Saúde social

Educación sexual © Osvaldo Montero

Desde aquí, vai o meu agradecemento a Jaione Camborda e toda a súa equipa polo excepcional traballo na teima de seguir lembrándonos can dura foi esta loita feminista e como de recente está a consecución do dereito. Mais coido que esa perspectiva non é incompatible con poñer o foco nun asunto de base.

De cando en vez acontece que unha bomba informativa cae no medio da voráxine da comunicación global, mais non estoupa. Esta semana que remata comezou cunha delas. Pasou case desapercibida e non recibiu apenas atención nos medios. Refírome aos datos publicados polo Servizo Galego de Saúde o pasado luns, segundo os cales o número de interrupcións voluntarias do embarazo amosa un aumento do trinta por cento en 2022. O significativo, o que estarrece, é que esta suba é especialmente relevante na franxa de idade dos dez aos dezanove anos, achegándose ao corenta por cento. Si, leu vostede ben. Dos dez anos en adiante. 

As cifras achegadas polo SERGAS ofrecen ademais outro dato de callado. As enfermidades de transmisión sexual tamén sufriron un incremento esaxerado en 2022 con respecto ao ano anterior e a toda a década precedente. Doenzas como a gonorrea e a sífilis disparáronse ata o 67% nun ano.

Un fotograma de 'O corno' ©

Procuro na prensa información e valoracións, para descubrir que o debate público centrou o foco na titularidade das clínicas e hospitais onde se practicaron as 2.975 IVE de 2022. Por suposto, é vital protexer a gratuidade, a calidade e o garante da dispoñibilidade desta atención médica como servizo público. É unha conquista de dereitos sociais que tanto nos custou acadar ás mulleres. 

Nestes mesmos días, o filme O Corno gañou nada menos que a Cuncha de Ouro no Festival Internacional de Cine de San Sebastián. Desde aquí, vai o meu agradecemento a Jaione Camborda e toda a súa equipa polo excepcional traballo na teima de seguir lembrándonos can dura foi esta loita feminista e como de recente está a consecución do dereito. Sen ir máis lonxe, hai só nove anos que tivemos que tomar as rúas, unha vez máis, para parar a “Lei Gallardón”.

Mais coido que esa perspectiva non é incompatible con poñer o foco nun asunto de base. A saúde sexual das galegas está en perigo. E tamén a dos galegos. Sobre todo, a da xente máis nova. Crianzas, adolescentes. Unha xeración que medra ao abeiro da pornografía violenta, arriscada e gratuíta, sen guías, sen aprendizaxe para manexarse no mundo paralelo de realidades distorsionadas que é a internet. Nenas e nenos que comen mirando na tableta películas que louvan o amor romántico, que dispoñen dun teléfono intelixente (nome eufemístico do ordenador con conexión permanente que todas levamos no peto) con sete anos, ás que alcumamos nativas dixitais cando en realidade son unha tribo desorientada de orfas dixitais.

A saúde sexual das galegas está en perigo. E tamén a dos galegos. Sobre todo, a da xente máis nova. Crianzas, adolescentes. Unha xeración que medra ao abeiro da pornografía violenta, arriscada e gratuíta, sen guías, sen aprendizaxe para manexarse no mundo paralelo de realidades distorsionadas que é a internet

E nós, as adultas, sen decatarnos de que todo isto acontece xusto diante de nós. Na mesma mesa na que achegamos o móbil para que o neno xogue e así poder falar a gusto de cousas de maiores. As que recibimos os datos do SERGAS e nos fixamos só nunha parte dos datos. As que non imaxinamos os retos virais sexuais aos que “xogan” os nosos fillos e fillas preadolescentes. As que nos escandalizamos cando se destapan casos de pornovinganza ou ciberacoso nos centros escolares, preguntándonos como é posible. 

A Sociedade Española de Contracepción reclamou, a raíz dos datos que aquí comento, un pulo na educación sexual. Concordo niso con esta organización. Mais quero engadir á demanda que esa educación non será eficaz de non orientarse, ademais de á mocidade, cara ás adultas que educamos: docentes, titoras/es legais, familias. Porque non temos nin idea, pero iso non evita que o andazo siga a espallarse pola fibra de vidro a toda velocidade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.