Sempre (fóra) de Galicia: Feijóo, o PP e a semioloxía

Chama moito a atención o cartel promocional do candidato Núñez Feijóo para as eleccións ao Parlamento Galego. Resalta por ser dunha feitura (e mesmo elegancia) que se podería describir como minimalista: fondo branco, a cara con medio sorriso do candidato sobre unha mancha na que se intúe o mapa de Galicia, e o lema “ambilingüe” (válido en galego e castelán), “En Galicia si”. Hai dúas mensaxes que parecen destilarse inmediatamente desta imaxe electoral. Por unha banda, unha especie de saída a peito descuberto, como insinuando que a Feijóo non lle fan falta artificios nin cores rechamantes. Ademais, o candidato identifícase plenamente con Galicia: no só se converte na súa faciana, senón que o seu mapa (facendo eco da mancha anteriormente descrita) convértese tamén en parte do seu nome ao substituir ao primeiro “o” (si, o que leva acento, para darlle incluso maior forza dramática). O protagonismo de Galicia vai polo tanto ao par co do candidato. Posto que o dito candidato xa non pode estar “casado con Galicia” (por razóns que nos farían traspasar a fronteira cara a crónica rosa), este transmutouse literalmente no país. Na imaxe, o candidato Núñez Feijóo é efectivamente un símbolo de Galicia, ao modo dunha Rosalía do século XXI (non De Castro, senón a autora do apócrifo “Poemas galegos”).

Mais, a cotío, as imaxes máis sinxelas son as que esconden unha maior complexidade. Fagamos logo unha análise semiolóxica do cartel para entender o que se atopa no fondo de tal aparente claridade conceptual. Comecemos citando unha das poucas intervencións con sentido da candidata de “Ciudadáns” [sic], Cristina Losada, no “multidebate” da TVG: efectivamente, mesmo a unha persoa que non posúa un smartphone lle sería máis doado atopar un pokémon (antes da chegada do Pokémon Go xa erán habituais nalgún concello galego...) que o logo do PP no cartel que estamos a examinar. As siglas do partido que representa o candidato aparecen (cando aparecen, porque hai versións nas que literalmente desaparecen) en letra pequena e nunha esquiniña, como se fosen un lunar incómodo que máis ben molestase no albo deseño do cartel. A falta de presencia do PP na imaxe do candidato é coherente coas súas propias palabras no acto de apertura da campaña, no que afirmou non presentarse como un candidato do seu partido, senón como un “militante de Galicia”. Poderíamos pensar que o candidato Feijóo ten a lección moi ben aprendida do mestre de mestres don Manuel, apelando a un discurso semi-galeguista de moita pompa emocional. Porén, a periférica posición do PP (valga o paradoxo) na imaxe de campaña, pode ser tamén interpretada como un esforzo antinatural por alonxarse dos escándalos de corrupción e a mala imaxe do partido no ámbito estatal. Antinatural porque vén a insinuar que o candidato Feijóo non forma parte dito partido, como se o PP nada tivese que ver con Galicia. Nesta análise, comezamos a ver como a esaxerada preponderancia do candidato sobre calquera símbolo que denote unha ideoloxía política e a súa identificación quasi mesiánica con Galicia veñen marcadas en realidade polo que sucede en Madrid. De aí tamén tal alarde de brancura: o branco como símbolo de pureza, de limpeza, de transparencia (mais ollo, tamén a cor da neve). Dita elección cromática corresponderíase, polo tanto, cun intento de afastarse da ennegrecida imaxe do partido a nivel español. E para rematar, quédanos o lema da campaña, unha frase afirmativa e enérxica: “En Galicia si”. Mais... si a que? A resposta hai que buscala novamente fóra de Galicia, xa que parece aludir á tan sobada frase do “no es no” pronunciada por Pedro Sánchez en resposta á gran coalición proposta por outro candidato galego que tamén milita no PP (e non o nega).

En conclusión, se ben o foco da campaña do candidato Feijóo parece estar grandilocuentemente posto en Galicia, a análise anteriormente exposta semella indicar que tanto a imaxe como o lema usados nos carteis promocionais están marcados polos avatares da política española. O candidato do PP ao Parlamento Galego pechou o seu discurso final no debate da TVG dicindo algo así como que a súa forma de ser español era sendo galego. Non sei se de xeito accidental ou “provocado”, dita frase recorda ao tipo de afirmacións que eran habituais entre algúns dos galegos republicanos exiliados por mor da brutal represión exercida en Galicia desde o comezo da guerra civil. Emilio González López, exiliado nos EUA, dixo por exemplo que “todo gallego tiene el deber de rescatar la auténtica voz de su corazón, de su tierra; pues sólo de este modo puede hacerse una obra valedera, buena para su tierra y para España; porque sólo uno es buen español en cuanto es buen gallego”. Non só resulta paradóxico que un candidato do PP se apropie das ideas do republicanismo, senón que o exame da imaxe de campaña leva a unha conclusión máis ben oposta: que para ser un bo galego é preciso ser un bo español. Non en van, todos os partidos políticos da corte agardan impacientes os resultados dos comicios galegos (e vascos) para artellar a súa estratexia de cara ás terceiras eleccións ao Parlamento de España. O cartel do PP terá Galicia na superficie mais, como era de agardar, o fondo está, coma sempre, fóra da nosa terra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.