Sobre a retranca e os retranqueiros

Se lle preguntásemos a un retranqueiro en que consiste a retranca, seguramente nos diría: “¿E que queres que che diga? Por un lado xa ti sabes, e polo outro xa ti ves”. O dicionario da Real Academia Galega defínea como a “Habilidade para falar con segundas intencións, en especial cando se procura unha gracia intencionada no que se di”.

Dito dunha maneira menos académica: consiste na facilidade, malicia, astucia, sorna, ironía e incluso arte para dicirlles ós demais o que un quere e non o que eles pretenden que lles diga. E tamén pode valer para o contrario, é dicir, para sacarlle ós demais o que un desexa saber e eles non lle queren dicir, como veremos.  

Tamén hai moitos retranqueiros nas vilas e cidades. E entre os políticos que cando teñen que dar a cara non atan nin desatan, porque teñen unha cuxa que o demo que lla muxa

Trátase, pois, dunha maneira de falar pouco clara por usar o sobreentendido e desconcertante polo uso do dobre sentido, que non responde a unha fórmula única. E que é moi usada moito en Galicia, sobre todo no mundo rural. Pero tamén hai moitos retranqueiros nas vilas e cidades. E entre os políticos que cando teñen que dar a cara non atan nin desatan, porque teñen unha cuxa que o demo que lla muxa.

No caso do campesiño retranqueiro, cando un de fóra lle pregunta, por exemplo: “¿E logo, canto lle deron polo cuxo, se se non é moito preguntar? / Menos do que pedín –contéstalle el. // ¿E canto pediu por el? / Máis do que me deron. // ¿Pero, algo daríanlle? / Algo deron”. Sen que o curioso forasteiro sexa quen de sacarlle a información. Porque o gandeiro desconfía del, por non saber para que a quere. En cambio, se llo pregunta un veciño, ó mellor dillo no acto sen rodeos, porque sabe que ten un cuxo para vender.

Os campesiños e demais galegos usan este tipo de retranca non só como autodefensa por desconfiar da persoa coa que falan senón para ocultar cousas coas que están tan identificados que forman parte do seu mundo interior, que non son quen de distinguilo do exterior

Outras veces os campesiños e demais galegos usan este tipo de retranca non só como autodefensa por desconfiar da persoa coa que falan senón para ocultar cousas coas que están tan identificados que forman parte do seu mundo interior, que non son quen de distinguilo do exterior.

Pero a retranca non é exclusiva de Galicia, senón un tema universal. Nos westerns, por exemplo, hai moitos diálogos con retranca. Na película “Morde a bala” (Bite the bullet), de Robert Brooks, na que nove xinetes compiten durante varios días entre si nunha longa carreira de cabalos polas variadas paisaxes do Oeste, cando James Coburn montado no seu cabalo se atopa perdido na metade da competición dille a un leñador que está partindo un tronco na beira do camiño: “Bos días, veciño. / ¿Vén vostede quedarse? –pregúntalle o leñador. // Non, só vou de paso. / Entón, non é meu veciño. // Hai moito que está aquí. / Desde que cheguei. // ¿Este camiño cara onde vai? / Que eu saiba, a ningunha parte; sempre estivo aí. // ¿Está lonxe o pobo? / Non o sei, non o medín –referíndose á distancia. // Segundo parece, vostede non sabe moito, ¡eh! /¿...? // Que segundo parece vostede non sabe moito. / Señor, ten vostede razón, son un ignorante; pero non son eu quen se perdeu. // Vostede o pase ben –dille James Coburn, que segue cabalgando sen obter ningunha información útil do leñador.

Pero a retranca non é exclusiva de Galicia, senón un tema universal. Nos westerns, por exemplo, hai moitos diálogos con retranca

Ó contrario deste leñador retranqueiro, que pola súa maneira natural de ser oculta a información sen recibir nada a cambio, hai quen se vale da retranca para sacar información beneficiosa dos demais. Estando eu de profesor nun instituto galego, viñan algúns pais falar comigo por nada concreto, que me mulían a cabeza con preguntas vagas a modo de sondaxe, sen eu conseguir saber a que viñan. E un día conteillo a un taberneiro do barrio, acostumado a tratar con eles, ó preguntarme que tal me ía no traballo. E díxome el: “Pois eses pais teñen razón, porque eu funme examinar do carné de conducir despois de ir ás clases dunha academia, e suspendín. En cambio, presenteime ó exame do carné da moto sen preparalo a ver que pasaba, e aprobeino”. Entón, comprendín esta filosofía retranqueira de ir coma quen non quere a cousa a un sitio a ver que pasa, para obter información útil, neste caso para aprobar un fillo. 

Tamén hai quen usa a retranca para amolar

Tamén hai quen usa a retranca para amolar. Había un destes tipos nas terras da Ulla, que era baixote e camiñaba con andares descoidados coa canga baixa e a cara torcida para un lado mirando de esguello, a quen os veciños tiñan por unha mala persoa por andar sempre aproveitándose dos demais. Falaba moi pausado, e a cada palabra que ía dicindo xiraba a cabeza para mirarlle en fite á cara ó seu interlocutor, como fai a curuxa porque non pode mover os ollos, que se sentía observado. E segundo as reccións que lle vía na cara, íalle adaptando a elas as súas parsimoniosas palabras dándolles voltas e máis voltas sen dar acabado de concretar o que quería dicir. Porque era un auténtico zorro, que mesturaba a zorrería coa prolixidade. Por riba, como era un rutineiro usaba a mesma retranca cos veciños que coa xente de fóra. E eles, que eran abertos e falangueiros, deixábano quedar plantado aburridos no medio da conversa.

Outra maneira de usar a retranca é a humorística para causar gracia ou burlarse de alguén. E que en Galicia sempre estivo ben vista por ser unha verdadeira arte da comunicación, coma a do esperpento dignificada por Valle-Inclán nas súas obras literarias. Un exemplo desta clase de retranca é a da seguinte carta dun galego que foi para Bos Aires e, ó mandarlle a dicir os veciños que o cura lle andaba coa muller, escribiulle dicindo: “Señor, cura; señor, cura...”. E o cura contestoulle: “Xa te entendo, xa te entendo...”.

Outra maneira de usar a retranca é a humorística para causar gracia ou burlarse de alguén. E que en Galicia sempre estivo ben vista por ser unha verdadeira arte da comunicación, coma a do esperpento dignificada por Valle-Inclán nas súas obras literarias

Tamén hai quen parece retranqueiro por padecer algún complexo ou timidez, que lle impide falar abertamente. Estas persoas con taras danlles voltas ó que queren dicir sen darse aclarado, coma os retranqueiros. Pero carecen da intención para ser retranqueiros de verdade.

Volvendo ó comezo, que a retranca sexa tan usada en Galicia, sobre todo no mundo rural, pode deberse á existencia de dúas sociedades seculares que conviven cada unha á súa maneira: a campesiña, propiamente galega, na que a xente usa sen complexos a lingua e os costumes propios do país; e a urbana das vilas e cidades cada vez máis alleada.

Que a retranca sexa tan usada en Galicia, sobre todo no mundo rural, pode deberse á existencia de dúas sociedades seculares que conviven cada unha á súa maneira

E se os campesiños levan a palma no uso da retranca é porque, ó falar coas persoas con outra lingua e costumes da súa contorna alleadora, utilízana como autodefensa porque non se fían dos descoñecidos por ter levado moitas fodas deles. E porque non hai nada que inspire máis temor e desconfianza no ser humano có descoñecido.

Pero, como xa levamos dito, tamén hai quen usa a retranca para sacar tallada, producir gracia, amolar a alguén, sacar rédito político ou porque forma parte da súa maneira de ser. E non só como autodefensa, ó desconfiar dos demais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.