Se as Tanxugueiras están, Galicia está

Actuación das Tanxugueiras no Benidorm Fest © Rocío Cibes

Lembran aquel lema: “Se o BNG está presente, Galiza está presente”. Un slogan moi ben escollido pois do que se trataba era de recoller o voto de descontento coa actuación de En Marea nas Cortes Xerais.

En Marea estivo de perfil, condicionada polas urxencias de Podemos, nos grandes problemas do País. Ademais, a maioría dos seus representantes desentendéronse dos seus electores

En Marea estivo de perfil, condicionada polas urxencias de Podemos, nos grandes problemas do País. Ademais, a maioría dos seus representantes desentendéronse dos seus electores, mesmo algún quedou a vivir para sempre en Madrid, converténdose en algo así como un novo tipo de representante cunero. Os oito representantes iniciais de En Marea (6 deputados e 2 senadores) eran máis ben preguiceiros, a excepción de Yolanda Díaz que multiplicándose fora incluso da súa circunscrición - A Coruña - deixaba máis en evidencia a incompetencia dos outros representantes.

Dous anos despois, o BNG está presente pero pinta menos que outros partidos que con igual representación no Congreso dos Deputados, como Teruel Existe ou PRC, son decisivos á hora de sacar adiante os orzamentos do Estado ou de chegar a acordos co goberno.

Imaxe do Congreso dos Deputados durante un pleno © Congreso

Dous anos despois, o BNG está presente pero pinta menos que outros partidos que con igual representación no Congreso dos Deputados, como Teruel Existe ou PRC, son decisivos á hora de sacar adiante os orzamentos do Estado ou de chegar a acordos co goberno

Cando a investidura de Pedro Sánchez, e a raíz do apoio do BNG á mesma, os medios destacaron a transferencia da AP-9 e a bonificación do 100% aos usuarios recorrentes como acordo estrela. Nestes dous anos a realidade foi en dirección contraria nese e noutros temas prioritarios para os galegos. Así que o BNG está, e Galicia nin esta nin se lle espera. 

Despois viñeron as eleccións autonómicas e aínda que xa se sabia que o BNG ía recoller una boa parte do voto desencantado coas peripecias -saga e fuga- de En Marea, so uns poucos chegamos a predicir a magnitude da desfeita.

Entre os motivos da desaparición de En Marea, e a súa principal herdeira Galicia en Común, do Parlamento de Galicia, non foi unha cuestión menor a elección do candidato á presidencia da Xunta de Galicia. Antón Gómez-Reino daba a impresión de ser un candidato desganado e proxectaba a idea de que “pasaba por aquí” pero en realidade Galicia non estaba dentro das súas prioridades.

De verdade que nunha situación pandémica, prebélica, de crise económica e ecolóxica, de incremento das diferencias sociais, e de importantes retos democráticos; os resultados do Benidorm Fest poden adquirir o nivel de rango político?

Pasaron as eleccións, a autocrítica foi ‘implacable’ e os responsables políticos dimitiron. Dimitiron dos seus compromisos con Galicia e, ao igual que facían os partidos extra parlamentarios nos seus mellores tempos, tomaron vacacións ata novas eleccións. Despois de dous anos sen saber de Antón Gómez-Reino máis que por twitter, imaxino que ocupado en temas máis importantes que representar aos electores da súa circunscrición, reapareceu para amosar o seu malestar pola derrota de Tanxugueiras no Benidorm Fest.

Competindo en indignación, Néstor Rego, tamén alzou a voz para defender a Galicia nesta nova aldraxe. A verdade que non entendo que se lle perde ao BNG neste asunto. Tanxugueiras levaron na súa música a reivindicación dunha identidade aberta (sen fronteiras), que quere estar presente con outras culturas nun espazo político plural e coa intención de representar a ese espazo –España- nun festival internacional.

De verdade que nunha situación pandémica, prebélica, de crise económica e ecolóxica, de incremento das diferencias sociais, e de importantes retos democráticos; os resultados do Benidorm Fest poden adquirir o nivel de rango político?

Hemiciclo do Congreso dos Deputados © Congreso dos Deputados

Todas as eleccións que se veñen producindo aquí e noutros países do noso entorno -recentemente Portugal - apuntan que a extrema dereita populista medra nos nichos tradicionais da esquerda a conta da neglixencia de principios da mesma e dos seus máis que evidentes problemas de adaptación á nova realidade.

Todas as eleccións que se veñen producindo aquí e noutros países do noso entorno -recentemente Portugal - apuntan que a extrema dereita populista medra nos nichos tradicionais da esquerda a conta da neglixencia de principios da mesma e dos seus máis que evidentes problemas de adaptación á nova realidade

A existencia de políticos máis ocupados en facerse ver nas redes sociais que en manter contactos cos seus votantes para saber das súas demandas e aspiracións - canto hai que aprender do modelo dos ‘Constituency’ británicos - son o maior lastre para a boa imaxe da democracia. Os cidadáns deberíamos poñer en común como principio non volver a votar a ningún político que dedique máis ala do meramente informativo o seu tempo laboral ás redes sociais, ao espectáculo da crispación e a banalidade do debate público; son tempo pagado polos contribuíntes, favorecen ao conflito e a demagoxia, e lle restan facer o seu traballo lexislativo - e/ou executivo -.

Resulta curioso ver aos partidos da esquerda galega criticar os métodos de elección do Benidorm Fest cando eles utilizan ese mesmo mecanismo - primarias adulteradas para que ao final sexa o ‘xurado’ quen elixe - para designar as súas candidaturas. Os políticos de BNG e GenC deberían aprender do ‘fair play’ das Tanxugueiras. Hai tempo que a esquerda esta ausente, e aínda que o BNG está, parece que Galicia so está si están as Tanxugueiras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.