembocará nunha catarse. Por etapas, ou de golpe. Organizada e civilizada, ou de xeito drástico e caótico. O precario equilibrio, ou o seu eventual empeoramento, non pode sosterse moito tempo máis e as mudanzas antóllanse fondas, aínda pautadas, e inevitables. Os riscos de estalidos sociais focalizados xa se recoñece desde as propias institucións.

Coma sempre nas encrucilladas históricas, nin no fondo nin na forma é doado poñerse de acordo. Non facer nada, estilo Rajoy, é moito peor. Pode que por iso se intúan movementos na elite política e económica da sociedade, e o que imos coñecendo non deixa de parecer información dosificada que chega das súas batallas particulares cando é evidente que España, coma Grecia aínda salvando as diferenzas, converteuse xa nun problema de orde xeopolítico para a estabilidade europea mailo seu proxecto de carácter histórico, e o que este representa.

Apelan ao voluntarismo, á fe ou ao patriotismo. A non caer no pesimismo. Pero cada día batemos coa realidade de novas cifras de desemprego, peche de actividade ou penurias persoais pola combinación do desmantelamento do estado social mais o desentendemento aldraxante dos que se lucraron na Belle Époque, e lles caía confetti enriba cada mañá.

O escenario xeral, o contexto, é aquel onde o control da economía mundial fica nas mans das duascentas corporacións internacionais máis grandes, alcanzando a concentración de capital proporcións asombrosas. Cada día, as transaccións internacionais moven arredor de 1,3 billóns de dólares, sendo o 70% de estes movementos soamente entre multinacionais que gastan sumas inxentes de diñeiro para concentrar un poder feroz e incontestado, de ambición totalitaria, e que bate, como estamos comprobando, cos dereitos humanos e a democracia. Inimaxinable tan só hai unha década.

É unha orxía canibalística na que unhas devoran a outras sen piedade, competindo por obter maiores e inmediatos beneficios traducidos nun poder e nunha influenza tal que lles permite articular e impoñer unha cosmovisión, facendo fermentar o substrato ideolóxico que sostén o edificio perverso do sistema capitalista. Pílulas de inseguridade, entretemento baleiro, sobre-información, burda manipulación e, en definitiva, desconcerto ao servizo da estratexia do temor inducido e inoculado a través dos seus altofalantes. Medo. Medo líquido, que diría o polaco Zygmunt Bauman.

Neste xogo, sexas pequeno-burgués, proletario ou lumpemproletario, sempre perdes. A cada fusión ou a cada peche, un maior número de despidos en peores condicións, mais un mellor reparto dos dividendos entre accionistas e executivos

É un Minotauro global que execra vítimas diariamente. Despoxos humanos nas democratísimas sociedades occidentais. Despoxos humanos na democratísima Europa e tamén, e por suposto, na democratísima España en venda onde Galiza figura coma o novo El dorado hispano, o territorio en venda preferido, por non romper a tradición. Non hai mais que ver o que significan os proxectos de mega-minería a ceo aberto: mega-expolio e mega-cafrada ambiental. E non protestes, gallego. Que se vexa aquí quen manda.

Neste xogo, sexas pequeno-burgués, proletario ou lumpemproletario, sempre perdes. A cada fusión ou a cada peche, un maior número de despidos en peores condicións, mais un mellor reparto dos dividendos entre accionistas e executivos. Son os mercados, dirixidos por persoas -con nomes e apelidos- que foron quen de tecer durante os últimos 20 anos unha mastodóntica coalición de intereses e complicidades baixo un sistema opaco e intrinsecamente corrupto a medida das súas únicas e exclusivas ambicións, orientadas a acrecentar de xeito exponencial a renda desa minoría de mortais -oligarcas- que vive folgadamente. Millóns en todas as rexións do mundo sobreviven ou malviven, padecendo o seu sadismo económico, e especialmente desde a caída polo tobogán da crise. Noutras zonas do planeta que xa non é esta o capitalismo expándese a bo ritmo baixo a face do progreso, mais a costa dunha desigualdade potencialmente explosiva no demográfico, no migratorio ou no ambiental. As resistencias ás veces camúflanse de terrorismo. O terrorismo, as máis das veces, vernízase de relixión ou doutro invento.

No estado español, coma sempre se atendemos aos precedentes, chégase tarde á crise de modernización. Advirtamos que todas elas se saldaron con brotes violentos e hai que lembrar que só hai unha xeración na historia de España que viviu enteiramente a súa vida en liberdade e democracia -ou nun sucedáneo imperfecto- : a dos menores de 38 anos. Seguramente porque foi sempre o único xeito de manter a fantasía do estado mono-nacional español. Confiemos en que case catro décadas son suficientes para ter creado unha conciencia democrática que repela e renegue de salva-patrias.

Como exemplo atendamos ao caso de Euskadi, que logo das guerras carlistas e a abolición dos fueros no último terzo do século XIX experimentou o auxe do nacionalismo e do movemento obreiro como resultado, e a consecuencia, da adecuación tardía á modernidade. Como resposta a ela. Cando a industrialización se abría paso tivo que ser a represión da ditadura de Primo de Rivera a que calmara os ánimos das clases populares ata que, Restauración borbónica mediante -sistema ficticio de alternancia, caciquil e corrupto-, en Abril de 1931 proclamouse a II República na localidade de Eibar coas esperanzas que abría entre as maiorías sociais, secularmente sometidas, analfabetas e contaminadas de fanatismo relixioso e militarismo. Nos anos 30, no contexto da Gran Depresión e das tensións ideolóxicas que logo agromaron desembocando no ensaio xeral da II Guerra Mundial, sabemos o que aconteceu: a Guerra Civil mais extrema e idealista de tódolos tempos. Sabémolo. Sábese o que aconteceu aínda que España sexa aínda hoxe o segundo país do mundo con maior número de persoas soterradas en fosas comúns, por detrás de Camboya e o seu holocausto jemer.

Hoxe coñecemos bastante de como xestaron aquela transición e como se creou o seu mito, sendo tutelada desde poderes fácticos internos e externos para asegurar que o estado de cousas mudara só o xustiño en algúns aspectos centrais

A seguinte crise de modernización prodúcese a finais dos 60´s coincidindo coas mudanzas sociais estruturais, desenvolvemento económico, apertura internacional e influxo das ideas que se cocían no occidente libre, importadas do Canadá ou procedentes do fervedoiro parisiense da Sorbona e de Nanterre: movemento contra-cultural, pacifismo e antiimperialismo nun escenario de Guerra Fría e que alí cadrou coa irrupción no escenario de E.T.A. cara os estertores do réxime totalitario de Franco, e cara a posterior reforma e, novamente, restauración monárquica non o suficientemente influída pola Revolución dos Cravos do país irmán. Hoxe coñecemos bastante de como xestaron aquela transición e como se creou o seu mito, sendo tutelada desde poderes fácticos internos e externos para asegurar que o estado de cousas mudara só o xustiño en algúns aspectos centrais. Non sería xusto dicir que non mudou ren.

Unha E.T.A. que, por outra banda, non soubo morrer co seu tempo, manchando a causa nacional e do pobo traballador vasco e que acompañou ata -curiosamente- os nosos días cun regueiro de sangue tras de si que rememoraba vellas vinganzas, resistencias e feridas pechadas en falso.

Ollar a historia de Euskadi -o lugar da península que mellor resiste o embate da crise actual- relacionada no conxunto, aínda que sexa resumidamente, axuda a comprender e explicar mellor como noutra patente crise de modernización -no cultural, no tecnolóxico, no industrial e económico...- afrontamos tempos complexos e onde cómpre erguer un contra-poder cidadá de vocación hexemónica que sexa, por unha banda, dique de contención á involución xeral e, por outra, axente e protagonista activo e consistente na defensa e consecución dunha democracia plena que recoñeza o exercicio dos dereitos máis básicos. Re-construír unha república de cidadáns libres e iguais, onde a economía estea ao servizo das persoas e onde se respecten dereitos coma os do traballo ou a vivenda. Ou como o dereito de auto-determinación dos pobos. Os Dereitos Humanos.

Pode que o camiño sexa duro e difícil, pode que non haxa conciencia colectiva suficiente para tecer esa rede democrática, plural e rupturista. Pero non intentalo supón, a medio prazo, a morte por inanición e o perigo certo do auxe de extremismos ideolóxicos antagónicos, de corte populista -na súa acepción pexorativa-, nacionalista e/ou de clases.

Por sorte tamén hai síntomas dunha concienciación e activismo crecente, e iso só pode invitar á esperanza de que hai espazo para a cidadanía activa e madura, sabedora dos seus dereitos, deberes, obrigas e responsabilidades. Informada e interpelada polas agresións.

A pequena vitoria da ILP instigada pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca que, finalmente, aceptou debater o Congreso dos Deputados ten mais importancia da que lle dan, independentemente dos resultados que finalmente obteña

A pequena vitoria da ILP instigada pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca que, finalmente, aceptou debater o Congreso dos Deputados ten mais importancia da que lle dan, independentemente dos resultados que finalmente obteña. Xa están constituídos coma xermolo dun contra-poder emancipador. Non acougarán, porque as vidas de milleiros e milleiros de familias están en xogo.

Os de abaixo estaban carentes de vitorias, e só a rebeldía e a desobediencia civil pode encetar procesos de cambio. Prender a faísca. Cambios que veñen da combinación do uso da democracia formal e institucional e tamén do activismo social e político fóra dunhas canles deturpadas que nunca foron exclusivas e, demasiadas veces, si, excluíntes.

Os patriotas do dólar, os que evaden diñeiro a mancheas a Suíza, non poden estar de acordo con todo isto. E tratarán de frear, desprestixiar ou rebentar calquera iniciativa que afonde na igualdade, na transparencia ou na co-responsabilidade colectiva. Tratarán de furtar á soberanía popular o seu protagonismo nos meses e anos vindeiros. Prefiren unha democracia vixiada, cativa, tutelada. De baixa intensidade.

Proporán facer mudanzas lampedusianas, cosméticas, para reproducir o esquema herdado co ciclo reformista post-franquista, que foi sostido nos piares dunha elite financeira

Proporán facer mudanzas lampedusianas, cosméticas, para reproducir o esquema herdado co ciclo reformista post-franquista, que foi sostido nos piares dunha elite financeira e, en boa medida, tamén política, que bebeu culturalmente do harakiri das Cortes franquistas. Un modelo de praia, paella, toros, fútbol, boom inmobiliario e cleptocracia que xa non é a primeira vez que se reproduce e que nada ten que ver coas capacidades actuais. Ata Antonio Alcántara se arruinou nos 70´s co negocio da vivenda e a burbulla inmobiliaria.

Proporán gabinetes de expertos independentes para reformas constitucionais. Proporán gobernos de concentración nacional, ou gobernos tecnocráticos sostidos por maiorías legais. Interregno cara algo peor, se non se atalla. Proporán todo o que estea na súa man para que todo vaia polo camiño que lles asegure estabilidade, por riba de todo, aos patriotas suízos.

Pero se isto non mellora, non van poder conter a rabia que produce o agravio comparativo da inxustiza institucionalizada a través do Ministerio do Sufrimento Público, do Ministerio da Insalubridade, do Ministerio da Escravitude Laboral, da Ignorancia e Incultura e o da Guerra.

Os pobos naceron para ser donos de si mesmos, e non de Goldman Sach, por moi complexas e entreveradas que se volveran as sociedades post-democráticas da Europa neoliberal

Só se os cidadáns e organizacións cívicas, veciñais, sociais, sindicais e políticas ao servizo das persoas se organizan e son quen de erguer un contra-poder que vaia acadando pequenas vitorias, será posible certa autodeterminación individual e colectiva e o exercicio da soberanía cidadá. Os pobos naceron para ser donos de si mesmos, e non de Goldman Sach, por moi complexas e entreveradas que se volveran as sociedades post-democráticas da Europa neoliberal. Artellar esa resposta en chave inclusiva, plural, democrática e de masas é o único garante de mudanzas substanciais no estrutural. Non facelo sería irresponsable coas vindeiras xeracións. As armas son moitas. Son todas. A liberdade e a igualdade non se negocian.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.