Sete anos, cinco páxinas

Feijóo e Fernández Currás, celebrando a fusión das caixas coa cúpula directiva da entidade fusionada en novembro de 2010 CC-BY-SA Conchi Paz / Xunta

En 2013 os deputados que formábamos parte da Comisión de investigación das antigas caixas de aforro poidemos acceder á información, cedida polas institucións relacionadas coa fusión, que estaba depositada nunha sala do Parlamento de Galiza. Máis de 30.000 folios en cartafoles que, en teoría, contiñan toda a información necesaria para coñecer a verdade da fusión e determinar responsabilidades políticas.


Unha historia infame de encubrimento, irresponsabilidade e fraude

O noso abraio foi maiúsculo cando comprobamos que a propia auditora clarexaba dun xeito moi directo que ese documento non era unha auditoría senón unha “due dilligence”, unha diagnose acelerada que non constituía ningunha recomendación sobre a fusión

Lembro que o primeiro documento que buscamos foi a chamada “Auditoría de KPMG” xa que era a peza principal que, durante meses, esgrimiu Feijoo e o seu goberno para avalar a operación de fusión.

O noso abraio foi maiúsculo cando comprobamos que a propia auditora clarexaba dun xeito moi directo que ese documento non era unha auditoría senón unha “due dilligence”, unha diagnose acelerada que non constituía ningunha recomendación sobre a fusión e na que se advertía que non se puideran contrastar as fontes de información da operación polo que o seu traballo se fixera a partir dos datos entregados polas entidades sen constrastar. Limos tamén outros informes externos, como o de PriceWater House Cooper-Deloitte que afirmaba outro tanto.

Daquela, decidimos facelos públicos para desenmascarar as mentiras de Feijoo e o seu goberno. Ao mesmo tempo, e despois de revisar a documentación, comprobamos que non aparecía o Informe-proposta asinado por Marta Fernández Currás que foi o que se aprobou no Consello da Xunta de 18 de novembro de 2010 para autorizar a fusión.

Pouco despois, Marta Fernández Currás negábase a declarar no Parlamento e enviaba unha resposta por escrito onde dicía que a súa proposta ía acompañada de informes internos da Consellería de Facenda.

En 2013 rexistrei a primeira solicitude para acceder a esa información para clarexar que, se ben Feijoo mentira durante meses co apoiándose na pseudoauditoría de KPMG, puidera ser que o Informe-proposta recollese os argumentos e os controis necesarios para avalar a fusión.

Non tiven contestación e fun reiterando a petición por escrito. Posteriormente, fixen preguntas aos dous conselleiros que sucederon á Fernández Currás e presentei iniciativas en pleno e Comisión co mesmo obxectivo. Sen resultado ante o silencio e a opacidade da Goberno galego e o seu presidente.

En 2018 recorrín ao TSXG para denunciar unha vulneración de dereitos fundamentais ao negárseme unha información imprescindible para realizar o meu traballo e o que é máis importante para que as galegas e os galegos puidesen saber a verdade. O TSXG fallou ao meu favor e recriminou a conduta escurantista do Goberno galego.

O pasado 28 de decembro, despois de 7 anos, conseguín acceder á documentación sobre a fusión das caixas de aforro galegas que levaba solicitando dende o ano 2013.


O informe do desleixo

O Informe-documento era unha tapadeira burocrática para legalizar unha trapallada e comenencia dos directivos das caixas coa Xunta de Galicia no papel de cómplice e colaborador necesario dunha estafa e burla aos cidadáns e cidadás galegas.

O documento que se agachou durante 7 anos non era unha peza marxinal ou menor dentro da toma de decisión sobre a fusión, era, nin máis nin menos, que o Informe-proposta, asinado pola Conselleira de Facenda Marta Fernández Currás, que aprobou o Consello da Xunta o 18 de novembro de 2010 dando vía libre á fusión das caixas de aforro galegas. Era, supostamente, o documento central da argumentación do Goberno galego para impulsar a fusión das caixas galegas.

En rigor, o Informe-proposta había de ser o punto de chegada de sisudos estudos previos, tanto internos e externos, achegando datos verificados e irrebatibles para soster como a mellor alternativa para Galiza a da fusión das dúas caixas, para crear unha unha nova caixa galega e solvente. O Informe-documento era, ao contrario, un exercicio de desleixo e irresponsabilidade, unha minuta de trámite, sen contraste de fontes nin argumento ningún. Unha tapadeira burocrática para legalizar unha trapallada e comenencia dos directivos das caixas coa Xunta de Galicia no papel de cómplice e colaborador necesario dunha estafa e burla aos cidadáns e cidadás galegas.

Sete anos de agochamento do Informe-proposta a pesar de terllo solicitado en reiteradas ocasións ata se puido facer público grazas á decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Fíxose todo o “público” que, neste país, se pode facer algo cando os medios públicos e os concertados se entregan a garantir a impunidade da Xunta e o seu presidente e ollan cara a outro lado diante dun dos maiores escándalos democráticos en anos. Falta de transparencia e blindaxe de impunidade máis que suficiente para poñer en discusión da calidade democrática das institucións autonómicas galegas, Parlamento e Xunta, e do sistema de medios dominante en Galicia.

Como se pode cualificar o feito de que o documento fundamental para aprobar a devandita fusión das caixas por parte do goberno galego estivese desaparecido sete anos impedindo o seu acceso á Comisión de Investigación que teoricamente debía avaliar o proceso e a toma decisións políticas do executivo galego, unha decisión que culminou cunha privatización a prezo de saldo do 40% do aforro de galegos e galegas? Ningún responsable? Ningunha dimisión?

Un goberno democrático asumiría responsabilidades políticas no intre mesmo de comprobarse o fiasco da fusión, do fracaso rotundo dunha operación onde se inxectaron máis de 9.000 millóns de euros de diñeiro público para logo vender a caixa por 1.003 millóns, deixándolle ao banco que se fixo coa alfaia –un banco cun patrimonio neto inferior á entidade que mercou- e compensou esa cantidade xa no primeiro ano de xestión dos activos da entidade.

Feijóo mentiu ás galegas e aos galegos. É facilmente comprobable, só hai que ir á nota de prensa da Xunta de Galicia posterior ao Consello da Xunta onde se aprobou a fusión ou á hemeroteca dos meses seguintes

Un fracaso polo que debería de ter asumido responsabilidades quen prometeu unha caixa galega e acabou sendo un banco privado venezolano. Un proceso discrecional e irregular que de debería provocar dimisións xa que a fusión foi publicamente avalada por unha pseudoauditoría de KPMG, que custou un millón de euros e que, como se denunciou, cando Alternativa Galega de Esquerda (AGE) a fixo pública, nin era auditoría nin avalaba a fusión. 

Feijóo mentiu ás galegas e aos galegos. É facilmente comprobable, só hai que ir á nota de prensa da Xunta de Galicia posterior ao Consello da Xunta onde se aprobou a fusión ou á hemeroteca dos meses seguintes. Pero ninguén dimitiu. Ninguén asumiu responsabilidades. Impúxose o réxime de infame impunidade do presidente Feijóo e os “bos xestores”.

O réxime de impunidade esixía silenciar o asunto e forzouse o peche das comparecencias no verán de 2013 e meteuse a comisión no conxelador ata o remate da lexislatura en 2016. Volveuse abrir a Comisión na seguinte lexislatura e pouco despois de constituída bloqueouse ata o fin da lexislatura. Impunidade. Obstrución. Silencio cómplice. Escurantismo. 

Hai pouco volveron abrirse por terceira vez a Comisión. Coa mesma fraudulenta tentación por parte da maioría do Partido Popular: evadir responsabiliade, maquillar as súas desastrosas decisións, agochar complicidades e atrasar até o infinito as verdadeiras razóns do estafa das caixas galegas.

 

Un informe incriminatorio

Por qué o PPdeG estivo sete anos ocultando ese documento? Porque ese documento mostra a fraude de Feijóo na xestión da fusión das caixas, xa que é un documento ridículo de cinco páxinas, sen ningún rigor, no que se reflicte o xeito de proceder da Xunta: protexer os intereses dos «amigos», sacrificar o interese da maioría social

O 28 de decembro coñecín o documento despois de que o PPdeG estirase ao máximo os prazos da xustiza. Obstrución e falta de colaborción coa xustiza até o último segundo. Exemplo fariseo de respecto á legalidade do Partido Popular da Gurtel e mil corrupción e corruptelas máis.

Rexistrárono o 24 de decembro, Noiteboa, para seguir coa operación de encubrimento e silencio informativo.

E por qué o PPdeG estivo sete anos ocultando ese documento?

Porque ese documento mostra a fraude de Feijóo na xestión da fusión das caixas, xa que é un documento ridículo de cinco páxinas, sen ningún rigor, no que se reflicte o xeito de proceder da Xunta de Galicia: protexer os intereses dos «amigos», sacrificar o interese da maioría social. Queda claro o que non fixo e que tiña obriga de facer: fiscalizar as contas, verificar os dos datos achegadois polas caixas, garantir a a viabilidade da fusión e protexer os aforros de milleiros de galegos e galegas. 

Nesas cinco páxinas non se cita ningún informe interno ou externo que avale a fusión. Toda a decisión de impulsar a fusión descansa nun parágrafo dun informe do Banco de España no di que vía obxeccións á operación. Todo en función do deixar facer do Banco de España e unha contas dos xestores das caixas que non foton sometidas a máis mínima verificación. 

Un par de exemplos. Un. Os activos inmobiliarios estaban sobrevalorados, o que se evidenciou cando se venderon por 5.000 millóns de euros uns activos que nas contas fantástiscas avaladas por Feijóo estaban valorados en 10.500 millóns. 5.500 millóns de fume. Dous. A sentenza que condeou á taxadora de Caixa Galicia pola sistemática sobrevaloración nas taxacións, visbilizando un sistema de fraude sistemática da caixa coa connivencia e non intervención da Xunta.

Que desvelou o coñecemento dunha documentación agochada polo PP e o presidente Feijoo durante 7 anos? Que Xunta tomou a decisión sen ningín informe solvente que avalase a fusión das caixas. Que a Xunta foi o colaborador necesario para legalizar a fraude autoexculpatoria dos executivos das caixas galegas. O que aprobou o Consello da Xunta o 18 de novembro de 2010 era, simplemente, unha grandísima mentira, un novo engano aos galegos e galegas, unha estafa e unha operación de fusións que se sabía fraudulenta e chamada ao fracaso. 

O informe de cinco páxinas non se podía ensinar porque demostraba a neglixente actuación do goberno galego durante o proceso de fusión. O certificado de defunción da andrómena de Feijóo como gran xestor. A gran trola sobre a que se construíu a reputación presidencial de Alberto Núñez Feijóo desde 2009. 


Panos de fume para agochar un fracaso anunciado

A fusión estaba condenada dende o principio pola solución escollida e, tamén, por décadas de falla de control de quen tiña as competencias para facelo

A fusión estaba condenada dende o principio pola solución escollida e, tamén, por décadas de falla de control de quen tiña as competencias para facelo: os sucesivos gobernos galegos e as súas consellerías de Facenda. Inacción que deixou a Méndez e a Gayoso comportarse como donos absolutos das caixas até converter o que eran instrumentos financeiros de apoio ao tecido produtivo e fins sociais en corporacións especulativas no mercado inmobiliario moi especialmente no Caixa Galicia.

Un fraude que tivo graves consecuencias na economía galega, sexa porque Galiza encabeza o ránking de concentración bancaria, e polo tanto de dificultades de acceso ao creto; sexa pola carencia dun instrumento coa finalidade social de fomento do tecido productivo; sexa a política de descapitalización levada a cabo por Abanca vendendo a carteira industrial e provocando casos coma R, unha empresa que medrou con grandes axudas públicas e que foi mercada por Euskaltel que liquido emprego en Galicia deslocalizando a súa actividade. 

Decisións políticas erradas que foron premiadas con meteóricas carreiras de emprendedoras como Beatriz Mato que agora cobra felizmente máis de 90.000 euros de Euskaltel. O envés dramático é, por exemplo, o dos empregados de Isowat que tiveron que ver como as esixencias de Abanca como propietario do solo da fábrica na Coruña foi un obstáculo que impediu a viabilidade da empresa e acabaron na rúa. Decisións e tráficos de influencias que favoreceron, por exemplo, a construción do imperio de DomusVi liderada por Josefina Fernández, empresaría vantaxista bendicida polo Partido Popular, que se cimentou en 2012 cando o fondo Magnum mercou Geriatros á entidade resultante da fusión.

Unha década despois o balance é desolador. Fracasou a fusión que nos prometeu como panacea Feijóo e, en resumo, inxectáronse 9.000 millóns de euros para tapar un buraco que a Xunta non quixo detectar

Certo é que a mala situación proviña da xestión de Méndez e Gayoso tamén da falla de control da Xunta de Galicia e Banco de España e que esa combinación de mala xestión e falta de control produciu dous enormes buracos financeiros nas dúas caixas, A aposta por fusionar as caixas só serviu para convertes dous buracos financeiros nun buraco maior que era sabido que só podía conducir a creba da entidade fusionada.

No campo político poucas voces se opuxeron e defenderon alternativas. É de xustiza lembrar entre esas poucas voces estaban as Xosé Manuel Beiras ou Xavier Vence que, contra o criterio parlamentario unánime daquela altura, insistiron en que a trampa da fusión argallada só garantía que os bancos privados se fixesen co gorentoso pastel das caixas de aforro.

Eles defenderon que a solución estaba nun retorno ás orixes e principios fundacionais das caixas: volver ser instrumentos de apoio á economía da xente e á economía produtiva, abandonando as operacións especulativas

Non foi así. Unha década despois o balance é desolador. Fracasou a fusión que nos prometeu como panacea Feijóo e, en resumo, inxectáronse 9.000 millóns de euros para tapar un buraco que a Xunta non quixo detectar. Para tapar as súas responsabilidades: encubrimento, bloqueo do funcionamento da Comisión de Investigación durante sete anos, escurantismo e falta de transparencia documental. Consagrouse o goberno da mentira e o réxime de impunidade cos que o Núñez Feijóo e os seus conselleiros. 

A xestión da fusión das caixas evidencia non só a liquidación dun instrumento financeiro fundamental para a dinamización da economía galega con obxectivos sociais, tamén certifica os moitos déficits democráticos que pexan ás institución do autogoberno galego

A xestión da fusión das caixas evidencia non só a liquidación dun instrumento financeiro fundamental para a dinamización da economía galega con obxectivos sociais, tamén certifica os moitos déficits democráticos que pexan ás institución do autogoberno galego. Que ninguén vexa nas decisións adoptadas por Núñez Feijóo unha cadea de erros fortuítos ou o faltal fracaso das súas boas intencións. 

O eficaz presidente ocupa a Xunta cun obxectivos inequívocos: baleirar de democracia e autogoberno Galiza, crear condicións de mercado para a depredación dos seus recursos naturais e bens comúns, deixar esmorecer a cultura e lingua galega, afianzar cun sistema de medios manso e subornados o seu control e hexemonía política, privatizar recursos que debían investirse en igualdade e no benestar das maiorías sociais e impedir que Galiza medre na súa soberanía e capacidades decisorias no Estado e en Europa. A relación de Feijóo con Galicia é a mesma que a do conto da ra e o escorpión. Imponse a natureza da súa ideoloxía e a do Partido Popular: a liquidación de calquera futuro mellor para Galiza. Hai que botalos!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.