"Si los médicos nos mandan, nosotros obedecemos"

Concentración de persoal médico de Atención Primaria en folga, na Coruña CC-BY-NC-SA BNG A Coruña

"Si los médicos nos mandan, nosotros obedecemos". Feijóo dixit o 4/12/2019.

Os/as médic@s e @s profesionais da sanidade pública en Galicia que traballamos en Atención Primaria, levamos moitos anos decíndolle ao conselleiro de Sanidade que toca e ao señor Feijóo unha serie de problemas que existen. A resposta sempre foi negativa. Mente máis que fala. Para demostralo, indico a continuación 14 puntos (que poderían ser moitos máis) que levamos reivindicando anos e seguen sen cumprirse (e Feijoo sábeo!).

1. Educación Sanitaria á poboación  para facer un bo uso (e non abuso) do Sistema Sanitario Público Galego (concrétamente da Atención Primaria).

2. Axendas de non máis de 30 pacientes diarios.

3. Dez minutos por paciente (de forma voluntaria, se así o considera cada médico).

4. Que a Adminisitración poña en marcha mecanismos para a atención aos pacientes sen cita.

5. Que a Administración sexa transparente e nos mostre o censo real de traballadores do Sistema Sanitario Público Galego (en concreto o número de vacantes actualmente e as necesidades de cubrilas coas prazas ofertadas pola Consellaría).

6. Planificación para os vindeiros anos polas xubilacións que se esperan e a posta en marcha de medidas para que non teñamos máis déficits de persoal.

7. Modificación do programa informático TAO (Anticoagulación) e facelo coherente.

8. Información actualizada dos certificados médicos que debe facer o persoal médico e cales non. Información ás diferentes consellarías para que deixen de solicitar certificados médicos que non valen para nada.

9. Creación das prazas, na OPE, que de verdade necesita o Sistema Sanitario en Atención Primaria.

10. Solicitar as probas diagnósticas en todas as xerencias por igual.

11. Que en todos os servizos de especializada teñamos a posibilidade de solicitar unha primeira consulta presencial.

12. Que as e-consultas sexan contestadas nos cinco días seguintes.

13. Evitar os cupos superiores a 1.250 TIS por médico.

14. Que non teñamos lista de espera en Atención Primaria redimensionando os cupos e sustituíndo a todos os prefesionais ausentes.

O día 11 de decembro, no Consello Técnico de Atención Primaria (AP) de Galicia, teremos as conclusións das comisións sectoriais encargadas de elaborar o Novo Modelo de AP de Galicia, e en función do que faga a administración sanitaria así actuaremos na xuntanza da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia. 

A administración sanitaria galega é a garante de que a Atención Primaria sexa de calidade. Para isto ten que ser consciente dos problemas actuais desta e poñerlle remedio. Das medidas que expoñemos, algunhas non levan custo económico e si de organización do sistema, que evidentemente está fallando! 

O señor Feijoo ten que ser consciente de que non pode seguir mentindo. E sabémolo!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.