Sempre a nosa hora

Bandeira de Isca! nunha manifestación © Isca!

Nas últimas décadas, os avances logrados en favor das mulleres estiveron en confronto cos límites que o Estado, coma instrumento do Capital, impuña. A este respecto, por unha banda, a reacción política e ideolóxica das forzas máis dereitistas que vían o seu status ameazado, volveuse cada vez máis agresiva, imposibilitándonos exercer, no Estado español, o noso pleno dereito ao aborto, cuestionando a idea mesma do consentimento e insistindo na naturalización do xénero -e, polo tanto, da nosa opresión-. Porén, tamén naqueloutras faccións do sistema cun aspecto máis amábel cara ás mulleres, atopamos obstáculos para a nosa plena emancipación a través da promoción de reformas coma se estas constituíran, en si mesmo, mudanzas revolucionarias.

A historia amósanos, entón, a capacidade do capitalismo de adaptarse ás reivindicacións das mulleres, nun equilibrio perfecto entre o apaciguamento dos movementos sociais e o mantemento ou ampliación do seu propio beneficio

Neste sentido, a orixe mesma da opresión das mulleres, baseada nun momento inicial na reclusión no fogar e na exclusión da muller do espazo público, mudou a súa forma cando o desenvolvemento do sistema capitalista así o requiriu; a paulatina incorporación da muller ao traballo asalariado debe contextualizarse nun momento de expansión masiva de capitais que precisaban da totalidade de man de obra dispoñíbel. De igual modo, as feministas protagonistas da primeira onda do feminismo, pertencentes na súa gran maioría ás clases altas das sociedades occidentais, reclamaron dereitos políticos conscientes de que estes non puñan en xaque a súa privilexiada posición social. A historia amósanos, entón, a capacidade do capitalismo de adaptarse ás reivindicacións das mulleres, nun equilibrio perfecto entre o apaciguamento dos movementos sociais e o mantemento ou ampliación do seu propio beneficio, xogando as organizacións que forman parte da socialdemocracia ou da esquerda parlamentarista un papel fundamental na promulgación destas demandas como verdadeiras propostas emancipatorias.

Esta posición de blindamento do sistema, que enuncia como cambios sistémicos medidas que son mudanzas formais, provoca un efecto de reconciliación entre o Estado e aqueles movementos sociais -no noso caso, o feminismo- demandantes dos cambios. Precisamente, a promoción dunha boa relación co Estado amosa o que, esencialmente, esta estrutura é para os grupos políticos sistémicos; un instrumento neutral a respecto da loita de clases e a cuestión de xénero e, polo tanto, con posibilidade de ser reformado en favor das nosas demandas. A idea de que a consecución de maiores cotas dentro do Estado, a Comunidade Autónoma ou sexa cal for a estrutura na que acreditamos pode responder á totalidade das nosas demandas ten como consecuencia a centralidade do electoralismo e o institucionalismo.

Coa idea de que somos seres puros en esencia, que dotamos os proxectos dos que formamos parte dun carácter intrisecamente feminista -coma se non estivésemos, como toda a humanidade, atravesadas por outros intereses- fetichízase a nosa presenza nos postos de dirección política e este feito úsase, á súa vez, como mecanismo propagandístico

Como mostra disto, a realidade política galega; na actualidade, a dous meses e medio das eleccións municipais, a actividade de case a totalidade dos axentes políticos centra a súa praxe no ciclo electoral. Renuncia ás necesarias reivindicacións feministas do 8 de Marzo en favor de actividades de precampaña electoral; esquece situar as reformas políticas como unha parte ínfima da totalidade e, en lugar de concebir a representación institucional como un instrumento para lograr un cambio sistémico e cualitativo real, sitúao no centro da súa aposta política. Nesta loita por unha parcela de xestión do Estado, que semella esquecer que “agás o poder, todo é ilusión”, xogan un papel relevante as mulleres. Coa idea de que somos seres puros en esencia, que dotamos os proxectos dos que formamos parte dun carácter intrisecamente feminista -coma se non estivésemos, como toda a humanidade, atravesadas por outros intereses- fetichízase a nosa presenza nos postos de dirección política e este feito úsase, á súa vez, como mecanismo propagandístico.

Trátase de racharmos desde as nosas coordenadas cunha idea superficial e amábel do feminismo e coa asociación mesma muller-neutralidade. Trátase de reivindicar o noso papel como suxeito histórico, de reivindicarnos como axentes revolucionarios

A este respecto, todas limos nestes últimos anos como se aclamaba a Ana Pontón ou Yolanda Díaz á voz de “presidentA”. Todas observamos actividades de proselitismo cara ás líderes políticas focalizadas no seu xénero. Tamén vimos, moitas de nós, como en confronto cos homes que ocuparon eses mesmos postos, a oratoria de moitas mulleres na política se encheu de “ilusión”, “alegría” ou “maioría social” e como conceptos en que algunhas aínda acreditamos, coma “clase obreira”, son inexistentes nos discursos das portavoces de esquerda. As mulleres aparecemos entón como dirixentes políticas cun papel neutral, que procura ampliar a base social e flexibilizar o discurso, e servimos para contentar as aspiracións autonomistas e socialdemócratas duns cantos fronte ás grandes ideas de antano que agora se personifican en figuras masculinas e grotescas. Unha retórica que segue reforzando a asociación muller-conciliadora á vez que responde, seguramente, a unha concepción case errejonista da hexemonía que nos leva a desputar conceptos, espazos e, sobre todo, un público ao que deberiamos convencer cunha aplicación dos nosos principios, non cunha renuncia a estes. Desta realidade o que moitas comprendemos é que as cotas de xénero, as listas cremalleira ou a existencia de lugares de fala -autoridade da que gozamos as persoas que formamos parte de grupos oprimidos para falar das cuestións que nos afectan- son aceptadas cando son cómodas para o sistema e facilitan a descrición dos espazos nos que estamos como “feministas”, recaendo na obxectualización histórica que as mulleres sufrimos.

Porén, non se trata de sinalar as mulleres dirixentes ou de exixir a espazos dos que non formamos parte que sexan como nós desexamos. Trátase, máis ben, de racharmos desde as nosas coordenadas cunha idea superficial e amábel do feminismo e coa asociación mesma muller-neutralidade. Trátase de reivindicar o noso papel como suxeito histórico, de reivindicarnos como axentes revolucionarios. Trátase de entender a cosmovisión feminista coma unha conditio sine qua non dentro dun obxectivo máis amplo, xa que se trata, fundamentalmente, de comprender que as mulleres só poderemos desenvolvernos plenamente e liberarnos das cadeas do sistema sexo-xénero nunha sociedade, a comunista, onde a escravitude de clase non exista e onde todo o noso traballo estea encamiñado ao progreso social. E, para isto, tócanos seguir enfrontando a nosa participación política desde a insubmisión propia de quen ten o horizonte claro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.