Parece ser que entre as innovacións de primeiro de bacharelato da Xunta de Galiza haivos agora unha materia dous en un, algo así como robótica católica porque seica polo decreto de 2015 emanado da LOMCE, que regula as materias que se deben cursar como específicas en primeiro de Bacharelato, os alumnos que escollan Robótica terán de cursar por forza Relixión (bautismo impreciso porque non se trata de ensino relixioso, da historia das relixións, da orixe do pensamento máxico ou das miudallas sanguentas das guerras de relixión en plan Marvin Harris, o antropólogo, senón que se trata do credo católico).
E non somentes se dá tal obriga coa Robótica senón tamén cos aspirantes a bachareis que escollan Coeducación para o século XXI.
Todo isto ben a conto porque acaba de saír unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número dous de Compostela desestimando unha demanda dunha familia que pedía a anulación da matrícula dun alumno que se viu nesa situación. O xuiz asume como natural que se teña que prescindir obrigatoriamente de Robótica se non se quere cursar Relixión.
Ben mirado, a cousa ten o seu aquel. Supoño eu que esa relixión que elevou a soina, o tabú e a culpa á categoría de arte durante os últimos seiscentos anos, quererá protexer á cándida mocedade dos inmorais trebellos tecnolóxicos á que os pode abocar a robótica. Agora os confesores xa non son os dos tempos de Sarmiento, cando trabucavan trebellar e traballar. O Vaticano estará preocupado polos empregos que andan a destruir os robots. Sabida é a prédica católica de ora et labora sobre as bondades do traballo, prédica que comparten cos protestantes coa súa ética, na orixe do espírito do capitalismo.
A robótica é a ciencia de aprendermonos a humanizar os robots e está nas antípodas do credo relixioso que adoutrina na robotización dos humanos. Non deve estranarnos entón que os nuncios ou os modernos inquisidores, aqueles tonsurados da acumulación orixinaria a costa das mulleres da que nos fala Silvia Federici en Calibán e a bruxa , traballen co tripalio da familia, o Estado e a propiedade privada para delongar o seu credo in aeternum.
Os robots, como os comboios dos camiños de ferro, sempre foron sospeitosos de abrir xanelas pecadentas na alma dos inocentes. Non sei se o Vaticano terálle máis medo á rebelión dos robots que xa aventurava Asimov cá dos ateos. Se cadra algúns robots son máis perigosos ca outros para botar a perder os fieis e apagar os inciensos botando ao paro aos redentores de condenas morais e a aos doutos nese oficio tan produtivo á par ca ximnástico como é o do tiraboleiro.
Abesullo que non se trata só do temor a dar no desemprego cos mestres de relixión, senón ao pánico a que os fregueses que aínda acuden os domingos ao adro poidan caer na lascivia do Sleeper, O dormilón de Woody Allen, aquel robot-empregado doméstico (en realidade, un humano que suplanta a un robot) que se dá á lascivia do orgasmatrón descubrindo a erótica vedada aínda aos humanoides. Só así nos poderemos explicar que sexa tamén a materia de Coeducación para o século XXI a outra que obriga a cursar Relixión no ensino medio.
Ai, canta razón tiña o Pai Sarmiento cando advertía que os confesores non deverían confundir traballar con trebellar, que sempre tiña mal sentido e distava cen leguas do honesto traballar. Se cadra non sería mala pedagoxía recoller no currículo académico deste pintiparado Estado laico, a obriga que puñan daquela os confesores de trebellar só unha hora como moito nos días feriados.