Seis millóns de persoas

Seis millóns de persoas están sen traballo en España. Son máis que a totalidade da poboación de Dinamarca ou Finlandia. Hai dous anos Mariano Rajoy, desde a oposición, bramaba contra Zapatero cando o número de parados chegou aos cinco millóns. Prometeu rematar coa crise, recuperar o emprego e mellorar o benestar. Fixo todo o contrario, mais non da ningunha explicación aos que foron enganados. Permanece agochado, en silencio, mentres aumenta  o sufrimento e a incerteza para a inmensa maioría. A sangría continúa: desde a imposición da reforma laboral España perde un emprego por minuto. Nos tres primeiros meses deste ano cada día perdéronse 3.600 postos de traballo.

A sangría continúa: desde a imposición da reforma laboral España perde un emprego por minuto. Nos tres primeiros meses deste ano cada día perdéronse 3.600 postos de traballo

Moitas familias viven na desesperanza, afogadas pola falta  de ingresos e pola ausencia dun horizonte alentador. Este goberno impón medidas de restrición (deseñadas e dirixidas polos especuladores financeiros internacionais) que só  serven para producir máis malestar colectivo e afondar nas desigualdades sociais. En ano e medio retrocedemos na historia máis de tres décadas. A perda de dereitos laborais e protección social é tremenda. Os sindicatos solicítanlle a Rajoy unha reunión de emerxencia nacional para abordar o problema. El non se digna en responder. Pero hai persoas no PP que deixan ben clara a súa posición. A delegada do goberno en Cataluña, María de los Llanos de Luna, afirmou (o mesmo día en que se coñeceron as dramáticas cifras do paro): “Es importante que haya pijos y ricos, que son los que luego gastan y consumen”.

Os que deberían intentar a recuperación económica e protexer aos cidadáns contra o infortunio colectivo fan estas predicións nefastas sen que se lles borre o sorriso displicente dos beizos

A taxa de desemprego supera o 27% e na mocidade chega ao 57% (máis aló da frustración e o desalento persoal, un país que non utiliza a enerxía e a formación dos máis novos está cegando o seu futuro).  Este panorama desalentador debería ter unha resposta contundente por parte dos gobernantes. Mais ao día seguinte da publicación destes datos (venres 26 de abril, despois do Consello de Ministros) os responsables económicos  anunciaron que a saída da crise vaise atrasar dous anos máis e que continuará a destrución de emprego. De Guindos e Montoro prolongan un ano máis a subida do IRPF e anuncian que haberá impostos especiais. Todo vai cada vez peor para a maioría pero o goberno do PP insiste en que esta é a política correcta. Os que deberían intentar a recuperación económica e protexer aos cidadáns contra o infortunio colectivo fan estas predicións nefastas sen que se lles borre o sorriso displicente dos beizos. Semella que non lles  interesa mudar de política: mentres o medo e a angustia atenazan á poboación eles continúan coa redución de dereitos laborais, a diminución dos salarios e a restrición da protección social (tal como reclaman os representantes da patronal).

A forma de actuar deste goberno representa un fraude político. O catedrático de Dereito Pérez Royo sinala que “la contradicción entre el programa electoral y la acción de gobierno es practicamente absoluta”. O goberno recorre constantemente ao decreto lei, esquiva o control parlamentario, abusa da súa maioría absoluta e evita o control dos medios de comunicación ao non admitir preguntas nas roldas de prensa. “El ejercicio del poder está siendo un ejercicio fraudulento”, conclúe o citado xurista.

O catedrático de Dereito Pérez Royo sinala que “la contradicción entre el programa electoral y la acción de gobierno es practicamente absoluta”

Mais con estas prácticas a xestión económica deste goberno é un absoluto fracaso. O economista Manuel Mera sinala que Rajoy puxo a redución do déficit público como obxectivo central: pechou o 2012 co 10.6%, o peor da Unión Europea. Pero ademais as políticas impostas están a provocar unha recesión económica que se está a converter nunha depresión. Por iso, conclúe, “si seguimos con el austericidio solo habrá más sufrimiento, más dolor, se destruirá más tejido productivo pero no habrá ninguna mejoría real en el déficil ni en la deuda pública”.

A facción política que ocupa o poder está a realizar unha actuación fraudulenta. As severas medidas impostas son todo o contrario do anunciado na campaña electoral. Falan de buscar a austeridade, cando o que provocan é un maior empobrecemento dos pobres e a laminación da clase media. En realidade a dereita nunca foi austera: é amante do luxo e ansía dispor de servos e criados.  Norberto Bobbio escribiu que o criterio principal para distinguir a esquerda da dereita “es la diferente actitud que asumen los hombres que viven en sociedad frente al ideal de la igualdad”. Rajoy xa o tiña claro de mozo:  non admite a igualdade básica das persoas e a súa máxima aspiración é “desigualarse”. Así o deixou escrito nun artigo publicado no Faro de Vigo en 1983.

Temos a xeración máis preparada e culta da historia deste país que se ve na obriga de buscar no estranxeiro o futuro que aquí se lle nega e a principal responsable da situación despacha o tema con esta frivolidade. Resulta preocupante comprobar en que mans está o noso destino colectivo

Agora pretenden enmascarar a súa actuación mediante xogos de palabras. Se non fose pola dor que provocan coas súas decisións serían desternillantes a maioría das comparecencias ministeriais. Rajoy cuestionou a hipótese do cambio climático baseándose nas opinión dun primo seu. Fátima Báñez pediu a intervención da Virxe do Rocío para saír da crise. Arias Cañete, ministro de Agricultura e Alimentación, aconsella comer os iogures caducados e recomenda a ducha fría para aforrar. Pero a incompetente ministra de Emprego foi máis alá: cualificou a emigración forzosa da mocidade como “movilidad exterior, porque hay quien busca oportunidades laborales y formativas”. Temos a xeración máis preparada e culta da historia deste país que se ve na obriga de buscar no estranxeiro o futuro que aquí se lle nega e a principal responsable da situación despacha o tema con esta frivolidade. Resulta preocupante comprobar en que mans está o noso destino colectivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.