Semana da mobilidade sostíbel?

Concello de Ferrol © Concello de Ferrol

 Parece que en Ferrolterra o dos vehículos con dúas rodas só se tolera o Día da Mobilidade para tirar de foto para a prensa. O resto do ano é perigoso arriscarse a empregar a bici ou o monopatín para se desprazar á escola ou ao traballo pois as cidades da nosa contorna seguen estando deseñadas para o lobbie automobilístico

O concello de Ferrol e Narón veñen de conmemorar a Semana da mobilidade. Vemos nos xornais unha foto duns nenos con monopatíns e bicis nunha praza das poucas nas que as crianzas poden facer uso deles sen perigo de ser atropelados por un carro ou polas queixas da clientela das terrazas de hostalería. Parece que en Ferrolterra o dos vehículos con dúas rodas só se tolera o Día da Mobilidade para tirar de foto para a prensa. O resto do ano é perigoso arriscarse a empregar a bici ou o monopatín para se desprazar á escola ou ao traballo pois as cidades da nosa contorna seguen estando deseñadas para o lobbie automobilístico. Ao sistema só lle interesa o consumo e prefire o consumo de enerxía fosilista contaminante e ruidosa do que a enerxía limpa e saudábel dos desprazamentos ecolóxicos. Así que Ferrolterra segue carecendo de carrís-bici para podérmonos mover ecoloxicamente ao tempo que facemos deporte. Esta ha ser a causa tamén de que sigamos sen transporte público colectivo de calidade inter e intraurbano e de que os camiños de ferro conserven a mesma fasquía daquela locomotora primeira que Curros vira chegar a Ourense no século XIX. 

Mobilidade, do latín mobilitas, -atis, non somentes alude á cualidade do que é móbil ou ten a facultade de se mover senón que tamén denota un estado de axitación, maiormente naquela cidadanía que quere desprazarse en bici ao traballo e séntese cidadanía de segunda véndose obrigada a circular pola estrada dos vehículos a motor. 

Ás veces a mobilidade significa figuradamente a facilidade en mudar de expresión, sobre de todo cando os ciclistas van a unha tenda de deportes (cada vez máis lonxe do centro da cidade) ou a un pavillón deportivo e teñen que se xogar a vida para poder chegar sen se accidentar.

Así que poñerlles aos nenos un circuíto rodado e guiado pola policía local nunha praza o día da mobilidade non é máis ca unha parodia para cumprir simuladamente coas celebracións europeas. Mais as políticas municipais están tan lonxe do Edusi e daquel Plan de Mobilidade Sostivel que todos os partidos políticos asinaron que supoño que cando falan de mobilidade só queren dicir que conmemoran a Semana da Volubilidade ou da inconstancia que tamén é un sentido figurado da verba mobilidade.

Non perden ocasión de vender fume traendo especialistas que nos falen das novas fontes de enerxía menos contaminantes que serven como combustíbeis. E aquí xa temos a promesa de encher con biocombustíbeis os poucos hábitats que nos quedan libres do incendiario eucalipto.

Claro que non perden ocasión de vender fume traendo especialistas que nos falen das novas fontes de enerxía menos contaminantes que serven como combustíbeis. E aquí xa temos a promesa de encher con biocombustíbeis os poucos hábitats que nos quedan libres do incendiario eucalipto. Alea jacta est. Entramos de cheo no mundo feérico das fadas e na xigantomaquia, na promesa de seguir vivindo sen combustíbeis fósiles o mesmiño que viviamos con eles. O caso é vender carros eléctricos e cultivar fantasías inviábeis. Basta colocar as palabras bio, verde, sostíbel ou economía circular e a seguir conmemorando e medrando.

Sabemos que en Ferrol fórmanse verdadeiros atascos ás horas de entrada e saída dos colexios polas moreas de automóbiles dos pais que van soltando fillos e fume a pé de obra. Servirán só para lucimento eses itinerarios escolares seguros que o concello pintarraxa no chan?.Ou será que o Plan MOB de Mobilidade e Espazo Público Sostíbel de Ferrol non se refería á mobilidade senón ao tumulto desordenado no que converten as cidades os que gobernan para os poderes fácticos?.

Magoa que non traían ao pedagogo Francesco Tonucci para nos lembrar que a mellor cidade é aquela na que os nenos poden andar sós sen perigo e iso atinxe tanto á mobilidade sostíbel como á xustiza social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.