Salou non é Baltimore

Poucas cousas enchen máis o corazón que a solidariedade. Cando os aludidos aceptan a súa alusión e toman conciencia de ser, de pertencer. Cando unha lingua ou unha cultura prohibida rexorde pola recuperación e a práctica diaria, cando as mulleres crean os seus propios espazos libres de sexismo onde non ter medo de poder seren asasinadas. Ou como cando, este pasado martes na Rambla de Barcelona podíase ver os africanos que traballan botando unha tela ao chan e ofrecendo os seus produtos a pe de rúa corrían estrada arriba berrando unidade. Había un feixe de persoas agardándoos á altura de Praza Catalunya. Persoas reais, habitantes desta cidade que semella máis que nunca un parque de atraccións para os turistas, xente que en xeral non adoitas atoparte no mes da agosto por aquelas latitudes desta cidade-escaparate. Centos de persoas acongoxadas por outra morte innecesaria. Outra morte que non se explicará e pola cal nunca se pedirán explicacións. Porque esta morte é autorreferencial, é un pleonasmo, está explicada por si mesma. Non foi un accidente, se cadra non poderemos dicir nunca que foi un homicidio. Non foi un feito illado. Foi a consecuencia última do mundo no que vivimos, da sociedade clasista e racista da que todas formamos parte.

Esta morte foi a consecuencia última do mundo no que vivimos, da sociedade clasista e racista da que todas formamos parte

Cando sabes que non podes contar coas institucións nin coas estructuras de poder, pois elas son as que crean e se aproveitan da túa miseria, quédanche moi poucas cousas no mundo. A excepción da solidariedade. A solidariedade é todo pra os Condenados da Terra. É o seu único alimento cando non teñen nada máis que levars á boca.

Por iso, ver máis de 300 persoas encabezadas polos propios afectados, os manteros, é unha imaxe alentadora. Houbo imaxes distintas en Salou. Imaxes de destrución. Pero non foi máis que a raiba e a impotencia. En serio podemos pensar que unha comunidade tan vulnerable coma a migrante, á que estamos a negarlle non só a libre circulación neste planeta senón incluso o dereito a sanidade, o dereito a existir, se pode permitir iniciar uns disturbios sen un bo motivo, arriscándose a perder o pouco que teñen, que non é máis que a esperanza dun futuro mellor?

Salou, onde morreu un traballador senegalés este martes, non é Baltimore, onde o 9 de Agosto tiveron de novo outra tanda de loitas raciais en lembranza aos asasinados polas forzas do orde. Barcelona, onde grupos como Tanquem els Cies ou Espai del Inmigrant fan piña e demóstranlle aos desprotexidos que non están sós, tampouco é Kos. A illa de Kos, onde a policía helena segrega e malleira refuxiados sirios tampouco é Virxinia, o estado norteamericano que contaba con maior número de escravos no XIX. Pero todos estes lugares e tempos teñen algo en común: a súa sociedade e economía mantense erguida polos pilares do colonialismo e o racismo. 

Josep Lluís Trapero, o comandante dos mossos d'esquadra, os que entraron a facer unha redada de madrugada en busca de “roupa falsificada” no piso no que vivía o falecido Morr, comparecía ante a prensa para defender a inocencia dos seus subalternos. Non é que non teñamos motivos pra desconfiar deles despois do ollo de Esther Quintana, ou do asasinato de Juán Andrés Benítez, ou a morte sen explicar de Idrissa Diallo. A culpa non é dos policías, que fan o que lles mandan. A responsabilidade é nosa por dubidar das vítimas, por pensar que o racismo xa está erradicado ou por seguir beneficiándonos dos nosos privilexios coma brancos occidentais conquistadores do mundo enteiro e comandadores da Historia da humanidade. 400 anos de sometemento escravo non desaparecen dun día pra outro. As estruturas permanecen, as desigualdades non se palian cun feixe de boas palabras e condolencias na morte de Mandela. E con Leis de Estranxeria, obviamente, máis complicado está o tema.

Os galegos sufrimos 600 anos de silencio e represión. E sufrimos o drama do exilio e a migración. Sabemos o que é estar colonizados. Pero non é nin comparable ao que está a sufrir África e a súa xente por todo o que Occidente lle fixo e lle continúa a facer. Galiza non é África. Pero podemos entender que cando os Condenados se revoltan, se organizan, protestan, queiman e enraiban é simplemente porque non poden seguir respirando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.