Sobre a situación do IES Vilar Ponte en Viveiro

O dito é claro: “Non roías a man que che dá de comer”. Pero… e se non che da de comer e por enriba che da labazadas?

Farta da nefasta actuación por parte da Consellería de Educación e da Xunta de Galicia, a ANPA do IES Vilar Ponte de Viveiro decidiu saír á rúa e visualizar ante a sociedade a situación que se vive no instituto

O pasado 2 de outubro, farta da nefasta actuación por parte da Consellería de Educación e da Xunta de Galicia, a ANPA do IES Vilar Ponte de Viveiro decidiu saír á rúa e visualizar ante a sociedade a situación que se vive no instituto.

Por todas e todos é coñecida a política educativa desenvolvida polo Partido Popular: aproban un proxecto de lei defendido unicamente polo seu grupo parlamentario. Unha lei que, como moitas e moitos sabemos, incide na desvalorización do sistema educativo público que os nosos maiores loitaron por conseguir. Dotación económica para aqueles centros concertados que segregan ao alumnado por razóns de sexo, aulas cunha ratio moi elevada que dificulta a aprendizaxe do alumnado e o traballo do profesorado, discriminación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo por non dotaren de suficientes recursos os centros… son algúns dos problemas que agroman e que, por se fosen poucos, se ven agravados por seren acompañados polos recortes orzamentarios en Educación propios dunha política neoliberalista.

Reclaman que a educación que se lle proporciona á mocidade de Viveiro se realice nas mellores condicións posibles e con profesorado especialista na materia que imparte

A LOMCE, Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a MELLORA DA CALIDADE EDUCATIVA. Curioso é, cando menos, que se fale de MELLORA DA CALIDADE EDUCATIVA e que esta se trate de acadar facendo recortes orzamentarios e de profesorado, situación pola que as nais, pais, alumnado e comunidade educativa do IES Vilar Ponte se manifestou a pasada semana. Maniféstanse por defenderen principios de xustiza educativa para as súas fillas e os seus fillos. Reclaman que a educación que se lle proporciona á mocidade de Viveiro se realice nas mellores condicións posibles e con profesorado especialista na materia que imparte. Pídese, polo tanto, que se lles garanta a incorporación do profesorado necesario para dar unha resposta educativa adecuada á demanda do alumnado que ano si e ano tamén, vai incrementando a matrícula do Vilar Ponte.

Dimiten por non teren o apoio da Administración nas súas reclamacións para contar co profesorado que lles corresponde

Mais a loita non queda representada unicamente coa actuación das familias, senón que ven complementar a decisión tomada pola directiva do centro. Unha decisión digna de eloxio e respecto, xa que veñen de facer o que moitos dos “nosos” gobernantes non son quen de facer: presentar a súa dimisión. Dimiten por non teren o apoio da Administración nas súas reclamacións para contar co profesorado que lles corresponde.

Lamentablemente, este feito non é un acontecemento illado, senón que se atopan numerosos exemplos ao longo de toda Galicia. Un deles ben preto de Viveiro, como é o caso das nosas veciñas e veciños do Valadouro. Ante isto, non cabe outra opción que defender o noso dereito universal a unha educación pública, xusta, inclusiva e de calidade porque só desta maneira se reproducirán estes valores na nosa sociedade futura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.