Sen traballo non hai cama

Acampada pola vivenda na praza do Obradoiro, o 1 de outubro de 2026 CC-BY-SA Praza Pública

Eran as sete e media da mañá e a voz dun home interrompeu a praza. Ese home comezou a berrar cara nós. Con certa rabia e mesmo odio tratounos de vagos e proclamou tamén "sen traballo non hai cama". Así espertamos algúns de nós hoxe, antes de prepararnos para ir á universidade, con esa sensación de que durmir foi en van

Eran as sete e media da mañá e comezaba a notar o orballo nos cantos dos pés. Os tapóns dos ouvidos ficaban libres das súas beiras de pel -pois non resistiron a trasfega desas noites sen durmir- e xa nada as resgardaba do son das campás da catedral. Se hai unha columna que dende logo non está pensada para a arquitectura do Obradoiro, esa é a columna vertebral. E os murmurios peregrinos, sumados ao estrépito das badaladas, son case coma unha alarma de esperta incesante. Eran as sete e media da mañá e a voz dun home interrompeu a praza. Quizais sexa aventurado atribuírlle características a unha fala, sen mirar de quen procede. Mais tamén o é facelo polo que vemos. Podo dicir que debía ter arredor de cincuenta anos, cunha marxe de erro dunha pensión. E, dende logo, non soaba a alguén que tiña a vida resolta. Non, porque os que a teñen solucionada, non madrugan.

Ese home comezou a berrar cara nós. Con certa rabia e mesmo odio tratounos de vagos e proclamou tamén "sen traballo non hai cama". Así espertamos algúns de nós hoxe, antes de prepararnos para ir á universidade, con esa sensación de que durmir foi en van. Porque unha cousa é pechar os ollos e acurrucarse no chan, e outra ben distinta é descansar.

Recordo que a noite na que comezou todo isto eu estaba no piso facendo un traballo de clase, e, ás doce e media, abrín Instagram. O primeiro que apareceu foi un titular que anunciaba o inicio da acampada en Compostela. Á unha menos cuarto cheguei á praza, coas miñas cámaras. A curiosidade e esa ansia de tatuar a realidade nunha tarxeta SD foron as que me levaron ata alí. Coincidín coa asemblea, fixen unhas fotografías e marchei, case coma un neno cando obtén o que quere. Porque, para os que valoramos as mobilizacións sociais tamén coma obxecto artístico, a fotografía nos resulta unha forma de reivindicar. E aí pensei que remataría. Non obstante esa noite empezou a habitar os meus pensamentos unha teima. Esa de se fotografar era suficiente. Ou escribir. Suficiente.

O luns estaba montando a tenda. Pois -quizais aínda idealista- penso que as grandes conquistas sociais non terían ocorrido sen grandes accións

E había moitos prexuízos e medos, non o vou a negar. A miña non foi unha decisión impulsiva, é máis, mediteina incluso coa familia. Si, porque cando un participa en accións coma esta asume unha serie de riscos. Quizais o primeiro -que semella unha parvada, mais para calquera adolescente é un motivo de peso- foi o medo á estigmatización. E é que se adoita dicir dos que estamos aí, que temos unha aversión a traballar. Tamén hai certos termos despectivos -coma "perrofla"- que se escapan á visión que temos de nós mesmos. Outra preocupación forte foi a da violencia -ben policial ou por parte de grupos de extrema dereita- e a que esta fose empregada contra nós. Non sería a primeira vez que unha protesta pacífica remata con varias persoas no hospital a causa da reacción dos corpos da lei. E por suposto, as represalias económicas. Porque se moitos de nós vemos inaccesible a vivenda, canto máis tendo que facer fronte ás multas pola manifestación.

O realmente entristecedor é que un traballador que non chega a fin de mes berre a estudantes que tampouco chegan a fin de mes, mentres hai un rendista que saca beneficio dos dous. E a el, que vive da especulación inmobiliaria, ninguén lle di iso de "sen traballo non hai cama". Quizais porque isto dos dereitos non se nos aplica a todos por igual

Pese a todo, o luns estaba montando a tenda. Pois -quizais aínda idealista- penso que as grandes conquistas sociais non terían ocorrido sen grandes accións. Para chegarmos aos dereitos que temos acadado, foron necesarias mareas de xente que encheran as rúas para reclamalos. Se aos políticos non lles afecta a problemática da vivenda -xa que todos eles chegan vizosos a fin de mes- nada cambiará. Algo que me indigna profundamente é cando os nosos gobernantes tratan de seguir a súa axenda de inauguracións e ceas, sen deterse un intre a atender as demandas da xente de a pé. Opino, ademais, que a día de hoxe é moito máis despectivo ser chamado rendista a "perrofla" e que o dereito á reunión e á manifestación non deberían ser só para os que se poidan dar o luxo de pagalos.

Tras esta semana na acampada podo afirmar que a meirande parte dos que a integramos non renunciamos á nosa vida. Eu vou á universidade coma todos os demais do meu curso, fago os mesmos traballos que antes e tamén as mesmas lecturas. Ensaio os instrumentos que toco e falo os idiomas que aprendo, coma calquera con actividades fóra da USC. E traballo polas fins, coma moitos máis o fan. A diferencia, é que cando remata o meu día, non agarda por min o sofá, ou esa serie de medianoite.

Tampouco a estufa nin o colchón. Hai xente que asocia acampar a ir de vacacións. Entón claro que é unha bicoca: durmir nun camping no verán, facer turismo polo día e cociñar malvaviscos á "American way". Isto do Obradoiro, é ben distinto. Non renunciamos aos nosos traballos, senón ás nosas comodidades. Se na praza hai xa máis de 110 tendas cheas de xente con insomnio, é porque este estado que dí defender os nosos intereses hai tempo que desatende o de termos un teito.

É por iso que o realmente entristecedor é que un traballador que non chega a fin de mes berre a estudantes que tampouco chegan a fin de mes, mentres hai un rendista que saca beneficio dos dous. E a el, que vive da especulación inmobiliaria, ninguén lle di iso de "sen traballo non hai cama". Quizais porque isto dos dereitos non se nos aplica a todos por igual.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.