Segundas rebaixas

Rebaixas nun comercio galego CC-BY-SA Septem Trionis

 

Moitas destas columnas encabézoas con referencias audiovisuais. Debo recoñecer que é un xeito de achegarme a un público xeral, mentres á vez trato temas de actualidade política. Aínda así, calquera peza de opinión propón un tema cun enfoque particular; ligado en moitas ocasións ás circunstancias do autor. E o contexto de todos, dun tempo a esta parte, é o dunha pandemia que aínda nos acompañará por un tempo.

Non é estraño que amplas capas sociais mostren o seu descontento nas rúas, desprovistos dun futuro a longo prazo e dunha vida normal a curto 

En xuño de 2020, un ministro do inefable goberno de Jeanine Áñez en Bolivia comparou, nunha declaración pública, ao coronavirus co malvado de Marvel Thanos. Segundo o ministro, Thanos “está a gañarnos” e os cidadáns debemos sacar o mellor de nós mesmos e tomar partido ao lado dos Vengadores. A infantilización do discurso político e o surrealista da comparación non merece demasiados comentarios. 

Si é certo que a situación socioeconómica parece non recuperarse do chasquido do antagonista de Marvel. A eclosión da pandemia e as restricións de movemento e á apertura de negocios tiveron consecuencias inmediatas de dimensións que aínda están por calcular. Non é estraño que amplas capas sociais mostren o seu descontento nas rúas, desprovistos dun futuro a longo prazo e dunha vida normal a curto. Da miña xeración, dos millenials, dicíase que nos afixemos á precariedade e á incerteza e que preferimos unha boa viaxe no verán que aforrar para acometer a imposible tarefa de comprar unha vivenda. Agora non hai viaxes nin certezas.

Para soportar o impacto emocional deste tempo de desasosego, un pequeno grupo de amigos comemos xuntos semanal ou quincenalmente -en función das restricións-. Non é unha decisión calquera, xa que ao escoller a este grupo formamos parte da nosa burbulla ampliada. Colectivamente chegamos á conclusión de que nos era necesario un espazo de encontro onde esquecernos do teletraballo, das obrigacións e do teito da casa que en ocasións se nos bota enriba. Coa cautela e as medidas necesarias, xuntámonos periodicamente nun restaurante galego do Raval barcelonés, que agradece a nosa presenza incondicional tratándonos coma se fósemos clientes VIP.

Non queremos ver eternos carteis de “segundas rebaixas” nas nosas rúas, debemos pór o foco nas persoas e na crise económica que se aveciña

O outro día dirixíame a unha destas comidas, atravesando a rúa Portaferrissa de Barcelona. Calquera que tivera camiñado algunha vez polas rúas lindeiras á Rambla saberá da gran cantidade de persoas que pasean por esta zona da cidade. O certo é que se segue observando a moitas persoas paseando, pero hai que fixarse un pouco máis para entender o alcance do desastre. Encontro ao meu paso unha multitude de locais en aluguer ou traspaso, onde antes había tendas de todo tipo -especialmente de calzado e téxtil-, mentres as multinacionais aínda resisten a duras penas, con moito menos persoal nos seus establecementos. Que pasará cando se acaben os ERTEs? Ese pensamento atravésame e inquiétame. 

Mentres alixeiro o paso -afago chegar lixeiramente tarde me dou conta de que estou a escoitar unha canción dos Chikos del Maíz. Un grupo de rap de marcado carácter de esquerdas, non vos digo máis; coa que está a caer. Fíxome nun cartel dunha tenda aberta que anuncia un apocalíptico “Liquidación Total”. Uns pasos máis aló, o mesmo rótulo de cada semana “Segundas rebaixas”. Sospeito que esas palabras están pegadas no escaparate dese establecemento desde marzo de 2020.

Non se se foi Thanos ou un virus estraño, pero, inconscientemente ou non, resignámonos a esta situación de incerta pausa vital. Individualmente, só podemos refuxiarnos na nosa xente e nas nosas conviccións. Este segundo punto é central: a prioridade desta etapa política debe estar presidida pola esixencia aos poderes públicos. Non queremos ver eternos carteis de “segundas rebaixas” nas nosas rúas, debemos pór o foco nas persoas e na crise económica que se aveciña.

A verdadeira vacina contra o populismo de dereita implica que os gobernos propoñan medidas de rescate social de amplo espectro. A política de parches practicada até agora deberá finalizar chegado o momento e cabe esperar altura política e valentía

A verdadeira vacina contra o populismo de dereita implica que os gobernos propoñan medidas de rescate social de amplo espectro. A política de parches practicada até agora deberá finalizar chegado o momento e cabe esperar altura política e valentía. Persoalmente, sempre considerei que é un bo momento para estudar a posibilidade de implantar unha renda básica universal. Aínda que talvez, descoñézoo, existan outras propostas capaces de reconfigurar o mercado de traballo e de garantir unha existencia digna a toda a cidadanía. En calquera caso, a vida debe volver ao centro.

Polo momento, os chupitos de licor café da sobremesa dan calor á incerteza. Desvanécense os pensamentos negativos por un tempo, aínda que secretamente pense: e se o próximo en quedar na rúa son eu? Non sería nin unha novidade nin tampouco algo estraño; como tampouco o é que esa zapatería ofreza descontos desde hai un ano. Ata que teña que pechar, claro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.