Se houbera que buscar un cualificativo para os Orzamentos que a Xunta de Galicia presenta para o exercicio do 2023 seguramente que o mais apropiado sería o de CONTINUÍSMO. Por que o goberno galego de quenda (PP) segue mantendo os vellos dogmas neoliberais e elaborando orzamentos que, de ningures, se orientan á creación de emprego, a mellora do benestar e o crecemento económico.
Así da análise das grandes cifras orzamentarias observamos que, en contra de toda lóxica, non estamos propiamente diante duns orzamentos que teñan un carácter anticíclico como sería mester no presente momento critico que atravesa a economía galega polos efectos conxuntos da pandemia e a guerra en Ucraína que, entre outras consecuencias, supuxeron a definitiva ruptura das cadeas de valor da globalización neoliberal. Un impacto recesivo, sobre o comercio e o investimento privados, que debería levar ao goberno galego a un notable esforzo inversor o que non é o caso. Si ben é certo que nos dous últimos exercicios a Xunta de Galicia incrementou notablemente o investimento público a realidade é que o gasto actual, en termos reais, é claramente inferior ao que se destinaba, por caso, antes da crise bancaria cando era menos necesario ese esforzo no investimento público dada a puxanza do investimento privado. Velaí que non consideremos a estes orzamentos como anticiclónicos e moito menos expansivos pois o investimento público apenas supón o 11% do gasto público total -o 13% no ano 2008-, e o 2,3% do PIB. Este insuficiente esforzo inversor público, que se ven arrastrando dende a grande crise bancaria (2008), frea o necesario reponte do investimento privado impedindo así a recuperación do crecemento económico e a creación de emprego. Hai que ter en conta que, como xa sinalara en estas páxinas, "en Galician o tecido empresarial está formado maioritariamente por empresas de tamaño pequeno e medio polo que o incremento do investimento público (gasto) incrementaría as ventas (ingresos) de estas sociedades estimulando o investimento privado (gasto) favorecendo así a creación de emprego e o crecemento económico".
En relación a débeda pública (11.715 millóns de euros no 2021: 4.353 euros per capitá) subliñar que esta non parou de medrar dende o estoupido da crise bancaria (1.429 euros per capitá no 2008) poñendo en evidencia como as políticas de austeridade fiscal provocan o efecto contrario ao que proclaman os seus defensores. Unha dinámica que, a pesar diso, podería estar xustificada -"en fases recesivas como sucede actualmente é cando están plenamente xustificados os incrementos da débeda pública"(HTTP://PIRATA.GAL/opinión/orzamentos-públicos-en-ciclos-recesivos)- se o emprego desta débeda estivera destinado, por caso, a incrementar investimento público ou o gasto social. O que non é o caso: si os ingresos previstos por débeda (2023) ascenden a 1.586,5 millóns de euros, o gasto polos servizos desa débeda suman 1.431 millóns (90,2%) quedando so 155,5 millóns (9,8%) para investimento produtivo ou gasto social. Esta Xunta de Galicia (PP) está así alimentando o negocio dos mercados financeiros.
Unha débeda pública que, incluso se podería reducir si o goberno galego de quenda (PP) abandonara o dogma neoliberalismo das rebaixas de impostos (600 millóns de euros no 2023), que so benefician as rendas altas, e optara por incrementar o seus ingresos fiscais algo que pode conseguir por varias vías. "En primeiro lugar a tributaria na que hai un claro marxe de manobra ao través tanto de incrementar o tramo autonómico do IRPF -incorporando novos tramos por riba do máximo actual- como actuando sobre o Imposto de sucesións substituíndo as tarifas I e II polas estatais e eliminando as bonificacións ao Imposto sobre o Patrimonio facéndoo mais progresivo. Finalmente a Xunta de Galician debería tomarse en serio a loita contra a fraude fiscal que é moi elevada o que permitiría un incremento nada desprezable dos ingresos tributarios".
Ao non asumir estes criterios orzamentarios a Xunta de Galician segue demostrando que a hora de elaborar os Orzamentos Públicos non parece ter en conta como debera a natureza do ciclo económico no que se atopa a economía. Actuando deste xeito está impedindo que os orzamentos públicos actúen como estabilizadores.