Sen leite non hai pan, Parroquia de Oirán!

Corría o ano 1986, acabados de entrar na Comunidade Económica Europea (chamada así entón) no recuncho da Mariña Luguesa que me veu nacer. Onde poucos anos antes houbera tabiques, erguéronse cubículos, os pisos de madeira substituíronse por placas de formigón, abríronse portas nos penais, apareceron os primeiros foxos de xurro, as eiras sementáronse de cabanotes e o tixolo vermello substituíu a pedra en alpendres e galpóns. Nos pasteiros branqueaban as pintas (que diría miña avoa) , as responsábeis de que as cortes nunca fosen dabondas. Polos camiños bouraban os Pascualíns, os pequenos tractores de catro rodas motrices que trocaron de vez o ancho das buqueiras e acurtaron as botoallas dos carros. O millo xa non agarda outonía nas leiras nin as mazarocas van darlles envexa aos ratos no cabozo; claro que, tampouco queda argana para roxear os brazos mentres se meda.

Corría o ano 1986, acabados de entrar na Comunidade Económica Europea (chamada así entón) no recuncho da Mariña Luguesa que me veu nacer

As primeiras segadoras de man estarabouzan polas mañás nos prados, ao enceto do verán e os remolques encóllense malamente polas congostras cargados de herba seca. As sebes e valados, por moito que custe admitilo, estorban as manobras das máquinas. Nos lindeiros da Veiga, das Chousas ou da Granda Labrada a liña imaxinaria que vai de pedreiro a pedreiro debúxase con estacas e fío de pastor eléctrico. Aínda lembramos como de nenas e nenos xogabamos a sortear o último posto da ringleira, collidos das mans, porque sabíamos que a tal posto tocáballe a descarga. E canto temos rido do visitante ocasional que nunca tal cousa vira e escollía, orgulloso da súa intelixencia, o último sitio pensando que canta maior distancia mellor para non levar un trallazo.

E onde poucos anos antes era a cántara de aluminio ou a galvánica, pronto veu o tanque de frío; o camión con varandas fíxose cisterna e cada dous días o chófer con bigote paraba a tomar un café na casa mentres o leite, paseniño, era absorbido do tanque cunha mangueira de cabeza metálica. Algunhas veces ao mes, un fulano aparecía pola corte, moi cedo, e cun tubiño na punta dunha cana recollía leite que logo gardaba nunhas garrafiñas brancas numeradas. Os de meu falaban do “inspector” e a min soábame a un ente, probablemente doutra galaxia, investido de poderes dalgunha caste de alquimia cos que separar o ben do mal. Ao cabo duns días chegaban unhas follas con números e palabras que subitamente entraron a formar parte da familia da miña infancia: Materia Graxa, Proteína, Extracto Seco, Células Somáticas,…

Por aqueles tempos na escasa prensa escrita que chegaba á casa, no informativo territorial da TVE e na Radio xurdiron tamén sons estraños: control da produción, cotas, excedentes, abandono da explotación, caída de prezos,… O ruxe-ruxe estendíase sen que moitos souberan ben a que respondía aquilo. As preto de tres ducias de casas da parroquia que mandaban leite á industria aqueles días botáronse a tremer por que alguén lles puxese un freo onde a luz da modernidade comezaba a albiscarse con firmeza. Na saída da misa, na taberna, nas festas, o asunto foi gañando as conversas e desde o comedor da miña casa pasando pola Escola Unitaria ou nalgún salón de actos que poucas veces tiña acollido a tantos labregos/as comezaron a tomar forma as loitas contra a cota leiteira. E na mesma mesa onde se xogaba ao tute o día da festa, convocábanse as primeiras xuntanzas entre veciños que, motu proprio en ocasións, axudados por organizacións políticas noutras, darían lugar as loitas contra os topes leiteiros que de xeito unilateral Europa viña impor a un medio rural emerxente.

As preto de tres ducias de casas da parroquia que mandaban leite á industria aqueles días botáronse a tremer por que alguén lles puxese un freo onde a luz da modernidade comezaba a albiscarse con firmeza

A primeira manifestación, se non lembro mal, foi na Coruña, por ser a sede do Goberno Civil (hoxe Delegación do Goberno), a representación de Madrid en Galicia. Algunhas voces contan que alí se xuntaron sesenta mil gandeiras/os na que foi a primeira das infinitas loitas labregas que se repetiron despois. Saíron cediño da casa, a viaxe era longa. Para xente coma o meu pai, que nunca nunha lea destas se vira, os calafríos facíanlle subir un rubor e un brillo aos ollos sen semellanza previa. Porén sabían que tiñan a razón. De sempre, o ditado doutros tentara sangrar o froito do seu traballo, da súa intelixencia, do seu mellor saber facer colectivo. Detrás da norma Europea, aplicada sen rubor ningún desde os Gobernos Centrais, ía a navalla que esganaba as súas vidas e o futuro das súas fillas e fillos. Para o seu pequeno mundo ventábase unha catástrofe e non podían permitilo.

Aprenderon a superar o medo, fixéronlle fronte ao desastre, loitaron como mellor souberon, como mellor puideron naquel momento. Nas rúas da Coruña encetaron un camiño sen volta e presentaron batalla

Aprenderon a superar o medo, fixéronlle fronte ao desastre, loitaron como mellor souberon, como mellor puideron naquel momento. Nas rúas da Coruña encetaron un camiño sen volta e presentaron batalla. Detrás daquelas mulleres e homes ía o berro seco de toda a parroquia, a vontade de empurrar máis forte e máis lonxe pensando no futuro e que baixo ningún concepto quixeran ver nas mesmas. Facían o que tiñan que facer conscientes ou non. Camiñaron pola cidade de Hércules, enfrontadas ao cíclope nunha caste de viaxe sen fin do que restaban moitas etapas por queimar, mostrándolle o espello no que mirarse a un Pobo Galego que non debera ollar para outra banda nin daquela nin agora. Camiñaron coa forza da razón sabendo que non cabía nin un paso atrás.

O vindeiro 17 de xullo as gandeiras deste noso País van izar a súa bandeira de loita no terceiro punto do tractor, o mastro da nao da gandería en Galiza, novamente

Case trinta anos despois, seguimos na loita: “vacas á rúa, a loita continúa” que cantan os Ultraqäns. Case trinta anos despois, daquelas tres ducias de familias en Oirán apenas dúas producen leite aínda, pero levan gravadas a lume as mesmas razóns que levaba miña nai, meu pai, naquel 1986. O vindeiro 17 de xullo as gandeiras deste noso País van izar a súa bandeira de loita no terceiro punto do tractor, o mastro da nao da gandería en Galiza, novamente. E detrás de todas elas, de todos eles, temos a obriga moral de empurrarmos a faixa que portaban entón: SEN LEITE NON HAI PAN, PARROQUIA DE OIRÁN!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.