Sempre Galiza

Detalle da escena mariñeira de Francisco de Sales Covelo interpretada por Díaz Pardo. Obra patrocinada pola World Fishing Exhibition e situada no exterior do Museo do Mar de Galicia, Vigo. CC-BY-SA Lmbuga

Copiando case o título da obra máis emblemática de Castelao fago unha reivindicación e un chamamento ao uso correcto do nome do noso país no noso idioma: “En galego sempre Galiza”. E fágoo dende a convicción de que o nome da nosa nazón importa, tanto prá autoafirmación como pobo coma na reivindicación da nosa cultura. Nestas pasadas eleicións o BNG foi o único partido relevante que empregou o noso correcto topónimo, os demais asumen a forma castelá, ende mal admitida e recomendada pola RAG.

Copiando case o título da obra máis emblemática de Castelao fago unha reivindicación e un chamamento ao uso correcto do nome do noso país no noso idioma: “En galego sempre Galiza”

A histórica diglosia da nosa sociedade levou á desaparición de moitas verbas importantes da nosa fala cotiá: pobo, Deus, pai e nai/mai –substituídos por “padre” e “madre” na linguaxe formal–, igrexa, estrada, etc.; e o noso topónimo de país e o seu xentilicio non foron excepción: as patrimoniais “Galiza e galego” substituíronse polas formas usadas na lingua “culta”: “Galicia e gallego”. Velaquí un paso fundamental na desaparición dunha cultura, que esta asuma a denominación foránea ou exónimo como propia, por isto todo pobo que se reivindica usa o seu propio nome ou endónimo, e mailo seu xentilicio vernáculo, pra se denominar, así: Euskadi/Euskal Herria e euskaldun por País Vasco/Vascongadas e vasco, Catalunya e català por Cataluña e catalán, Breizh e breton –coincide o singular pro non o plural: “bretoned”– por Bretagne e breton –plural: “bretons”–, Cymru e cymro por Wales e welsh, Sápmi e sami por Lapland e lappish/lappic, Aotearoa e maori por New Zealand e new zealander, Kalaallit Nunaat e kalaallisut por Grønland e grønlandsk, Wallmapu e mapuche por Araucanía e araucano, Paraguái e avañe’e por Paraguay e paraguayo, etc.

Pois ben, en Galiza fíxose o traballo a medias: restaurouse o xentilicio vernáculo (“galego”) pro asumiuse o exónimo toponímico: “Galicia”. Porque segundo a RAG é “ voz lexítima galega, denominación oficial do país e maioritaria na expresión oral e escrita moderna”. Xa no seu momento, o “Estudo crítico das NOMIG” feito pola AGAL (1983) refutaba esta decisión cunha manchea de argumentos convincentes, mais ao ser unha crítica reintegracionista fíxose caso omiso.

Velaquí un paso fundamental na desaparición dunha cultura, que esta asuma a denominación foránea ou exónimo como propia, por isto todo pobo que se reivindica usa o seu propio nome ou endónimo, e mailo seu xentilicio vernáculo, pra se denominar

Hobo que agardar á reforma ortográfica de 2003 pra que a RAG admitise “Galiza” como forma válida, malia o seu amplo uso literario moderno, rexistrado en 1886 por primeira vez en “O Galiciano” e logo usado a miúdo dende 1913 (O Tío Pepe) en diante, quizais coidándoo un lusitanismo, sen base ningunha, por mor de que o portugués conservou o topónimo e o xentilicio patrimoniais galegos. O TILG (Tesouro Informatizado da Lingua Galega) recolle 6.046 rexistros de Galiza fronte a 18.405 de Galicia, o que dá unha porcentaxe de case un 25% no seu emprego moderno. Agora a RAG considera que “Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo”, non precisamente grazas a eles.

Hobo que agardar á reforma ortográfica de 2003 pra que a RAG admitise “Galiza” como forma válida, malia o seu amplo uso literario moderno

No entanto, a explicación dada pola RAG, evita aclarar a verdade histórica no uso de ámbalas formas admitidas: que a forma oficial “Galicia” aparece tamén en textos medievais xunto á forma predominante “Galiza”. Se se consulta o TMILG (Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega) é doado comprobar a innegabilidade da miña aseveración: Galiza e variantes rexístrase 149 veces no s. XIII contra 4 rexistros de Galicia e variantes; no s. XIV o resultado é de 91 rexistros da primeira contra 8 da segunda; e no s. XV hai 108 rexistros de Galiza e 37 de Galicia. En total o TMILG recolle 351 rexistros de Galiza/Galjza/Galyza (coas variantes: Galisa, Galiça, Galliza, Gallisa e Galliça) –hai tres rexistros sen datar– contra 49 de Galicia (coas variantes: Galisia/Galysia, Gallicia, Gallisia/Gallysia e Galliçia), dos cales non hai que obviar que 37 pertencen ao s. XV, o máis castelanizado. Stricto sensu a forma gráfica “Galicia” só aparece 8 veces contra as 19 de “Galisia/Galysia” ou as 18 de “Gallisia/Gallysia”, e as minoritarias 3 de “Galliçia” e 1 de “Gallicia”; mentres que a forma gráfica “Galiza” é a máis rexistrada con 209 veces, tanto no total medieval coma en cada un dos séculos: 88 no s.XIII, 37 no s.XIV e 83 no s.XV, seguida de “Galliza” con 85, “Galisa” con 22, “Galliça” con 14, “Galiça” con 13 e “Gallisa” con 8. Debería resultar esclarecedor que os textos saídos da corte do rei Afonso X empregaban sempre Galiza nos escritos en galego e Galicia nos escritos en castelán, ou que a única forma usada nos textos literarios é Galiza (Estudo crítico das NOMIG. AGAL, 1983). Tanto en Galiza coma en Galicia as variantes con ele dobre imitaban a escrita da forma latina orixinal: Gallaecia, mais a pronuncia sempre era “lateral alveolar sonora”, dado que na escrita medieval non había unha correspondencia única entre fonema e letra, e por isto tamén o sufixo –za se representaba como –sa e –ça e o –cia como –sia e –çia. A única verdade é que a forma “Galicia” se impón cando a lingua galega deixa de se usar como idioma escrito preferente na nosa terra, do mesmo xeito que tamén se impón o xentilicio “gallego”, que ninguén reivindica como forma autóctona, malia que esta forma está rexistrada 15 veces (gallego, gallegos, gallega –non se rexistra “gallegas”–) nos textos medievais fronte a 65 rexistros da forma con ele (galego, galegos, galega –non se rexistra “galegas”–), aínda que a pronuncia tamén era sempre “lateral alveolar sonora”.

Como denominamos o noso país di moito de como o sentimos e o queremos: escolller entre Galicia ou Galiza non é un asunto banal

Imaxínase alguén que un pobo digno use un exónimo pra se denominar na súa lingua: Germania/Germany/Allemagne no canto de Deutschland, Anglaterre por England, Ireland por Éire, Sweden/Suède por Sverige, China por Zhongguo, Japan por Nihon, Greece por Elláda, Montenegro por Crna Gora, Morocco/Maroc por Al-Maghrib, Hungary/Ungarn por Magyarország, Armenia por Hayastán, Egypt por Misr, etc. E, sobre todo, que pensaríamos de alguén que di vivir en Spain e que é spaniard cando fala en galego ou castelán? Daquela nós por que o facemos?

Como denominamos o noso país di moito de como o sentimos e o queremos: escolller entre Galicia ou Galiza non é un asunto banal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.