Rosalía de Castro na Lavacolla

O nome do río Lavacolla anegou a parroquia enteira, oficialmente San Paio de Sabugueira, talvez por estar as súas augas asociadas aos lavados rituais dos que se fala no Códice Calixtino, esa xoia tan mal custodiada pola Igrexa Católica. Chegou tamén ao aeroporto da capital de Galicia o nome deste río do que leo que, ao deixar a parroquia, pasa a chamarse Chaián1. Xa en Verdía, onde deita as súas frías augas no Tambre, coñécese como o río da Sionlla que sae nos mapas.

As autoridades competentes acordaron estes días atender o acordo do pleno municipal de Compostela de cambiar o nome, de orixe fluvial, do aeroporto da capital de Galicia, para que figure o de Rosalía de Castro. É sen dúbida unha honra que, quen no futuro aterre nas súas pistas, sexa saudado polo nome desta muller compostelá, unha das grandes poetas universais do século XIX, a nosa inabarcábel poeta nacional.

Cando Rosalía vivía estaría en pleno funcionamento a fábrica de curtumes que se erixiu á beira do río da Lavacolla no ano 1801, que uns anos máis tarde se converte nunha das máis importantes da bisbarra. Andando o tempo, xa no século pasado, na fábrica instalaron unha explotación gandeira e un almacén de adubos químicos e maquinaria agrícola. Despois da guerra que o fascismo franquista lle declarou á República para destruíla e borrar con sangue a democracia do mapa político do Estado Español, converteron o edificio, xa ruinoso, no insalubre aloxamento de presos políticos republicanos. Falamos dun dos campos de concentración dos que sabemos tan pouco, dunha realidade moi afastada das destacadas conmemoracións europeas, que celebran o fin dos campos de concentración nazis.

O Campo da Lavacolla foi un dos nove instalados en Galicia, un dos cento oitenta do Estado Español, e foi o que recolleu un maior número de confinados na nosa nación. Alí traballaron á forza miles de homes derrotados, soldados republicanos que achaiaron o monte para construír as pistas do aeroporto. Aínda recordan hoxe os veciños as longas ringleiras de homes esfameados inzados de piollos que se desprazaban a pé desde o seu aloxamento frío é húmido ata o campo no que traballaban de sol a sol. Traduzo unhas frases do diario de Casimiro Jabonero, un home republicano da provincia de Guadalajara que sofreu cativerio nesa vella fábrica de curtumes, para que poidamos  facernos unha idea das condicións de vida dos presos:

“Imos andando deica unha vila que se chama Lavacolla, aquí está o Campo de Concentración (...) Despois instálannos nunhas naves, estamos amoreados, temos que durmir uns enriba dos outros (...) Por culpa de que durmimos amoreados e a pouca hixiene poden terse piollos (...) e a sarna comeza a sentirse (...) Levo un recordo triste deste campo e dos seus xefes, aquí imperou a fusta, e outra cousa máis, que fai máis mal aínda, sen dar golpes, os insultos, as palabras con dobre intención que te ferían no máis vivo. Non sei a onde irei agora, pero paréceme que sempre me han tratar mellor que aquí ....”2.

Nun acto do 14 de xaneiro do ano que andamos, o concello de Miranda do Ebro, outro dos lugares onde o fascismo franquista habilitou un destes espazos sinistros, organizou a presentación do libro Cautivos y desarmados, que recolle textos traducidos do catalán ao castelán. O seu autor, Francesc Grau Vilader, un dos presos que pasou por aquel Campo de Concentración, cóntanos:

“Todo funcionaba de maneira impecábel. A aniquilación tiña lugar de acordo co plan previsto. Se aquilo durara un pouco máis, o exterminio sería total e absoluto. As enormes matrices dos campos de concentración acadaran unha eficacia capaz de crear unha xeración de homes moralmente castrados, de parir unha multitude de criaturas fisicamente acovardadas e dispostas a aceptar todas as humillacións sen ningún grito de protesta”3.

Os actos coma este de Miranda do Ebro pretenden romper a lousa de silencio que os vencedores da guerra que liquidou a II República Española pousaron sobre a Historia, e que parece manterse riba dela aínda hoxe, cando xa se cumpriron os setenta anos da rebelión militar.

Di o poeta arxentino Juan Gelman que hai quen despreza este esforzo de memoria. Que din que non hai que remexer o pasado, que non hai que ter ollos na caluga, que hai que mirar cara adiante, non insistir en reabrir vellas feridas. Están perfectamente equivocados (continúa o poeta) porque as feridas aínda non están pechadas, latexan no subsolo da sociedade como un cancro sen sosego; o seu único tratamento é a verdade; despois, a xustiza. Só así é posíbel o esquecemento verdadeiro4.

Por iso penso que o enorme nome de Rosalía de Castro, a poeta que sempre estivo á beira da soa e verdadeira xente de traballo do noso país, non debería nunca agochar a existencia do Campo de Concentración de Lavacolla.

Pediríalles ás autoridades competentes que, coa mesma celeridade coa que aprobaron este cambio de nome, se preocupen por sinalar, en lugar visíbel do Aeroporto Rosalía de Castro, que na construción das súas pistas interveu o traballo forzado e a tortura de presos republicanos do Campo de Concentración, que desmontaron a pico e pa un terreo de difícil orografía. As instalacións da terminal abandonada deberían reconverterse, a xuízo de quen escribe este artigo, nun necesario Centro de Interpretación e nun Museo da Memoria: para írmonos achegando á verdade que trate ese cancro sen sosego do esquecemento que o poeta diagnosticou.

 

Notas

  1. San Paio de Sabugueira, a parroquia compostelá da Lavacolla: Henrique Neira Pereira, edición da Asociación de Veciños Ruta Xacobea, 2004
  2. Diario del soldado republicano Casimiro Jabonero, edición de Victor Santidrián, Fundación 10 de marzo, 2004
  3. http://www.vilaweb.cat/noticies/trencar-el-silenci-sobre-els-camps-de-concentracio-de-franco-a-espanya/
  4. Tirado do discurso que Juan Gelman pronunciou ao recoller o Premio Cervantes do ano 2008

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.