¡Santiago y cierra, España!

Pazo de Raxoi © Santiago Turismo

Chega Setembro con vocación de diplomático destinado a un país situado entre o verán e o outono. En Compostela aínda é verán. Aquí dura o que duran os turistas que sinalan, cada vez durante máis meses, o ritmo do paso e os prezos dos alugueiros nas rúas da cidade. As follas no chan, chegarán tarde en Novembro, un día antes do San Martiño.

Os profesionais da democracia estreita fixeron e fan un bo traballo na capital galega e tamén, en moitas das cidades dos gobernos do cambio que no 2015, tiveron a responsabilidade de por en marcha políticas públicas alternativas para máis de 7 millóns de homes e mulleres. Ás veces, as cousas que acontecen no local explican o que pasa noutros ámbitos. Neste caso, o acoso e derrubamento municipal precedeu ao esperpento do que aconteceu no estado estes últimos cinco meses (e o que queda por vir). Os profesionais da democracia estreita, neste lifting do réxime do 78, teñen franquías en cada recuncho. Puxeron todo o capital á reedición dun Canovas-Sagasta 3.0.

A cidade está en orde baixo o mando dos que partillaron, a esquerda e dereita, portadas de salvación no "Correo Gallego"

Tornando ao próximo e dado que imos por diante no espazo-tempo, na actualidade nada do que eles dicían que acontecía na cidade acontece ou se acontece non interesa ou cando menos, non sae nos xornais e por iso non existe.

No caso de Santiago as fochancas, o lixo nas rúas, a teimuda ocultación sobre todo o positivo que agochaban os datos, a aporofobia cos excluídos, os problemas de convivencia, o balbordo da noite universitaria, a insatisfacción permanente coas grandes infraestruturas desbloqueadas, as concentracións do sindicato da Policía Local que en escrache semanal esixían ás portas do concello o que agora xa non esixen, a Conselleira con nesgo partidario que agora cala, o Presidente de parte dunha Xunta que tamén cala, os recursos xudiciais contra as municipalizacións que misteriosamente, pronostico, serán retirados nos vindeiros meses, as polémicas permanentes coa dimisionaria valedora do PPobo substituída por unha holografía de homenaxe nos lumes do apóstolo, as difamacións, o pregón herexe de Entroido do Carlos Santiago (co Jabois non se atreveron), o movemento okupa ou os insultos e os ataques aos achegados familiares de cargos públicos, xa non están nin se lles agarda nas crónicas diarias dos xornais, nin nos espazos políticos que as alimentaron. Todo iso e máis son debates e polémicas dopadas e inxustas que ficaron na desmemoria deste porto de Maio do mar dos últimos catro anos.

O cóctel do local para os vindeiros anos levará na nosa cidade menos social, menos participación, menos cultura, menos igualdade e menos transparencia

A cidade está en orde baixo o mando dos que partillaron, a esquerda e dereita, portadas de salvación no "Correo Gallego", os representantes do público na misa e na procesión, a publicidade institucional coa lealdade xornalística, as grandes contratas nos palcos deportivos coas boas empresas, os diferentes plans estratéxicos encargados polos que dicían ter un plan, o padrasto escollido pola democracia agardando que os fondos europeos captados e os proxectos de cidade que antes non valían digan papá, a pía bautismal preparada e os pactos das cousas serias en marcha coas organizacións serias (PSOE-PP) e as institucións aínda máis serias.

Listen and repeat. O cóctel do local para os vindeiros anos levará na nosa cidade menos social, menos participación, menos cultura, menos igualdade e menos transparencia. Pola contra novos ingredientes intúense na composición. Turismo a granel en parque temático, desenrolos urbanísticos, máis luces de Nadal, máis liturxia, máis autonomía para as contratas, máis Große Koalition, máis exencións fiscais para os que máis teñen e moito, moito Xacobeo 21.

Lembrando a Valle e fuxindo de dramatismos na situación actual, facemos noso para todo o diálogo entre Max e Don Latino en Luces de Bohemia (- A nosa traxedia non é traxedia, - Pois algo será, - O esperpento).

Quen pretenda definir a vida dunha cidade dende a súa acción institucional despreza á cidade

Quen pretenda definir a vida dunha cidade dende a súa acción institucional despreza á cidade. O mesmo acontece nos países e nos estados. Santiago é un lugar de encontro de múltiples motores que acompañan no tempo unha capital dun país decapitado nun estado intervido. A institución local ten que decidir nese relato coral de que lado está. Foi quen de facelo durante os últimos catro anos, desafiando ao statu quo da cidade e pagou un alto prezo, máis aló dos seus acertos e os seus erros que sempre pesaron no lado da honestidade na balanza. Manter ese desafío dende roles diferentes individuais e colectivos é a única maneira de manter a compostura e tamén de alimentar eses outros motores da cidade vizosos e cargados de futuro. Manter ese desafío é tamén manter unha praxe dende a incomodidade, o mínimo esixible para militar coas que están implicadas en mudar o estado das cousas ou ao menos en dicir, que o futuro que ven en camiño non tivo o noso plácet.

As derrotas, sinalan os límites da nosa loita desigual. Son destas últimas das que toca aprender para impugnalo todo unha vez máis, e outra, e outra, e sempre, coa esperanza de que a historia mude de rumbo

Retornando a Valle, sempre queda a esperanza de escoitar a Dorio de Gádex mudar o “Santiago y cierra, España” por “Santiago e abre España, á liberdade e ao progreso”. Para o primeiro e o de sempre, xa están os de sempre.

As vitorias dos que estamos coas derrotadas da historia, certifícanse as veces nos controis de alcoholemia dunhas institucións cada vez máis afastadas da rúa. As derrotas, sinalan os límites da nosa loita desigual. Son destas últimas das que toca aprender para impugnalo todo unha vez máis, e outra, e outra, e sempre, coa esperanza de que a historia mude de rumbo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.