A actualidade da política internacional está dominada pola guerra que se desenvolve en Ucraína. Poren, este feito non evita que se manifesten vellos conflitos, reavivados algúns deles pola propia desestabilización creada no territorio europeo por mor da intervención militar promovida polo goberno que encabeza V. Putin.
A petición de entrada na estrutura da OTAN, formulada polas institucións políticas representativas de Dinamarca e Suecia, orixinou a reacción do goberno de Turquía, esixindo a previa ruptura dos países nórdicos coas organizacións kurdas que se refuxian, dende hai tempo, neses Estados
A petición de entrada na estrutura da OTAN, formulada polas institucións políticas representativas de Dinamarca e Suecia, orixinou a reacción do goberno de Turquía, esixindo a previa ruptura dos países nórdicos coas organizacións kurdas que se refuxian, dende hai tempo, neses Estados. Está por ver o desenlace final da ameaza formulada por Erdogan pero esta circunstancia serve para certificar o acoso que ven recibindo o pobo kurdo por parte dos sucesivos gobernos de Ankara, empeñados na desaparición política – e case física – dunha nación que ten que enfrontar as complicadas consecuencias de formar parte de catro Estados (Irán, Iraq, Siria e Turquía). A pesar da mellora conxuntural do seu papel no concerto xeopolítico mundial por mor da coincidencia cos USA no combate contra o Estado Islámico durante a guerra rexistrada en Siria, a recente iniciativa bélica adoptada por Putin erosionou esa vantaxe adquirida pola resistencia kurda. O singular papel que posúe Turquía – aliado preferente dos Estados Unidos no seo da OTAN e, ao mesmo tempo, interlocutor privilexiado coas autoridades do Kremlin – xoga na contra dos intereses kurdos de cara ao obxectivo de avanzar no recoñecemento internacional da súa condición nacional.
Ademais do Kurdistán e do Sahara, Palestina completa un tríptico de entidades nacionais que comparten a condición de vítimas da indolencia da comunidade internacional encarnada na ONU
A recente decisión tomada por Pedro Sánchez, mudando a posición tradicional da diplomacia española no asunto do Sahara, alterou o cadro das relacións con Marrocos e Arxelia, dificultando gravemente as expectativas. dun eventual establecemento da RASD como Estado independente no norte de Africa. Aínda que non existiu unha explicación oficial dos motivos que propiciaron este cambio realizado polo actual presidente do goberno español (substituíndo a defensa do referendo de autodeterminación contemplado nas resolucións da ONU pola proposta dun indeterminado réxime autonómico no seo do Estado marroquí), cabe pensar que estamos ante unha aceptación das presións da Administración norteamericana e dos gobernos francés e alemán, partidarios de reforzar a Marrocos como aliado principal nese espazo territorial.
Ademais do Kurdistán e do Sahara, Palestina completa un tríptico de entidades nacionais que comparten a condición de vítimas da indolencia da comunidade internacional encarnada na ONU. O catálogo de resolucións incumpridas nas últimas décadas é un dos maiores pasivos que acumula un organismo deseñado, teoricamente, para estruturar unha convivencia xusta que evite as confrontacións bélicas entre as nacións e os Estados que conforman o escenario mundial. Os tres casos certifican – con distintas singularidades – o fracaso do Consello de Seguridade da ONU por mor da prolongada subordinación dos sucesivos representantes deste organismo ás políticas ditadas polos gobernantes de Estados Unidos, de Israel e de Turquía.
Estes pobos non carecen da simpatía solidaria de milleiros de organizacións sociais en todos os continentes. O que non teñen é o suficiente compromiso por parte daqueles Estados que poden ser determinantes para neutralizar as pretensións das forzas políticas e militares
Estes pobos non carecen da simpatía solidaria de milleiros de organizacións sociais en todos os continentes. O que non teñen é o suficiente compromiso por parte daqueles Estados que poden ser determinantes para neutralizar as pretensións das forzas políticas e militares (en Marrocos, Israel ou Turquía) que desexan eliminar calquera posibilidade de acadar o máximo recoñecemento institucional para Palestina, o Sahara e o Kurdistán.
O sucedido nas últimas décadas no ámbito do mundo árabe exemplifica a magnitude dos atrancos mencionados. Os apoios declarativos formulados por moitos Estados coa causa palestina non tiveron a tradución práctica necesaria para neutralizar as políticas de exterminio dos sucesivos gobernos de Tel Aviv. O caso mais recente é ben coñecido e resulta paradigmático: o réxime marroquí asinou un acordo con Trump para recoñecer ao Estado de Israel a cambio de que os USA avalaran a soberanía de Marrocos sobre o territorio saharauí. Así se está a escribir a historia.