Ser 'galego' ou 'gallego'

CC-BY-SA Praza Pública

Hai tempo respondinlle a un coñecido, que deu por feito a miña querenza por todo o “gallego”, que de certo gustaba dos “galegos” pro éranme indiferentes, e mesmo por veces enfadosos, os “gallegos”, e engadín que tivese en conta que unha soa letra marcaba a diferenza, nada nimia ao meu ver, e a seguir expliqueille a “sutil” diferenza; como expoñerei agora.

En principio poderíase coidar que un “galego” é o mesmo ca un “gallego” e o único que muda é o idioma usado no xentilicio, mais isto, que é valido noutros casos tal que francés ou français, inglés ou english, alemán ou deutsch etc., non o pode ser no noso porque todo un proceso histórico de desprestixio e asimilación lingüística –ende mal aínda operante– o empece. Así ser “galego” na lingua de Galiza ou ser “gallego” na de España leva consigo unhas características intrínsecas, como:

A persoa “galega” sempre é bilíngüe como mínimo –obrigada pola lei: Constitución Española: artigo 3, punto 1–, en tanto que a “gallega” pode ser fachendosamente monolíngüe –amparada pola “tradición española” e maila lei–

Que a persoa “galega” sempre é bilíngüe como mínimo –obrigada pola lei: Constitución Española: artigo 3, punto 1–, en tanto que a “gallega” pode ser fachendosamente monolíngüe –amparada pola “tradición española” e maila lei–; a primeira obrigada a vivir usando as dúas linguas oficiais en Galiza e a segunda non, que mesmo se pode sentir agraviada por deber ter un coñecemento sequera pasivo, aínda que só sexa superficial, da “lingua propia de Galiza” (Estatuto de Autonomía de Galicia: artigo 5), como no uso dos topónimos, onde unicamente son oficiais as formas galegas e como tal figuran nos sinais viarios.

Verbo destes, incoherentemente moitos “gallegos” reivindican o uso das formas castelás dos topónimos galegos, mais aceptando ao mesmo tempo formas plenamente galegas que escaparon á castelanización, tantas veces chafalleira. Así reclaman Puentedeume, Puenteceso ou Puenteareas –exemplo este de castelanización a medias– pro asumen sen problema ningún Pontevedra; Mellid pro aceptan Maside; Carballino –novo exemplo de castelanización chambona– pro admiten Camariñas, Porriño ou Bergantiños; Villagarcía ou Villalba pro tamén Vilaboa ou Vilasantar; corrixen o sufixo galego en Vivero, Ribera de Piquín ou Porquera pro non en Ortigueira, Negreira, Oleiros, Cedeira, “Riveira” ou “La Teijeira”; corrixen o ditongo decrecente en Orense, Arosa, Orol pro non en Outes; traducen Valle del Dubra ou Valle de Oro pro non Valdoviño; traducen La Vega, El Pino, Sotomayor, Nieves ou Nogales pro non Carballo, Pereiro de Aguiar, Boimorto, Cervo, Muíños, Touro ou Verea; e ás veces a castelanización é unha auténtica mostra de ignorancia que nin sequera se corrixe: El Grove –chafullada máxima: < Ogrobe < lat. Ocobre, asumida con tradución pola toponimia oficial: O Grove–; aínda que outras si, por pura vergoña, e xa ninguén reivindica o ignominioso “Niño de la Guía” (< Niñodaguia).

Que a persoa galega está orgullosa das súas tradicións folclóricas, gastronómicas etc., que sempre chama polo seu nome orixinal: “bica”, “muiñeira”, “augardente”, “entroido”, “filloas”, “polbo á feira”, “pote”, “leite fritido”; no canto do “gallego”, que traduce ou simplifica os nomes pra unha mellor comprensión ou pronuncia dos casteláns: “bizcocho gallego”, “muñeira”, “orujo gallego”, “carnaval”, “crepes” (pro sen manteiga!), “pulpo a la gallega”, “caldo gallego”, “leche frita”, e que mesmo pode tentar adoptar tradicións “españolas” como as “ touradas” –introducidas a finais do s. XIX nas nosas cidades e vilas– ou a “feria de abril” en Lugo (patrocinada polo ”Círculo de las Artes”!). Ende ben, aínda non atoparon tradución prá “queimada”, o “lacón con grelos”, a “rapa das bestas”, os “cachelos”, o “alalá”, as “chulas”, o “licor café”, o “magosto”, o “albariño” nin o “ribeiro”.

Que o “galego” ve o mundo dende a súa terra, que se converte na súa referencia pra comparar co resto do mundo, mentres que o “gallego” o mira dende España, sendo o estado a modelo referencial. Así pró “galego” a súa terra abonda pra se identificar ante o mundo, aínda que a miúdo teña de aclarar a súa inclusión dentro de España, mais pró “gallego” é demasiado insignificante e cómprelle un territorio máis extenso, poboado e recoñecido, tamén máis poderoso. Pra este último Galiza é soamente unha rexión española e pró primeiro unha nación dentro do estado español, polo que o primeiro se clasifica como un español nado en Galicia e o segundo como un galego, que por lóxica amais é español.

A aceptación e reivindicación da lingua e cultura propias marca a nidia diferenza na visión que cada galego ten da súa terra e de si mesmo, independentemente de como considere que Galiza, como entidade política, ha situarse en España ou no mundo (rexión, autonomía, estado federal, estado confederal, estado independente). Facelo proclama autoestima individual e nativa, e negalo ou disimulalo todo o contrario, temos exemplos abondos deste comportamento social que nas Ciencias Sociais recibe a denominación de “autoodio”.

O “galego” ve o mundo dende a súa terra, que se converte na súa referencia pra comparar co resto do mundo, mentres que o “gallego” o mira dende España, sendo o estado a modelo referencial

Se se compara a nosa dicotomía xentilicia coa que se dá nas outras dúas linguas cooficiais españolas vese que basco/euscaldún ten un claro matiz lingüístico orixinal dado que “basco” indica propio do País Basco e “euscaldún” indica falante de éuscaro, polo que se pode ser basco sen falar éuscaro –como ocorre coa maioría da populación basca– e ser euscaldún sen ser basco como pasa na zona euscarofalante de Navarra; mentres que o status prestixioso do catalán en Cataloña fai que todo catalán asuma na práctica a lingua catalá como parte intrínseca de ser catalán, sendo quizais a realidade valenciana máis próxima á nosa, onde moitos valencianos non asumen a lingua valenciana como parte esencial de se sentiren valencianos.

Pra rematar, como exemplos egrexios de ámbolos conceptos: Emilia Pardo Bazán, R. del Valle-Inclán, G. Torrente Ballester ou Camilo José Cela forman parte dos “gallegos ilustres” –ninguén cuestiona a súa valía–, namentres que A.R. Castelao, R. Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro ou Isaac Díaz Pardo son “galegos ilustres”, os primeiros decidiron exercer de “españois rexionais” e os segundos de “cidadáns da nazón de Breogán”, e isto non é o mesmo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.