A doutrina económica liberal en xeral, e a da escola austríaca en particular, explican o feito económico de xeito certeiro e maxistral: describen a realidade factual, explican as causas e debuxan as inevitables consecuencias, todo ilo encaixado nun corpus homoxéneo e compacto. Aí ninguén lle tuse. Coma diagnosticadores non teñen prezo. Porén, cando o sistema económico racha por algunha disfunción ou desequilibrio, o paradigma austríaco-liberal só ofrece unha receita: deixar que a Orde Espontánea volva as cousas ó rego. Ou o que ven a ser o mesmo, cruzarse de brazos, aguantar o trebón e rezar para que escampe.
Cando o sistema económico racha por algunha disfunción ou desequilibrio, o paradigma austríaco-liberal só ofrece unha receita: deixar que a Orde Espontánea volva as cousas ó rego
Se non fora porque non é, case un pensaría que os alicerces da teoría austríaco-liberal descansan en máximas galegas tales coma Éche o que hai, Que se lle imos facer ou Nunca choveu que non escampara. E levan moita razón no que din, tanto os liberais coma os galegos. Porque o mundo é redondo, e da voltas sobre si, e detrás das noites veñen os días, e logo dos invernos as primaveras e namentres non haxa un cataclismo, sabemos certo que despois de chover ha escampar. Non podemos dicir cando, pero si que vai suceder. E iso xa da unha tranquilidade.
Se os males económicos son de pouca envergadura, o recetario galego-austriaco-liberal pode ata ser o mais aquelado, deixando que sexa a propia dinámica do mercado (chámeselle Man Invisible, Orde Espontánea ou Carabina de Ambrosio) a que reaxuste a asignación de recursos á nova estrutura de capital. Se un sector da economía entra en crise, por exemplo, o resto dos sectores rematará absorbendo os factores produtivos utilizados por aquel e a cousa non pasará a maiores. Cando collemos a gripe sabemos que é cuestión de trampear o asunto durante unha semana pola nosa conta ou ir ó médico de cabeceira e botar sete días tomando antibióticos e protectores estomacais. E tanto as crises sectoriais coma as gripes e catarreiras son fenómenos periódicos e recorrentes nas nosas vidas; e agás complicacións, non son a morte de ninguén nin a defunción do sistema económico.
Mais se a desfeita económica é de catro estalos –como é a que por desgraza non tocou vivir e testemuñar-, o recetario galego-austríaco-liberal, aínda conservando a súa validez teórica, serve de pouco ou nada na práctica. Claro que o sistema chegaría a recompoñerse algún día sen a intervención pública, pero a un prezo que igual arrepía só pensar nel. Retomemos o mundo da medicina, coa que a economía garda un grande paralelismo: Imaxinemos un paciente con cancro de fígado nun hospital. O que o enfermo agarda da Medicina é un plan de cura. A diagnose certeira xa a dá por suposto.
O que o enfermo agarda da Medicina é un plan de cura. A diagnose certeira xa a dá por suposta
Aínda que as posibilidades de salvación sexan poucas ou incertas, a Medicina non deixa que sexan só os propios mecanismos de defensa que ten o corpo humano os que saquen do apuro ó paciente, senón que vai poñer todo o seu coñecemento a disposición da conservación da vida humana. Acaso a man invisible que goberna o corpo humano é menos fiable ca que equilibra ofertas e demandas? Por que podemos remexer nas tripas do corpo e, pola contra, as forza do mercado nin meneallas? Resulta paradoxal que a obra humana (o sistema económico) sexa mais sagrada ca o seu propio autor (o ser humano).
Pero aínda hai mais. Os defensores da non intervención pública no sistema económico adoban a súa teoría con profusa simboloxía relixiosa e do alén. Aparecen así os pecados pasados causantes dos males presentes, o necesario arrepentimento, as inevitables penitencias e o sufrimento redentor. De aí a concluír que a famosa Man Invisible en realidade é Deus hai só un pasiño de nada. E se Deus é a Man Invisible, entón non hai de que preocuparse, xa que canto mais suframos neste mundo mais recompensa teremos no outro.
Sabemos que, moi de cando en vez, o sistema económico racha por algún lado e deberiamos ter a estas alturas da ciencia unas liñas de actuación claras e medianamente precisas para enfrontar as feridas abertas
O conxunto de leis e teoremas económicos axúdanos a comprender o por que das cousas, e sabendo o por que podemos guiar as nosas accións na procura dun maior benestar. Pero a ciencia económica non debe rematar aí as súas achegas. Porque sabemos que, moi de cando en vez, o sistema económico racha por algún lado e deberiamos ter a estas alturas da ciencia unas liñas de actuación claras e medianamente precisas para enfrontar as feridas abertas. Porque se as solucións as temos que buscar na Biblia, foi en balde todo o esforzo intelectual gastado, dende Turgot e Smith ata Krugman e Garrison. E chegados a ese punto, teriamos que roubarlle as palabras do comisario Castro sobre o electricista ladrón de Códices, e afirmar derrotados que a economía é unha ciencia cerrada, escura; nunha palabra, galega. Xa por non dicir lúgubre, que din que dixo Thomas Carlyle no seu día.