Salvarmos o noso mar

Manifestación en defensa do mar en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

15.000 persoas, segundo a Policía Local (máis de 20.000, segundo os organizadores), atenderon este domingo en Compostela unha grande demostración na defensa do rol ambiental, produtivo e socialmente vertebrador do noso mar. Porque a maré humana deste 21-X foi convocada pola unidade de acción entre o movemento ecolóxico-ambientalista, os sectores produtivos do mar ( marisqueo a pé e a flote, pesca de baixura, sector mexilloeiro...) e máis por unha grande morea de axentes da sociedade civil galega: os principais sindicatos, organizacións de consumidores como ACOUGA e máis a ampla reivindicación sectorial no ámbito dos servizos públicos galegos...

Cómpre referirmos a dúas cuestións esenciais nesta xeira. Por unha banda o ambientalismo globalista de Greenpeace atendeu desta volta esta convocatoria. Agardermos, logo, que vaian entendendo o vencellamento dos sectores galegos da mar-industria coa ecoloxía humana da nosa costa ao longo dos 1.500 kms da mesma. Pola outra os sectores produtivos do mar galego e mais o movemento ecolóxico-ambientalista todo, por primeira vez na Europa, converxeron nunha plataforma reivindicativa a prol da produción alimentaria, da viabilización demográfica da nosa costa e máis da calidade ambiental deste noso país.

De certo que a xestión da Xunta de Galicia na crise dos granulados de plástico foi moi desaquelada e repenicou os graves erros da catástrofe ambiental do Prestige, malia a diferente dimensión cuantitativa canto ás pèrdas potenciais dunha e doutra crise. Mais no Goberno galego neste comezo de 2024 abrollaron as mesmas técnicas de negación, minimización e proxección das responsabilidades nos outros (quer nun Goberno do Estado tamén lento e pasivo, que amosou non ser quen de desenvolver acaídamente as competencias do salvamento marítimo) e mesmo na oposición, Seica un deporte no que Feijóo xa era campión europeo e que arestora xa lle aprendeu ao seu sucesor, Alfonso Rueda. Un sucesor que, seica menos de quince días despois da primeira finde desta crise, remanece abraiado diante da incompetencia e sectarismo da súa vicepresidenta Ánxeles Vázquez. Velaí un dos graves problemas que tes cando che fai outra persoa a túa equipa ou mesmo o teu Goberno.

Os granulados de plástico constitúen unha grande ameaza ambiental e produtiva para o noso mar. Mais coinciden coa inacción e inoperancia de 15 anos do Goberno galego fronte ás terríbeis perdas na produción de bivalvos nas nosas rías superiores ao 70% , ao esfarelamento da nosa flota de baixura e ás continúas eivas botadas por riba do noso sector mexilloeiro (líder mundial) desque chegou o PP á Xunta na primavera de 2009. Velaí que foran o motor da mobilización que o mar galego requiría dende hai ben de anos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.