Seguir avanzando ou dar marcha atrás

CC-BY-SA Praza Pública

As dereitas políticas e sociais españolas sempre tiveron como un dos seus dogmas que si España estaba entre os estados da Unión Europea con maiores niveis de desemprego e menores de ocupación era por mor de que os traballadores españois non queren traballar e por iso non aceptan os empregos que se lles ofrecen -”o desemprego é sempre voluntario, pois pode eliminarse simplemente si os traballadores aceptan salarios mais baixos”-. Un dogma sen fundamento pero que polo que vimos de escoitar, por boca da señora Rocio Blanco, Conselleira de emprego do goberno andaluz (PP) as dereitas extremas queren recuperar cando chegan a gobernar.

Antes de detallar as ideas que en materia de emprego defende o Partido Popular (PP) compre subliñar como se merece os resultados que presenta o actual goberno de quenda (PSOE/UP) neste eido da política económica incluso nunha conxuntura internacional tan difícil e con tantas incertezas como a que estamos vivindo. Asi si utilizamos os datos da EPA (a estatística mais fiable neste campo) vemos que en abril deste ano 2023 (o último dato dispoñible neste intre) o número de empregos roza os 20,5 millóns (20.452.800) que en relación co mesmo mes do ano 2018 (Goberno PP) supoñen 1.108.000 empregos mais (19.344.100). Variación positiva que se amplía si utilizamos o dato do SEPE que recolle, no mes de xuño (2018/2023) unha diferencia positiva de 1.870.000 empregos (20.870.000 fronte a 19.000.000). Pouco hai que engadir a estas contundentes evidencias empíricas mais que felicitar ao goberno de quenda (PSOE/UP) por estes resultados (España por primeira vez en décadas roza os 21 millóns de empregos). Felicitación merecida por que esa mellora cuantitativa no emprego tamén se acompaña de melloras cualitativas: se reduce a porcentaxe de traballadores/as asalariados/as con contratos temporais (-50%) e medra a de contratos indefinidos, tamén se reducen as desigualdades de xénero e o número de fogares con tódolos seus membros activos en paro (de 1.113.000 a 1.055.300). Queda moito camiño por percorrer, segue habendo moita xente que o está pasando moi mal, pero vaise na boa dirección aínda que compre amplialas reformas (reducción da xornada laboral, maior seguridade no emprego, reformas do SEPE, menos facilidades para o despido, ampliación da negociación colectiva e maior protagonismo dos traballadores nas empresas e nas administracións públicas, mais empregos públicos, redución da idade de xubilación...). Vaise na boa dirección por que este goberno tirou por terra os dogmas neoliberais demostrando a súa ineficacia. 

Unha dinámica que se pode reverter si atendemos as intencións das dereitas extremas (PP/VOX), si chegan a gobernar en España, que pasan por derogar o que chaman “sanchismo” e, xa que logo, as reformas aprobadas por este goberno de quenda (PSOE/UP). Como se pode ler nos seus documentos estas dereitas defenden, por caso, os axustes fiscais que, como vemos nas Comunidades autónomas nas que están gobernando, supoñen grandes recortes nos empregos públicos (sanidade, ensino, dependencia...). Reformas laborais neoliberais que, tamén facilitan o despido e procuran unha moderación dos salarios. Unha estratexia que con total sinceridade ven de reclamar un destacado representante das dereitas económicas como, por caso, o Circulo de Empresarios que lle reclama ao novo goberno “recuperar a contratación temporal, abaratar a indemnización por despido para os contratos fixos, baixalas cotizacións sociais, elevala idade da xubilación aos 72 anos...”

Unha estratexia para cuxo éxito estas dereitas extremas tamén ven necesario debilitar a capacidade de negociación das clases traballadoras e así, Santiago Abascal, líder de VOX, non se cansa de repetir que si o seu partido entra no Goberno logo das eleccións deste 23 de xullo “porá no seu sitio a Comisións Obreiras (CCOO) e a Unión General de Traballadores (UGT)” aos que cualifica como “sindicatos do crime”. Declaracións que nunca foron desmentidas polo outro partido (PP), e que responden ao dogma neoliberal de que son os sindicatos quen están impedindo “que os empresarios poidan contratar aló onde o necesiten e nas condicións que a estes lles resulten mais apropiadas” (sic), por que aqueles co seu poder sindical “impiden que os traballadores acepten calquera salario e calquera traballo”. (sic). Declaracións que supoñen unha vontade manifesta de dinamitar o diálogo social como así se está facendo nas comunidades nas que gobernan.

Unha estratexia que tamén cuestiona melloras como, por caso, as subas do SMI e de subsidios como o desemprego (velaí a súa oposición as melloras aprobadas por este goberno de quenda) por que impiden que as empresas poidan crear empregos mais baratos e favorecen que os traballadores prefiran vivir dos subsidios antes de aceptar o posto de traballo que lle ofrecen (sic)

Ideas, dogmas, sobre o mercado de traballo que son moi antigos, que teñen demostrado continuamente a súa ineficacia pero que, como estamos comprobando, as dereitas extremas españolas (PP/VOX) pensan recuperar si acceden ao goberno. Unhas ideas que de ser postas en marcha reverteran, sen lugar a dúbidas, a actual boa marcha do mercado de traballo. Os traballadores dos pobos de España non deberan ignorar as evidencias nin deixarse enganar polos falsos profetas neoliberais pois os intereses destes son moi contrarios aos seus. Non deberían deixarse arrebatar aquelo que tanto traballo lles está custando conseguir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.