Roubo e desfalco

Entre os moitos saqueos do diñeiro público que o goberno do PP está a facer desde as eleccións xerais, quizais un dos mais perversos, silandeiros e graves, que ademais conta cunha anuencia e silencio total dos medios, dos grupos parlamentares e das asociacións de economistas, é o roubo e desfalco dos fondos de pensións; fondos que son a garantía para as persoas que tiveron e teñen unha vida laboral e polo tanto cotizan para teren un futuro digno.

Este fondo creouse no ano 1997, nos pactos de Toledo, e fíxose efectivo no ano 2000. Pois ben, esta caixa, reitero, alimentada polas cotizacións do traballo, propiedade en exclusiva das persoas traballadoras, desde a chegada do goberno de Rajoy, nas ultimas eleccións xerais, está nun 90% investido en débeda soberana do estado español, e a sua contía actual é de, aproximadamente, 65.000 mil millóns de euros... Isto sen consulta nin aprobación en ningún órgano democrático nin cidadán.

Asemade, esta actuación, posibelmente ilegal, ten unha finalidade nidiamente propagandística: demostrar a eficacia na xestión económica do PP facilitando a baixada da prima de risco, o menor pago de intereses pola débeda, e afirmando que xa se sae da crise... Este comportamento foi denunciado en varios xornais europeos, e mesmo o goberno recibiu unha comunicación da UE polo perigo desta operación.

Mais, non só o risco deste investimento é gravisimo, pondo en perigo os dereitos económicos das persoas traballadoras, mais tamén, neste momento, coas reformas laborais do PP e do empresariado que baixaron os ingresos do persoal laboral, cos contratos temporais e en precario, co paro en cifras absolutas, coa emigración masiva da xente moza, co medre do traballo mergullado ou "en negro", os ingresos na caixa común son cada vez mais minguados e non poden repor ou facer medrar os fondos cara o futuro.

Todo isto explica tamén a enorme campaña de medo, convencemento, vantaxes fiscais, etc., que se está a facer desde o goberno do Estado en colaboración coa banca para que as persoas aforren para un plan de pensión privado, que garanta así o seu futuro con dignidade, contribuíndo asi ao aforro depositado na banca, que pode especular con este diñeiro en operacións financeiras....

Coido que un roubo e desfalco deste tipo, semellante aos xa coñecidos das preferentes, o rescate bancario con diñeiro público, a liquidación do patrimonio público empresarial, a fiscalidade inxusta e desigual, a deprezación das rendas do traballo e un longo etcétera, merece unha iniciativa cidadá que obrigue o goberno do Estado a restituír e garantir o diñeiro da caixa das pensións  ás persoas lexitimamente propietarias e telas sempre informadas e consultalas democraticamente. Os aforros e  o futuro non poden ser unha operación de especulación e de propaganda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.