Será Kamala Harris quen pare Trump?

Kamala Harris CC-BY-SA Gage Skidmore

A enxurrada destas semanas rematou coa inequívoca mensaxe do antigo presidente Obama o 17-X. A maioría do Partido Demócrata (DP) quería outra persoa na candidatura para as vindeiras eleccións do 4-N. Velaí que Joe Biden veña de demitir e de propor, ao tempo, que a viepresidenta Kamala Harris sexa elixida candidata no canto del. A californiana xa amosou a vontade de substituilo como candidata e, ao longo de todo o domingo foron varios os senadores e membros da Cámara Baixa federal que lle prometeron públicamente o seu apoio, canda o caucus negro de senadores e representantes, varios axentes sociais das minorías, o ex presidente Bill Clinton e a ex secretaria de Estado e candidata demócrata no 2016 Hillary Clinton e máis a corrente centrista News Democrats. Seica as redes de apoio a Harris levaban semanas traballando. Malia esta evidente vantaxe non ten certa a obtención da candidatura.

Este feito é inédito na historia electoral norteamericana, porque Biden xa fora elixido nas primarias. Xa que logo, como ainda non fora ratificado pola Convención electoral do DP (que se vai xuntar entre os vindeiros días 19 e 22 de agosto), perténcelle a ésta (de primeiras destinada á simple ratificación de Biden) elixir o novo candidato sen suxeición as persoas delegadas a mandato previo ningún. Serán 4696; 3949 eleitas nas pasadas primarias canda 746 superdelegadas en función do seu cargo ou representación. Destas 746 agárdase que non partillen a primeira votación, onde se definirán as candidaturas con posibilidades. Iso se chega aló algunha outra persoa distinta de Kamala Harris.

O certo é que, canda o feixe de persoeiros do DP que amosaron este domingo o seu apoio a Harris, houbo outro bo feixe que calaron como petos, entre eles os gobernadores demócratas e a antiga speaker da Cámara de Representantes, Nancy Pelosi, quen dixera hai días que, para o caso do rexeitamento da candidatura de Biden, prefería un proceso aberto de elección da nova persoa candidata á automática proposta de Harris.

Poderá haber outra candidatura demócrata? Quizais sexa cedo de máis para sabelo, mais a meirande parte dos doadores á campaña presidencial prefiren á californiana de orixe indo-xamaicana, mentres aqueles que apostan por un proceso aberto non se abeiraron polo de agora a persoa ningunha. Semella que non é (probábelmeente xa non o sexa nunca) o intre axeitado para a electoralmente inédita Michelle Obama. Canto ao gobernador de California, Gavin Newsom, semella máis doado que conecte cos sectores máis progresistas ca a centrista Harris, mais non ten a experiencia electoral desta. Porén, ollo co gobernador demócrata de Pennsylvania, Josh Shapiro, que ten bastantes seareiros nos Estados-chave da elección federal.

Arestora é nidio abondo que Kamala Harris leva vantaxe, malia que non teña garantida a elección. Logo de gañar a candidatura...podería con Trump? Teno difícil, mais os primeiros eixos temáticos que dixo priorizar (os dereitos das minorías e os intereses das pequenas e medianas empresas e dos “traballadores norteamericanos”) irían polo bo camiño, fronte á elitista axenda de Hillary Clinton no 2016.

Teño para min que, sexa como for, o 4-N haberá partido. Trump terá enfronte a alternativa que Biden xa non garantía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.