Siria no punto de mira...

Das atrocidades cometidas, por ambos bandos, en Siria, non sabemos da misa a media. Máis de dous anos de guerra civil deixan, por agora, 100.000 mortos e aproximadamente 2 millóns de desprazados. Sen contar cos miles de feridos e os destrozos causados nas infraestruturas, nos monumentos artísticos ou no medio ambiente.

Máis de dous anos de guerra civil deixan, por agora, 100.000 mortos e aproximadamente 2 millóns de desprazados

Chega con mirar o mapa de Siria e os estados cos que mantén fronteiras para entender a súa importancia xeoestratéxica e calibrar tamén as razóns das potencias locais e internacionais para manter aberta esta sangría.

Todo parece indicar que a vitoria militar, para calquera dos bandos en combate, resulta difícil. Os apoios de cada quen parecen claros. Por parte dos rebeldes, as potencias do Golfo, con Arabia Saudita e Qatar, aliadas de occidente, á cabeza. Pola de Bachar el Asad, nomeadamente, Irán, xunto con Rusia e China.

Informes independentes diversos, desde hai anos, denuncian a utilización de armamento químico por ambos bandos. As imaxes coñecidas agora, difundidas polos opositores ó réxime de El Asad, amplificadas polos medios occidentais, amosan o horror da guerra, con independencia das armas utilizadas e as vítimas, maioritariamente nenos e nenas, mulleres e anciáns, é dicir, a poboación civil indefensa, o principal obxectivo militar nunha guerra moderna.

A comunidade internacional, pero sobre todo, os estados que copan e vetan no Consello de Seguridade da ONU, son os principais provedores de material bélico ós bandos en conflito, tamén do químico

A comunidade internacional, pero sobre todo, os estados que copan e vetan no Consello de Seguridade da ONU, son os principais provedores de material bélico ós bandos en conflito, tamén do químico. Detrás de cada bomba, de cada morteiro, de cada morto, está unha das potencias que usan e abusan das Nacións Unidas, cada día máis inútil, por obra e graza dos poucos estados que a controlan e cun Ban Ki Moon facendo un papel vergoñento.

A utilización de armamento non convencional, químico ou de calquera outro tipo, non é unha novidade. Nin sequera os países occidentais, os que din representar a democracia e os dereitos humanos, teñen escrúpulo algún en usalo. Lembremos Iraq e as consecuencias terribles que está a sufrir a poboación, aínda hoxe, polo uso de uranio enriquecido por parte da coalición internacional.

Trátase de repetir os erros cometidos anteriormente en Iraq, en Afganistán, en Libia, con respaldo da ONU ou sen el, de usar a OTAN para atacar e favorecer os rebeldes, derrocar o réxime e impoñer, unha vez máis, un goberno títere

Por iso resulta dun cinismo atronador, dunha hipocrisía suprema, usar esta escusa para intervir militarmente en Siria. Non se trata de que Nacións Unidas interpoña forzas de contención, que se decrete un alto o fogo, que se abran negociacións entre as partes. Non. Trátase de repetir os erros cometidos anteriormente en Iraq, en Afganistán, en Libia, con respaldo da ONU ou sen el, de usar a OTAN para atacar e favorecer os rebeldes, derrocar o réxime e impoñer, unha vez máis, un goberno títere. O mesmo guión, a mesma historia. A mesma política. Sen sequera saber quen está detrás das numerosas faccións militares opositoras. Sen garantía algunha. Sen prever os enormes riscos derivados de incendiar completamente a rexión. 

Os tambores de guerra son a música ambiental propia daquela xeografía, desde hai anos. E Occidente está empeñado en tocar de oído, sempre coa mesma melodía. Neocolonialismo de manual. Control e uso dos recursos naturais. Gobernos submisos. Saqueo pleno garantido. Horror. Todo vale contra do inimigo. O islamismo como escusa. Sunnismo e cheísmo como tapadeira. 

Pola contra, cómpre solidarizarse co pobo sirio, impedir que continúen as matanzas e a destrución, reclamar unha intervención efectiva das Nacións Unidas, asegurar e garantir un alto o fogo, abrir negociacións de paz, e que o conflito atope vías pacíficas de solución, por medio do diálogo. Non hai outra alternativa á guerra e á violencia. Europa tería que abandeirar esta política. E un Premio Nobel da Paz non digamos.

Cómpre solidarizarse co pobo sirio, impedir que continúen as matanzas e a destrución, reclamar unha intervención efectiva das Nacións Unidas

Os falcóns, de todas as pelaxes, aquí e alá, aborrecen destas iniciativas e as cualifican de buenistas, inxenuas ou no mellor dos casos, de utópicas. Pois ben, como sempre, a contracorrente e co ventiño de cara.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.