A raíz da pandemia, milleiros de cidadáns sacamos a pasear a nosa ignorancia sobre a inacción dos gobernantes, o efecto difusor do 8 de marzo ou a nosa tradicional desconfianza sobre o forasteiro
Estes días quixen buscar a miña propia narrativa respecto a Pandemia COVID-19. Na orixe, coma na evolución Darwiniana, un acontecer fortuito tan común como explosivo un “salto viral” do morcego ao ser humano, un intercambio xenético envelenado entre os dous únicos mamíferos voadores que existen.
Milleiros de vendedores arrastran a súa pobreza en carromatos e motos cada mañá desde o campo, ata a fermosa cidade de Wuhan, maravilla da arquitectura moderna, no medio da modernidade érguense postos con animais salvaxes engaiolados (triunfo do home sobre a natureza), xunto os que ofrecen as súas viandas nun mercado ruidoso, exótico e cromático, delicia dos curiosos e turistas. Mentres, un trebón de ferraris vermellos campan maxestuosos pola gran arteria da urbe: todo en orde no albergue dos vellos anceios dos poderosos: un aparente equilibrio e complacencia na desigualdade; todo parece accesible, pero é todo inalcanzable.
Desde as trincheiras das nosas casas forradas de roupa e tecnoloxía orientais saiamos ao mundo mañá con visión humilde, pacífica, respetuosa, feminista e xusta
A raíz da pandemia, milleiros de cidadáns sacamos a pasear a nosa ignorancia sobre a inacción dos gobernantes, o efecto difusor do 8 de marzo ou a nosa tradicional desconfianza sobre o forasteiro, e coma se dun exercicio de lingua se tratara, damos encaixado sen dificultade na mesma frase: barato, lixoso, mentireiro, cheirento e come-cans co colofón do xentilicio oriental. Se cremos que o problema é China, toda esta dor e medo que pasamos pódese converter nunha simple e terrible xenofobia, xermen das guerras que sempre foron na historia da man das pandemias.
Non son viróloga nin veterinaria nin experta en medio ambiente, son psiquiatra e polo tanto, vou falar do que sei; de acordo coa denostada OMS hai 800000 mortes por suicidio ao ano; ao parecer ¼ dos suicidios ocorren en China; e neste país, especialmente nas zonas rurais, e, en contra de todas as estatísticas planetarias, as mulleres mátanse máis ca os homes. Por que?. Tamén sabemos pola OCDE que onde a muller ten maior influencia, máis nivel educativo e maior control da economía doméstica a seguridade alimentaria e maior e hai menor mortalidade infantil.
Se cremos que o problema é China, toda esta dor e medo que pasamos pódese converter nunha simple e terrible xenofobia, xermen das guerras que sempre foron na historia da man das pandemias
Que lle pasa logo as mulleres das aldeas máis poboadas do mundo?... Quixéronlles encoller os pes, as tiraron coma zapatos vellos e agora teñen que embutirse nun estraño mundo postcomunista e neoconfucionista ao mesmo tempo; o comunismo non evolucionou cara a democracia, que é descontrolada, criticable e variable en ideas e propostas de confinamento e desescalada; o comunismo fíxose relixioso e centralista como o fascismo católico e nacionalista español....
Desde as trincheiras das nosas casas forradas de roupa e tecnoloxía orientais saiamos ao mundo mañá con visión humilde, pacífica, respetuosa, feminista e xusta.