Sobre a cama

Unha cama CC-BY-SA Jay Mantri

A idea de cama, igual que sucede coa maioría de cousas, constrúese en base ao que ocorre nela. Non outorgándolle a importancia que merece —e, de feito, posúe, aínda que tácita— perdemos a historia horizontal da humanidade

A idea de cama, igual que sucede coa maioría de cousas, constrúese en base ao que ocorre nela; é o lugar onde se conciben o nenos (coma di Lou Reed en The Bed), onde nacemos, onde soñamos, onde se forxa o noso mundo interior, onde mantemos relacións sexuais, onde pasamos a enfermidade… Georges Perec fala dela en Especies de espazos como unha entidade multifuncional: «[...] espazo do corpo solitario ateigado dos seus serrallos efémeros, espazo prescrito do desexo, lugar improbable do arraigamento, espazo do soño e da nostalxia edípica». A cama, polo papel que cumpre na sociedade, é moito máis que un moble; guarda polo menos oito horas diarias, un terzo de vida. Non outorgándolle a importancia que merece —e, de feito, posúe, aínda que tácita— perdemos a historia horizontal da humanidade.

A horizontalidade é a posición que fai apuntar todo o corpo ao ceo —no caso que nos ocupa, o ceo está no teito— desde a mesma altura, sen privilexiar ningunha parte. Por outra banda, durmimos coa cabeza no lado pegado á parede; quizá, se fose ao revés, a mesilla de noite perdería eficacia ou estorbaría, pero seica o que non podería soportar o home nin a muller católicos —nin calquera humano— sería enfrontarse cara a cara nada máis espertar co Xesucristo crucificado que colga encima do cabeceiro. Na cama cométense pecados de luxuria, é unha palestra do desexo; a xente nela mastúrbase e mantén relacións sexuais, mellores ou peores, casuais ou periódicas, adulterio ou non.

As persoas cando se botan a chorar non quedan de pé, tíranse na cama, porque esta funciona como unha especie de confesionario e/ou de purgatorio. Na cama un le antes de deitarse e escoita música mentres estuda o teito e pregúntase: «Que me di o teito? Mírame de volta? Ameaza con caerse sobre min?». Ao ateo con sede de Deus arrepíalle o teito, porque aí atopa o seu propio crucifixo como uns ollos do doutor T. J. Eckleburg, o seu panóptico privado. Aínda que non é crente herdou dalgún xeito a culpa cristiá.

A cama atópase á altura adecuada para que un poida sentarse e acceder a ela comodamente. Ademais, debe haber un espazo prudencial para que os nenos crean que un monstro espera baixo o seu somier (do que se protexen tapándose coas sabas ata arriba). Para os nenos é un baúl de fantasía. Na perda de inocencia, a cama descóbrese como lenda, persuasión e mentira; as cousas nas que un cría non eran reais, os soños non eran reais e o home do saco e o Coco tampouco. A pesar diso, esa présa e urxencia por durmir, a angustia ante o insomnio, seguen tendo forma de monstro.

Tras caer nos brazos do sopor, un perde a consciencia durante horas ata que o ruído da alarma ou un raio de luz ou calquera outra cousa espértao, e todos os días o humano que se desvela desubicado ha de facerse o entendido e disimular que non sabe onde estivo acampando a súa mente mentres durmía. A hora de durmir anuncia que o individuo abandonará temporalmente o mundo e é unicamente a súa carne o que lle ata á terra mentres escapa do seu destino e vive vidas que neste mundo, nesta realidade compartida, non lle corresponden. 

Xa o escribiu Marcel Proust ao principio de Por o camiño de Swann: «Cando un home está a durmir ten en torno, como un aro, o fío das horas, a orde dos anos e dos mundos. Ao espertarse, consúltaos instintivamente, e, nun segundo, le o lugar da terra en que se acha, o tempo que transcorreu ata o seu espertar; pero estas ordenacións poden confundirse e crebarse. [...] Aínda que me durmise na miña cama de costume, bastábame cun soño profundo que afrouxase a tensión do meu espírito para que este deixase escaparse o plano do lugar onde eu me durmira, e ao espertarme a medianoite, como non sabía onde me atopaba, no primeiro momento tampouco sabía quen era.»

Eu hoxe tamén decidín quedar en cama. Isto que escribo desde aquí, desde a cama na que levo días atrapada pola enfermidade, ínchase como un globo e ocupa todo a área que podo ver aquí tombada, isto é, o meu cuarto. A cama expándese dalgunha forma ata que choca coas paredes

O amor está moi asociado á cama, porque é o lugar no que se desenvolven as relacións sexuais e porque se espera da parella romántica o máximo nivel de intimidade. A cama é a alegoría por antonomasia da intimidade. A cama é unha radiografía sentimental da historia dunha casa. Coidar a cama é, entón, coidar a privacidade. A cama faise máis que por costume, máis que por argumentos racionais e beneficios, máis que polo dualismo orde–seguridade: faise para tratar con mimo á nosa intimidade, para apresar as nosas vulnerabilidades co edredón. Faise e desfaise, igual que o amor.

Á parte da éxtase, está a estaticidade da enfermidade —tanto física como mental—. No estado depresivo, a cama é unha mala trampa imperialista que trata de conquistarnos ata o mesianismo e, entón, a un sucédelle o mesmo que ao protagonista d’Un home que dorme, que Perec non inventa, senón que recolle ao observarse a si mesmo e a outros: «Máis tarde, chega o día do exame e non te levantas. Non é un xesto premeditado, non é un xesto sequera, senón unha ausencia de xesto, un xesto que non realizas, xestos que evitas realizar. Deitácheste cedo, durmiches apraciblemente, puxeras o espertador, oíchelo soar, esperaches a que soase, durante varios minutos polos menos, xa esperto pola calor, ou pola luz, ou polo ruído dos leiteiros, dos vertedoiros, ou pola espera. O teu espertador soa, ti non te moves en absoluto, quedas na cama, volves pechar os ollos.»

Eu hoxe tamén decidín quedar en cama. Isto que escribo desde aquí, desde a cama na que levo días atrapada pola enfermidade, ínchase como un globo e ocupa todo a área que podo ver aquí tombada, isto é, o meu cuarto. A cama expándese dalgunha forma ata que choca coas paredes. Esta mesma cama na que practico de cando en vez a euforia, hoxe moldéase simplemente a isto: ao cansazo. Pero non é sempre así, encarnamos alter egos do estático e o extático, a cama elástica e a tea de araña, Bartleby e Madame Edwarda… aínda que, ante todo, non deixa de ser o lugar de recollemento e de despoxo por excelencia.

A cama é un refuxio do que custa saír. Facémonos os zoupeiros ao espertarnos, queremos sempre un ratiño máis e estirámonos ao máximo para alcanzar unha cousa, facendo manobras imposibles con tal de non levantarnos… É un retorno constante ao ventre da nosa nai. Sen darnos conta sequera, imitamos ao embrión que fomos ao colocarnos en posición fetal, é dicir, a carga simbólica da cama ten unha raíz xa prenatal; é un símbolo da humanidade que estaba aí antes de darnos conta. Un fragmento de Todo sobre ir á cama de Anthony Burgess retrátao moi ben: «O leito primordial é un líquido. Moisés foi lanzado ás augas para renacer, e aquelas augas simbolizaban o líquido amniótico que, pouco tempo antes, xestárao no ventre materno». Aínda que se di que Moisés foi lanzado para renacer, débese ler entre liñas que foi lanzado para morrer —pois non hai renacemento sen morte—, porque a maioría de nós morremos en camas e logo, unha vez mortos, descansamos para sempre nun ataúde, que non é máis que outra cama.

Unha cama que só cumprise co mínimo insuficiente de poder deitarse nela e durmir a duras penas entre cartóns, non sería unha cama, sería un apaño, e non sería digna, senón atroz, inhumana

Por todo isto, unha cama na que un non puidese chorar con privacidade, facer o amor, masturbarse, resgardarse do frío, descansar en condicións, etc., —en definitiva, unha cama na que un non puidese realizar accións básicas que, en xeral, todos facemos e resultan dereitos obvios—, unha cama que só cumprise co mínimo insuficiente de poder deitarse nela e durmir a duras penas entre cartóns, non sería unha cama, sería un apaño, e non sería digna, senón atroz, inhumana. Pero non necesitamos nin sequera irnos a subxuntivos, porque xa existen “camas” así, todos o sabemos, e veriámolas todos os días por todas partes en calquera momento se realmente quixésemos miralas no canto de obvialas, se quixésemos tratar dignamente ás persoas que dormen nelas e que, igual que todos, soñan e morren e aman.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.