O silencio converteuse nun ben escaso. O ruído saíu das fábricas e instalouse no peto. Pascal Quignard lembraba que as orellas non teñen pálpebras, polo que o oído non pode pecharse. O único xeito de que descanse é o silencio
No último ano do século XX o grupo alemán de rock industrial Einstürzende Neubauten editou un disco titulado Silence is Sexy. O disco e a canción homónima non deixaban de ser unha anomalía nun grupo caracterizado polo ruidismo e a densidade sonora das súas pezas. A reflexión sobre se o silencio forma parte da vida ou da morte, da erótica ou da indiferenza podería anticipar unha problemática do noso tempo.
Un grupo que construíra a súa identidade golpeando chapas, serrando metal e amplificando martelos pneumáticos decidía, vinte anos despois da súa fundación, abrir espazos baleiros entre as notas. Apenas un crepitar, o son dun vinilo máis aló do derradeiro surco. Quen viña do ruído descubría que o ruído pode clausurar o pensamento. Que a saturación remata sendo unha forma de xordeira.
Un cuarto de século máis tarde o silencio converteuse nun ben escaso. Franco ´Bifo´Berardi chamou infoesfera a este ambiente onde os estímulos que chegan a cada persoa superan a súa capacidade para elaboralos. O ruído saíu das fábricas e instalouse no peto. Pascal Quignard lembraba que as orellas non teñen pálpebras, polo que o oído non pode pecharse. O único xeito de que descanse é o silencio.
Basta saír á rúa. Xente que camiña con auriculares e cruza a cidade sen oíla. Visitantes que percorren un museo coa audioguía pegada á orella, escoitando o que deben mirar antes de miralo. Grupos que levan o seu altofalante á praia e cobren o mar coa súa lista de reprodución. Música de fondo no supermercado, na sala de espera, no ximnasio. Outros pagan por auriculares con cancelación de ruído: compran silencio e encheno de música. Cada quen fabrica a súa burbulla sonora e defende con ela unha intimidade que xa non sabe habitar en silencio.
Tamén a vida pública funciona hoxe a golpe de ruído. Declaracións que tapan declaracións, polémicas que duran unha mañá, berros que ocupan o sitio dos argumentos. Hai quen aprendeu que saturar a conversa resulta máis eficaz que convencer: se todo soa ao mesmo volume, nada se escoita. Nese estrondo, calar para pensar antes de responder parece un luxo. Entre os berros hai tamén outro silencio: o de quen deixa de escoitar porque xa non espera resposta.
Velaquí o paradoxo. Unha sociedade que non soporta o silencio produce silencios crueis. Eliminamos a pausa e fomentamos o abandono. Falamos sen parar e respondemos cada vez menos. O ruído constante funciona como anestesia fronte aos silencios que doen
Na consulta o silencio aparece cada vez máis como ameaza. Rapaces e rapazas que non toleran unha pausa na conversa, que tapan cada oco co móbil, que falan de "silencio incómodo" como se fose unha categoría natural. Cando se fai un silencio, uns miran a pantalla apagada do teléfono, outros mexen as pernas, outros preguntan canto tempo queda. O silencio vívese como un baleiro que hai que encher axiña. Hai corpos que levan o ruído dentro e non baixan a garda nin de noite.
Winnicott escribiu sobre a capacidade de estar só en presenza doutro. Consideraba esa capacidade un dos signos máis finos da madurez emocional: poder estar calado diante de alguén sen sentir que o vínculo se rompe. Apréndese na infancia, cando o bebé xoga tranquilo porque sabe que hai unha figura dispoñible que non o invade. O silencio compartido require confianza. Quen non tivo esa experiencia vive o silencio como abandono.
Hai dous silencios. Un é o da espera, o da tensión, o do que aínda non se dixo e pode dicirse. O de dúas persoas que se miran antes dun bico. O da pausa nunha conversa que importa. Ese silencio deixa sitio ao desexo, que precisa distancia e precisa unha falta para moverse cara ao outro. Jessica Benjamin falaba dun espazo entre dous que se recoñecen sen fundirse. O silencio erótico habita aí: ningún o enche, e por iso segue habendo alguén ao outro lado. O segundo é o silencio da indiferenza: o de quen non responde, o de quen desaparece. A cultura dixital creou un vocabulario propio para el, deixar en visto, facer ghosting. Un silencio que pecha. O primeiro pertence á vida. O segundo ten algo de morte.
Recuperar o silencio é unha tarefa relacional. Prohibir o móbil nas aulas resolve pouco se ninguén ensina a estar calado ao lado doutra persoa sen angustia. Cómpre un adulto que soporte a pausa sen enchela de consellos. Unha aula onde o tempo de pensar non se penalice. Unha consulta onde o silencio tamén se escoite
Velaquí o paradoxo. Unha sociedade que non soporta o silencio produce silencios crueis. Eliminamos a pausa e fomentamos o abandono. Falamos sen parar e respondemos cada vez menos. O ruído constante funciona como anestesia fronte aos silencios que doen.
Recuperar o silencio é unha tarefa relacional. Prohibir o móbil nas aulas resolve pouco se ninguén ensina a estar calado ao lado doutra persoa sen angustia. Cómpre un adulto que soporte a pausa sen enchela de consellos. Unha aula onde o tempo de pensar non se penalice. Unha consulta onde o silencio tamén se escoite.
Ao final do século pasado Einstürzende Neubauten intuíu que o silencio podía ser sexy. Hoxe preguntámonos se aínda sabemos distinguir o silencio que convida do silencio que abandona. Nesa diferenza xógase boa parte da saúde emocional das novas xeracións. Tamén da nosa.