Dende que o día 1 de Outono se fixo en Cataluña o referendum non paramos de ver, ler e escoitar na caverna mediática, novas sobre a marcha de empresas desa comunidade.
É indubidable, e unha mala nova para Cataluña, que moitas empresas cambiaron a súa sede social e algunha tamén a sede fiscal. Isto non significa para nada que pechen as empresas en Cataluña e se vaian para outro lugar, nin que os traballadores deixen o traballo ou os trasladen para fora. As empresas en principio quedan en Cataluña. Tamén é certo e teríase que dicir da mesma maneira, que algunhas, moitas menos, se trasladaron para Cataluña. O traslado das sedes para fora de Cataluña débese nunha gran medida a que as empresas queren estabilidade, mais fundamentalmente, debeuse á presión do Estado, que entre outras medidas, chegou a facer un decreto, ex profeso e con dúbidas legais, nun tempo record, para facilitar esa saída. Tamén debeuse á actitude de algúns grandes accionistas, sobre todo das grandes empresas e o boicot por parte de cidadáns españois ós produtos cataláns, teledirixidos por campañas mediáticas de grupos fácticos do poder, e que despois, visto que tamén se lle volvía en contra a moitas comunidades, tiveron que pedir publicamente que non se aplicara ese boicot.
Mais dende Galicia teríamos que facer unha seria reflexión sobre este tema, pois ningunha destas empresas que saíron de Cataluña veu a súa sede para Galicia e pola contra, nestes derradeiros anos e incluso días, moitas empresas galegas foron adquiridas por empresas cataláns, por exemplo, o Banco Sabadell adquiriu o Banco Galego, xa antes de cambiar a sede, da mesma maneira que Gas Natural comprou Unión-Fenosa. Máis tamén o grupo catalán TGT comprou a maioría de Lacteos Pérez, unha das máis grandes queixerías galegas con fábricas en Santa Comba e O Pino. A empresa catalá Europasty adquiriu o 60% da galega Ingapan unha das fábricas de pan e derivados maiores de España. Outra empresa catalana Applus comprou o 80 % da galega Inversiones Finisterre, que a través de Supervisión e Control é a dona de todas as ITV galegas e tiña tamén importantes inversións en Costa Rica, e a derradeira empresa catalá, -que se coñeza na prensa- que comprou unha galega foi Suministros Megaro Foods, que se fixo coa empresa Artesanos Gallegos de la Carne, unha sala de despece punteira en España que está no polígono industrial de Castro de Ribeiras de Lea, e seguro que hai máis compras deste tipo.
Isto era do que teríamos que estar falando neste pais, e preguntarnos, como é posible que cun “magnífico” goberno en Galicia, se vendan tantas empresas ós cataláns e non so os cataláns, -e significativo ver como desapareceron en poucos anos practicamente todas as empresas financeiras galegas-, e pola contra as empresas cataláns cun “malísimo” goberno adquiren as nosas empresas e os traballadores galegos seguen a marchar para fora, tamén para Cataluña.