Señor Alcalde de Xinzo: dimita xa

Agora enténdese o cabreo permanente do noso honorable alcalde de Xinzo da Limia, sobre todo co BNG e Anova. Así o amosa en cada pleno ou nota institucional. Tanta é a xenreira que profesa ao nacionalismo e á todo o que se menee na órbita da posta en valor da nosa identidade, lingua ou cultura, que todo indicio de galeguidade é sistematicamente vilipendiado e aguilloado nunha espiral de odio mofa e cunha actitude máis próxima a senrazón que a que se lle presupón ó presidente dun concello, por moita maioría que teña ou por moito que sexa quen de quitar ou dar a palabra.

A súa, desde logo, xa non é exemplo nin lección de nada. E moito menos que nada despois do que ven de publicar este fin de semana La Voz de Galicia en relación coa contratación municipal, desenmascarando que esa furia insá do alcalde, parcial e viciada cara todo o que indique galego, ten outro orixe moito máis próximo e material: o seu cabreo provén da iniciativa da CIG de trasladar a Subdelegación do Goberno de Ourense as prácticas contractuais fraudulentas do señor alcalde Antonio Pérez.

O seu cabreo provén da iniciativa da CIG de trasladar a Subdelegación do Goberno de Ourense as prácticas contractuais fraudulentas do señor alcalde Antonio Pérez

Polas páxinas da prensa sabemos tamén que a Avogacía do Estado presentou unha demanda civil contra o alcalde por estas irregularidades, e que no caso do concello de Xinzo foi especialmente complicada a investigación polas súas negativas a facilitar os preceptivos informes de secretaría e intervención que obrigatoriamente ten que avalar todo contrato. E non é de estrañar tanta reticencia dado que estes informes son todos desfavorables e ademais ata en 17 ocasións se lle advirte desde a secretaría do concello á Antonio Pérez que tales contratos incorren en fraude de lei: insuficiencia de trámites na información pública e selección que establece a constitución, grave incidencia no Plan de Axuste de marzo de 2012, risco de Indefinición na empresa municipal co conseguinte gasto acumulativo, inexistencia de crédito axeitado, etc, etc... E todo elo para colocar e recolocar a interventores electorais do Partido Popular e algún parente directo, e o máis grave e sangrante, sabendo que o que estaba a facer de xeito reiterado e consciente era ilegal, é dicir, prevaricando en toda regra coa interesada cegueira dos seus departamentos de persoal e facenda.

E todo elo para colocar e recolocar a interventores electorais do Partido Popular e algún parente directo, e o máis grave e sangrante, sabendo que o que estaba a facer de xeito reiterado e consciente era ilegal

Agora só lle resta unha última lección desa gran honorabilidade e alta catadura democrática da que fai gala: a honrosa dimisión, xa. Debe dimitir simplemente admitindo que se extralimitou nas súas funcións. A Limia non merece o fraco favor de pasar a vergoña da renuncia do alcalde da súa capitalidade por imperativo xudicial; pois, non que haxa a menor dúbida de que de non producirse a súa inmediata dimisión, o BNG interporá unha demanda penal acorde a flagrante prevaricación na que foi cazado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.