Señor Feijóo, fale por vostede

Remate da manifestación contra a violencia machista en Santiago, neste 25N CC-BY-NC-SA CIG

“.....ahora ya no son tiempos de espejismos.” Chantal Maillard

Este tipo de afirmacións reflicten a tendencia á infantilización das mulleres dende posicións conservadoras incapaces de recoñecernos como suxeitos propios e emancipados

O persoal é político. Sen dúbida esta é unha das premisas máis coñecidas do feminismo, ademais da asunción do carácter político do propio movemento. A pesar disto, son continuas as acusacións sobre un suposto uso partidista da loita feminista. Este tipo de afirmacións reflicten, por un lado, unha tendencia á infantilización das mulleres dende posicións conservadoras incapaces de recoñecernos como suxeitos propios e emancipados, e, por outro, a intención de colocar ao feminismo en subalternidade, cando o grao de ideoloxización do movemento (cuxa expresión máis exacta é ese “o persoal é político”) o converte per se nunha proposta política autónoma. 

Este é o caso de Ciudadanos, quen fixo alarde da súa incomprensión aventurando propostas como o “feminismo liberal”, dúas palabras que conflúen nun oxímoro. Quen, ademais, acaba de ver minguar os seus 56 escanos no congreso a 10, en só 6 meses, interpelando a un centro político que mostrou unha volatilidade de manual. Isto nos sitúa ante a hipótese de que o centro político sexa un espellismo produto da desideoloxización dunha parte da sociedade que decanta o seu voto segundo cada proceso concreto. Explicaríanse así décadas de alternancia bipartidista na que as vitorias dependían das modulacións do discurso para captar a ese electorado de “centro”. Algo que tamén xustificaría o desvío dese voto perdido dun partido que se definía como de “centro moderado”, non só cara a abstención e o PP, senón a un partido de extrema dereita como VOX.

Non é de estrañar a cruzada que VOX mantén co movemento feminista

Resulta sorprendente escoitar como unha porcentaxe importante das persoas que decidiron votar a VOX o 10N declaran que o fixeron buscando “un cambio” ( significante excesivamente impreciso se non o acompañamos dalgunha alocución). Ábrese a necesidade de reflexionar sobre a diferenza entre estes votantes e aqueles que xustifican a elección de VOX no seu discurso antiemigrante ou que recitan os seus “mantras” falsos sobre as mulleres e as denuncias por violencia de xénero. 

Cuestións de fondo á parte, non é de estrañar a cruzada que VOX mantén co movemento feminista. Do bautizado como trifachito parecen ser os que menos nos subestiman e, conscientes de que o alto grao de ideoloxización hermetiza ás feministas contra o seu discurso, nos combaten. 

Este 25N estará marcado polo bloqueo de VOX ás declaracións institucionais contra as violencias machistas en moitos concellos e parlamentos do estado español. O movemento feminista, acompañado por unha parte importante da sociedade, foi quen de conseguir avances fundamentais na nosa concepción do sistema democrático, pero dende as tribunas agora se alzan voces que os poñen en cuestión. 

Hai algo obsceno na linguaxe empregada por VOX para atacar os dereitos das mulleres, algo que raia no insulto, unha perversión da retórica que cruza límites que non se deberían traspasar en sede parlamentaria. A palabra “abortorio” ou afirmar que o feminismo é “un cáncer”, son a expresión verbal dunha carencia total de escrúpulos á hora de facer política. Curiosamente, moitos dos que acostuman a erixirse en adaíles do decoro parlamentario en cuestións banais, parecen, aquí, facer a vista gorda. Porque se o crecemento de VOX pode argumentarse no seu discurso “cainita” e a desideoloxización dunha parte do electorado, fáltanos na ecuación a irresponsabilidade dalgunhas formacións políticas ao branquealos.

En Galicia, ás portas dunhas eleccións autonómicas, moitas nos preguntamos se o PP galego terá a mesma disposición a pactar con VOX que teñen en Madrid

O preacordo entre PSOE e o grupo confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común abre a posibilidade dun goberno de coalición e o fito de quebrar ese bipartidismo que sustentaba as súas alternancias no “electorado de centro” e a capacidade de PP e PSOE de modular o seu discurso, resultando un palimpsesto de tanto reescribirse. Coa aparición de novas formacións políticas e a fragmentación consecuente, o papel de Ciudadanos era o de bisagra que formulara a versión 2.0 do bipartidismo. Esa hipótese tórnase inviable tras o 10N, e os dous grandes partidos atópanse na conxuntura de que cada escolla os define. Sen posibilidade de reescritura, toda decisión afonda no ideolóxico. 

Basta observar Andalucía e Comunidade de Madrid para comprobar que o PP escolleu gobernar cun apoio de VOX que non está a saír gratis, sobre todo ás mulleres. Porque se hai algo ao que o PP parece disposto a renunciar é aos dereitos acadados a través de loitas que non tiveron máis remedio que asumir, pero que consideran alleas. 

Señor Feijóo, procure non falar por nós e desvele se, a partir das eleccións do 2020, vai ser VOX quen fale por vostede

En Galicia, ás portas dunhas eleccións autonómicas, moitas nos preguntamos se o PP galego terá a mesma disposición a pactar con VOX que teñen en Madrid. Non debe sentirse moi cómodo Feijóo, quen moitas veces intenta marcar liña propia, ante tal perspectiva. Tampouco se lle viu moi cómodo no último pleno, durante o cal chegou a erixirse como “o encargado de falar polas mulleres galegas”. Máis alá do insultante desta afirmación, compre que Alberto Núñez Feijóo aclare se, chegado o momento, vai pactar con VOX, como marca o seu partido dende Madrid, poñendo as vidas das mulleres galegas nas mans daqueles que nos queren sen dereitos. 

Nese mesmo pleno, vimos a Feijóo repetir a “cantinela” da politización da loita das violencias machistas. Xa vai sendo tempo de que asuman que o feminismo, como o persoal, é político. Polo que, Señor Feijóo, procure non falar por nós e desvele se, a partir das eleccións do 2020, vai ser VOX quen fale por vostede. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.