Santiago de Compostela está perdendo fol. Os últimos gobernos municipais –o dos alcaldes Bugallo, Currás e Noriega- viven das rendas das directrices que marcou o período como alcalde de Xerardo Estévez. Esa política fixo posible xestionar o medre urbano das décadas pasadas –os 55.000 hab. de 1950 se converteran en 105.000 en 1991- relacionadas co establecemento da capitalidade de Galicia, co medre enorme da poboación universitaria, co papel do CHUS despois da Lei Lluch de universalización da sanidade e, o último pero non o menor, co despregue de Santiago como nó turístico, apoiado na forza pétrea do seu centro histórico e no poder simbólico e cultural que concentra e decanta. Son anos que todo compostelán estraña. A exuberancia e plenitude da cidade apalpábase na rúa. Sen dúbida Santiago era, a unha certa escala, atractor de talento.
Que pasou para que se perdera aquel dinamismo ?. Sen dúbida, o contexto español e internacional non é o mesmo. Os oitenta e noventa foron unha especie de Belle Époque no planeta e unha época de renovación do “Desarrollismo” español dos sesenta -unha combinación de optimismo histórico e diñeiro a mans cheas-. Na primeira década do XXI, no entanto, as nubes negras campan polo mundo e, salvo os moi ricos, que aumentan o tamaño dos seus petos, o común da xente vese sometida a angurias presentes e expectativas decrecentes. Ademais, as administracións públicas non teñen excedente económico e, o que tal vez é tan importante, non operan sobre o fondo de optimismo que permite pensar no futuro. Agora todo é ruín e neoliberal.
Pero o “milagre compostelán” daqueles anos tampouco estaba predeterminado. Vigo e A Coruña, as dúas principais cidades de Galicia, careceron dunha política urbana no medio dunha conxunción tan favorable. Paco Vázquez gobernou á medida dos construtores e dos pelotazos correspondentes. De toda a súa xeira só o paseo marítimo e un par de museos sálvanse do desastre. A perspectiva histórica deixará iso claro. Vigo, pola súa banda, veu pasar unha lista de alcaldes con máis pena que gloria. Só a alcaldía de Pérez Castrillo tivo un abano de ideas: o falido Plan de Urbanismo, Abrir Vigo ao Mar, a así chamada “humanización”. Veremos se as iniciativas de Abel Caballero, en si mesmas positivas, conforman un deseño acabado. No eixo atlántico se Ferrol está en crise permanente, a Pontevedra de Lores foi un éxito no tratamento do centro histórico. Coma no caso de Santiago, alí onde hai un proxecto urbano culto, non vasalo dos intereses espurios do ladrillo, nótase.
O sorprendente éxito de Santiago está ligado ao nome de Juan Luís Dalda, o desaparecido urbanista e magnífico ser humano. El redactou e dirixiu o Plan Xeral Municipal de 1989 e o Plan Especial de Protección da Cidade Histórica. As directrices que marcaron aqueles dous documentos inspiraron o desenvolvemento na cidade nestas décadas. Pero hoxe Santiago, vinte anos despois, está estancado. Non se percibe electricidade, non hai ideas, tampouco en Raxoi. A sensación é de inercia. De estancamento. Para que volva a rodar, Santiago necesita un novo impulso que non pode estar determinado só polo éxito turístico da cidade. Non hai que desprezar o peso dunha industria que lle aporta ao PIB galego máis que o seu sector primario. Nin deixar de aproveitar o seu impulso para implementar novas transformacións urbanas na cidade. Pero o turismo non pode ser o único vector de futuro da cidade.
Santiago ten unha marca potentísima que converte a cidade nun faro que atrae xentes de todo o planeta, pero a cidade ten que xerar recursos que non dependan só do sector turístico nin tan sequera da capitalidade. Santiago debe mudar de escala de modo coherente e para iso ha de xerar un pulmón económico diversificado, dende servizos a empresas ata un sector industrial. Podería beneficiarse das áreas –biomédicas, etcétera- vencelladas á universidade, á investigación e ao coñecemento. Madrid foi centro político dende Felipe II pero só cando, dende os anos sesenta, mutou nunha megacidade na que se concentran industrias, bancos e medios de comunicación, comezou a ser unha capital de verdade –cos efectos de centralización inducidos sobre o resto do territorio do Estado. Hoxe, Santiago só formalmente é a capital de Galicia.
Se Martiño Noriega, ou quen lle suceda, quere deixar pegada do seu paso ten que entender que a tarefa é suturar o espazo físico e crear urbanidade, unha específica e característica sociabilidade. A configuración social de Compostela é máis ampla, complexa e imprecisa do que o foi nunca. E máis extensa no territorio. A tarefa é coser, facer permeables os bordes dunha cidade que pasou de ser ínfima en tamaño a ocupar un espazo maior que necesita ser tramado. Santiago non ten unha estrutura circular, nin de cuadrícula. A Cidade histórica e o Ensanche son espazos que non é fácil casar. Pero aínda é máis difícil tramar os novos barrios. Os problemas de mobilidade derivan desa complexidade da súa morfoloxía, agravada polo enorme tráfico que soporta a cidade.
Darlle compacidade e continuidade a unha estrutura urbana en forma de ril dende San Lázaro ata Santa Marta e a Ponte da Rocha é a ecuación a resolver. Traballar os intersticios ofrecendo solucións de continuidade urbana ao tempo que se descentralizan os servizos, dotacións e comercio, é a clave. Darlle a Santiago outra dimensión efectiva resolvendo os problemas que ese obxectivo implica significaría un aporte á calidade de vida dos cidadáns.
Santiago medra ao norte por San Lázaro e as Cancelas, pero expándese tamén cara Teo polo Castiñeiriño, cara ao Milladoiro por Santa Marta e cara Bertamiráns na dirección do CHUS. Santiago segue sendo, unha pequena cidade pero que está xerando novos barrios. E neles ten que xerarse o marabilloso espectáculo da interacción e a comunicación humana desenvolvendo novas centralidades. Os veciños teñen que sentirse cómodos na súa contorna, así sexa a Volta do Castro como Fontiñas.
A identidade como urbe de Santiago non pode estar marcada só polo Casco Vello, senón que ten que estar centrada, neste período, en coser a cidade no seu territorio e tamén cos concellos limítrofes. Ames, Teo, Sigüeiro, Brión e, noutro nivel, Noia, Padrón ou o Barbanza forman parte da ecuación. A área urbana de Santiago está definida por nexos que hai que saber enunciar e proxectar a un tempo. Pero o máis importante decídese nos seus confíns. Sen esa hipótese de partida non hai solución para o problema. Se a trama de Santa Marta, por exemplo, consegue xerar un núcleo non só de habitación, senón tamén de sociabilidade –unha sorte de novo Ensanche con negocios, bares e comercios- ten máis sentido abordar as solucións de continuidade co Milladoiro que, non hai dúbida, deberan incluír formas de tránsito a pé ou bicicleta ademais de en coche ou autobús. Santiago ten que medrar de escala de modo orgánico. Axuda que se trata dunha cidade verde: despois de Vitoria, se a memoria non falla, a que ten un pulmón máis extenso en España. Os seus parques e xardíns son magníficos
Dende logo, a cidade non pode ser allea ao seu enorme peso simbólico no mundo – e é difícil entender por que hoxe é así. Está claro que o Casco Vello, a abelá, corre perigos evidentes de despoboación e musealización, por tanto de banalización do seu significado. Santiago non é só un lugar físico. A peregrinaxe é a metáfora dun espazo virtual no que atopar orientación e significado. Por iso o traballo de elaboración de sentido está no cerne da propia cidade. Máis aínda, se consideramos que Santiago é a principal forma de proxección internacional de Galicia. O piar central de Santiago reside –é evidente- na súa identidade e carácter, pero non se pode obviar que esa identidade opera agora sobre un espazo físico e social dabondo máis amplo do que hai cincuenta anos.