Seguridade. Privilexios. Odio. Negocio

Curiosas as verbas do noso ministro de interior, Fernández Díaz, que sinala que dende agora en adiante teremos que acostumarnos a vivires as nosas vidas “con certo risco”. Como se o risco endexamais existira na nosa perfecta sociedade da democracia e a civilización. Pois resulta que eu estou convencido de que a sensación de seguridade é un dos maiores males da nosa época. Segundo sociólogos, psicólogos e antropólogos é unha das necesidades básicas a cubrir por un ser humano. Segundo outros trileiros máis hábiles é unha fonte de riqueza inigualable. Segundo as autoridades, a escusa perfecta para a dominación por medio da represión e a vixilancia.

No fondo, a seguridade non é máis que unha ilusión, unha sensación, unha interpretación máis do mundo que nos rodea, aquela que nos proporciona tranquilidade e asevera que nin nós nin aquilo que queremos sufrirá dano ou cambio algún. Por desgraza é unha sensación que se fundamente a maior parte das veces na covardía e a incomprensión. A covardía lévanos a delegar os nosos riscos noutras persoas, as cales, “amablemente” ofrécense a “protexernos” a un módico prezo: o noso diñeiro, a nosa liberdade, a nosa alma. A incomprensión alimentou desde tempos inmemoriais a xenofobia e a desconfianza, e en máis ocasións das que o Longo Camiño Cara á Felicidade e o Progreso desexaría, levounos directa e burdamente cara á violencia pura e dura, a guerra e a opresión.

A cuestión é que a sensación de seguridade fundaméntase principalmente en dous supostos que nunca poderán darse nesta realidade: a inmutabilidade e a invulnerabilidade. Todo aquilo que poida danarnos, cambiarnos, a nós, á nosa contorna, aquilo que nos conduza ao descoñecido, ao ignoto, ao non experimentado, o que leva un risco, todo iso resta puntos no baremo de seguridade que cada un ten na súa cabeza. A seguridade está en conflito directo coa sede de aventuras, co espírito descubridor e científico, coa confianza no próximo e nun mesmo. E en última instancia, coa propia liberdade individual. Non me gusta empregar demasiado a palabra liberdade polo prostituído do termo, pero como dixo o vello Benjamin Franklin: “Quen prefire a seguridade por riba da liberdade non merece nin a unha nin a outra”.

Evidentemente, non pretendo criticar os supostos que as ciencias sociais centenarias viñeron depositando na biblioteca do saber universal (léase, do saber occidental con ínfulas absolutistas). Non digo que a seguridade é un sentimento que debamos desterrar. Máis que nada, por que non poderiamos facelo nin aínda que o quixésemos con todas as nosas forzas. Alimentámonos de seguridade do mesmo xeito que nos alimentamos de amor, odio, esperanzas e todo tipo de forzas universais que rexen a mente e os destinos humanos. Entón, onde está o problema coa seguridade nestes tempos que corren? Pois o problema sitúase na mesma órbita que todos os demais: unha necesidade humana (a de sentirnos seguros) é utilizada por aqueles suficientemente intelixentes e ruíns para sacar tallada. Que máis ou menos ven a traducirse por converter as querenzas vitais en dividendos, a utilización do medo como política de márketing, a desestabilización económica entre clases e a creación de necesidades artificiais por medio da publicidade. Funcionamento do capitalismo liberal financeiro básico. Non por nada, quen realmente se fregan as mans con todo o negocio do terrorismo (non cabe chamalo doutro xeito que negocio) son, primeiro, as empresas de armas, obviamente; e segundo, pero non por iso menos importante, as empresas de seguros e as compañías como Indra ou Frontex que están encantadas de que o medo se estenda entre a poboación europea, que á fin e ao cabo é a que paga. Non por nada a espectacularización do negocio da guerra, disfrazado de seguridade e protección cidadá, tivo moi bos exemplos recentes nas manobras militares que se viviron en Suíza ou na mesma península, co Trident Juncture da OTAN (o que foi o show bélico máis grande desde a caída do muro).

Os lazos entre políticos, medios de comunicación e estas empresas non sempre se sacan á luz, pero están aí, non esquezamos que Prosegur (a principal empresa dese eido na península) foi promovida por Mayor Oreja, herdeiro da tradición política franquista e máximo expoñente da necesidade que ten un partido como o PP de que exista un monstro do coco (sexa ETA, sexa o independentismo, sexa o anarquismo) que xustifique as súas leis fascistoides. De feito, agora tamén se fala doutro concepto de seguridade, o de seguridade cidadá. Este tramposo termo en realidade alude a seguridade do statu quo político, substituíndo os intereses persoais de cada cidadán e os intereses comunais da sociedade no seu conxunto pola persecución de todo disidente do sistema. Un sistema  no que existen xeracións e sectores poboacionais que se senten fora del, porque xamais tiveron a ocasión de elixir nin cuestionar, e por tanto non están representados nin protexidos.

É importante entender que o concepto de seguridade aplicado á política e a economía ten sentido só para a xente branca e europea. É dicir, é un concepto elitista que só se desenvolve nas mentes daqueles que teñen algo que perder. É, por definición, un privilexio de clase, de xénero e de raza. De clase, porque só quen ten posesións materiais (en maior ou menos escala) poden ter medo a perdelas. Os marxinados que buscan sustento no lixo, non van apoiar políticas que reduzan o único que lles queda, que é a súa (escasa) liberdade de movemento. De xénero porque, quen queira entender que entenda, só unha parte da poboación camiña con medo absoluto cando van soas pola rúa. E só esa parte da poboación corre o risco de ser asasinada por ser o que é. E por último, é un privilexio de raza porque, de xeito evidente, as posibilidades de sufrir racismo e odio son maiores se un ten a mala sorte de parecer máis moreno da conta. Un garda xurado, un policía ou un xornalista apuntará coas súas armas a unha persoa lida como árabe ou musulmá moito antes que a outra persoa branca, por simple cuestión de medo cara ao diferente, e por sobreexposición á falacia que simplifica islam=yihadismo. O exemplo último, os pasaportes atopados nos últimos atentados de París, que foron atribuídos aos terroristas e refuxiados enseguida sen ter en conta o seu posible falseamento ou o feito de que entre as vítimas atopábanse persoas procedentes de África e Oriente Próximo.

A seguridade, por tanto, é un concepto desenvolvido por individuos privilexiados en sociedades privilexiadas e todo o aparato propagandístico e o seu business estará conducido a perpetuar este privilexio. Vivimos demasiado tempo enganados nun mundo de algodóns no que pensabamos que a violencia que exerciamos (da cal non vou falar porque quen non a queira ver é porque está cego) parece que vai salpicarnos máis do que estabamos afeitos. Que respondamos a iso con máis violencia e opresión ou, ao contrario, fagámonos conscientes de que o mundo é un lugar perigoso e hostil e unamos esforzos por facelo máis levadío, é enteiramente a nosa responsabilidade. E delegar a nosa responsabilidade a un puñado de uniformes, drones e cámaras de vixilancia será a nosa tumba como individuos e comunidade. Non hai lugar para a fraternidade, a liberdade nin a igualdade nun mundo dominado polo medo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.