O BNG está en horas baixas, mesmo críticas, pero resulta gratificante o ambiente de madurez e relativo sosego con que se está desenvolvendo o proceso congresual da próxima Asemblea Nacional. A pesar das lexítimas discrepancias nos enfoques analíticos e nos diagnósticos de cada quen. Podemos discrepar nas análises e solucións, pero coincidimos —a esmagadora maioría de militantes e simpatizantes— na necesidade incuestionábel dunha organización nacionalista forte que represente o país de forma xenuína. Sen embargo, non é menos certo que se deben acometer con urxencia modificacións inaprazábeis, con cambios profundos e imprescindíbeis, para recobrar o pulso perdido e condicionar positivamente o futuro do noso país. Así e todo, é comprensíbel que a militancia, e a base social que apoia ao BNG, estea preocupada pola situación de enorme desgaste creada a raíz do resultado das últimas eleccións, onde se profundou, con inusitada intensidade, o continuado devalo da organización nos últimos lustros. Compre, por tanto, analizar de vagar que é o que ocorre no campo nacionalista e achegar as solucións estratéxicas e tácticas máis acaídas, dende unha imprescindíbel e profunda autocrítica.
Os profundos cambios sociais acontecidos na última década teñen o seu reflexo nas novas actitudes e comportamentos políticos da xente, especialmente nos ámbitos urbanos cunha mocidade cada vez máis preparada. Hai coincidencia, en moitos analistas, en que esta situación é consecuencia da globalización e as súas secuelas de desemprego masivo, traballo precario, miseria e desesperación, xunto á extraordinaria incidencia das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Esta revolución neoliberal produciu cambios, económicos e sociolóxicos, de tal envergadura que, na actualidade, se poden recoñecer na existencia dun novo paradigma social concretado nunha escala de prioridades (se cadra, tamén de valores), colectivas e individuais, non coincidentes —mesmo diverxentes nalgúns casos— coa existente en épocas inmediatamente anteriores.
Ese novo paradigma invade transversalmente todo o corpo social, aínda que é máis perceptíbel na xente nova, caracterizándose polo inconformismo, as anovadoras formas de participación directa, o acceso masivo ás novas tecnoloxías e na oposición frontal ao vello sistema de partidos —especialmente o formado polo tándem neoliberal PP-PSOE— que se considera corrupto, caduco e anti social. O esencial non é diagnosticar se esa nova actitude dunha parte notábel da sociedade é correcta en todas as súas manifestacións, senón en recoñecela como un feito da nova realidade e darlle unha resposta política baseada no respecto, no diálogo e na incorporación dos seus elementos positivos para a transformación do sistema no sentido progresista que nós defendemos. Iso foi o que fixeron algunhas forzas emerxentes, mentres o nacionalismo que representamos non soubo responder con suficiente axilidade e acerto aos cambios que de forma inexorábel se estaban producindo no país. Agora é secundario establecer se estas forzas naceron só como consecuencia dunha necesidade social e política real ou se a súa creación foi inducida por determinados sectores. A realidade é complexa e lévase mal coas simplificacións, pero é posíbel que haxa a súa parte de verdade en ambas afirmacións. Resulta evidente que o nacemento e popularización de forzas como C’s é funcional ao sistema, mesmo se apuntan datos da súa vinculación con algunha corporación financeira. Noutros casos, como Podemos, esa relación non é verificábel e incluso os datos dispoñibles apuntan nunha dirección contraria. Sen embargo, a súa instrumentalización, consentida ou non, por certos media vinculados ao poder non se pode negar, como tampouco a incidencia no ámbito dos electorados nacionalistas, aínda que a súa influencia é moito maior no campo dos votantes do PSOE ou de IU.
É importante subliñar que no caso galego os cambios sociais e a súa formulación política, cunha importante incidencia electoral, xa se produciran algo antes a través de AGE. A experiencia desta alianza en Galiza, consecuencia da traumática ruptura do BNG en Amio, non pode considerarse demasiado alentadora, coa súa secuela interminábel de desavinzas e divisións, pero o movemento social que deu pé ao seu nacemento segue vixente e en alza no país o que vén corroborar o anterior aserto sobre a existencia dun novo paradigma. Así, unha ampla masa social (incluída a maioría que sustenta ao nacionalismo) mantén a súa esperanza —a pesar de todos os problemas organizativos e importantes contradicións das novas forzas— en que o que a xente identifica, e máis despois das eleccións xerais, como os axentes do cambio no Estado resultan imprescindíbeis para lograr o obxectivo electoral de mudanza no ámbito político. Este é o estado da cuestión.
Por tanto, neste contexto é no que o BNG debe afrontar os seus retos. Debo sinalar que non contemplo ningunha alternativa á vixencia plena dunha organización nacionalista como o BNG, pero a súa continuidade no próximo futuro depende da correcta resolución dos seguintes retos: 1) Afrontar con unidade o proceso de cambio que se necesita, 2) Acometer unha profunda modificación organizativa, máis flexíbel e aberta aos novos movementos, incorporando as formas de participación e de comunicación próximas ao pensamento e necesidades da xente, 3) O axuste da política institucional reflectindo con máis clareza a nosa condición de forza alternativa ao sistema, 4) A participación activa no rexurdimento dun auténtico movemento que espalle por todo o país, de forma creativa e sen complexos, o noso inmenso patrimonio nacional histórico e cultural, 5) Asumir a necesidade inevitábel de unificación e refundación do espazo nacionalista a medio prazo e 6) A contemplación dunha política de alianzas que teña moi en conta o novo paradigma social.
Cando falo da política de alianzas estoume a referir á forma puntual de encarar o próximo proceso electoral. Non se trata tanto de decidir quen poden ser os nosos futuros socios, senón de establecer, sen apriorismos artificiais —non os temos cando establecemos importantes alianzas de goberno con outras organizacións políticas—, as condicións en que debe materializarse esa alianza. Poñendo por diante os intereses do país, das clases sociais máis desfavorecidas, ademais de garantir a autonomía do BNG cunha representación en pé de igualdade, acorde coa nosa presenza territorial e institucional. Non vou ocultar as dificultades dos retos que debemos enfrontar, pero non dubido que a aplicación intelixente do conxunto dos cambios descritos, e outros que con seguridade se aportarán no proceso congresual, permitirá albiscar un futuro prometedor para o nacionalismo galego.
Alberte Blanco Casal é membro do Consello Nacional do BNG