Hai 42 anos España abandonaba o pobo saharauí á súa sorte. Sen poñer en práctica o proceso de descolonización e asinando uns vergoñentos acordos que obrigaron ao pobo saharauí a levantarse contra a ocupación do seu territorio.
A vulneración dos dereitos humanos foi unha constante dende o inicio. Bombardeos, uso de napalm e fósforo branco que se continuaron con torturas, asasinatos e agresión indiscriminada cara todo un pobo que inclúe o mantemento dun vergoñento muro levantado por Marrocos entre o os anos 80 e 87. Un muro cuns arredores inzados de minas antipersoa, a pesares que xa no ano 80 o seu uso quedase restrinxido polo Protocolo II do Convenio sobre “Prohibicións ou Restricións no Emprego de Certas Armas” e fosen finalmente prohibidas na Convención de 1997.
Recentemente varias deputadas do Parlamento de Galicia viaxamos aos campamentos saharauís de Tindouf no marco da viaxe organizada pola Asociación de Solidaridade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) e a delegación do Goberno saharauí.
Resulta doloroso palpar de primeira man unha realidade relativamente próxima pero esquecida pola dirixencia política de medio mundo e por grande parte da poboación.
Produce vergoña pertencer a un Estado, que sendo potencia administradora, ten abandonado ao pobo saharauí condenándoo a vivir nunha perpetua represión por parte de Marrocos e nunhas condicións de vida que incumpren cos mínimos estándares para a saúde.
E todo a pesares do enorme traballo que as autoridades saharauís, o Frente Polisario e o propio pobo fan para organizarse, para mellorar as instalacións e para achegar axudas a quen ten máis dificultades.
Na visita que realizamos á Media Lúa Saharauí nos campamentos e tamén nas conversas co persoal sanitario quedaban patentes cales eran esas condicións de vida. Para que nos fagamos unha idea, a restrición hídrica é tal, que cada persoa só conta cun consumo que rolda os 15 litros diarios atopándose esta cifra nunha marxe que a Organización Mundial da Saúde (OMS) considera de risco alto para a saúde (1). Para que poidamos poñelo en valor, podemos comparalo co consumo medio en España que, segundo o Instituto Nacional de Estadística (INE) sitúase de media nos 132 litros diarios por persoa (2). O elevado custe da realización de pozos e tubaxes para levar a auga complica aínda máis esta situación.
Ademais, o elevado grao de fósforo presente na auga de consumo tamén produce problemas na dentición e nos ósos, entre outros.
Tamén existen outras carencias que nos foron trasladadas nesa visita: anemia crónica en mulleres xestantes, falla de calcio e ferro en mulleres, nenas e nenos. E tamén carencias de vitamina A e C. A incidencia e prevalencia de problemas de saúde coma a celiaquía e a diabete son tamén unha grave preocupación.
As axudas humanitarias que o Sáhara recibe se teñen recortado sensiblemente dende o inicio da crise económica tanto por parte de España, da Unión Europea e países membros e tamén de Estados Unidos, entre outros. Obviamente esas retalladas caen sobre achegas que previamente xa eran irrisorias en moitos casos.
Pero ademais esas axudas supoñen un barato lavado de cara por parte dos mesmos países que seguen comercializando armas a Marrocos a pesares das múltiples resolucións do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Consello do que á súa vez forman parte os países que maioritariamente comercializan este armamento co Reino de Marrocos. Ao que se suman outros estados coma o español.
O goberno marroquí mantén elevados investimentos en materia de gasto militar, sobrepasando este os 3 mil millóns de euros (3). So no primeiro semestre de 2017, España vendeu armas ao Reino Marroquí por un importe de 14,8 millóns de euros, na súa meirande parte en forma de proxectís con espoleta (4).
Non se pode esquecer que ademais da continuada represión contra o pobo saharauí, Marrocos axuda aos seus socios de Arabia Saudí na terrible masacre contra a poboación iemení. Empresas para as que obviamente precisa recursos armamentísticos.
O mantemento desta situación obedece a unha lóxica hipócrita na que, por unha banda se arma á potencia ocupante (Marrocos) e por outra se di apoiar solidariamente ao pobo ocupado (Sáhara). E polo medio xeracións enteiras vivindo nunhas condicións incompatibles cos dereitos esenciais.
A axuda humanitaria e a solidariedade é imprescindible para que poidan manter cubertas necesidades básicas, pero debemos lembrar que ningún pobo desexa vivir perpetuamente desprazado e necesitando axuda humanitaria.
A solución pasa única e exclusivamente pola autodeterminación, pola posibilidade de que as e os saharauís poidan vivir na súa terra e da súa terra. É imprescindible seguir reclamando esas medidas e non esquecer a quen leva 42 anos de loita contra o silencio, a represión, a precariedade extrema. A dignidade de todo un pobo contra 42 anos de abandono.
Viva o Sáhara libre!