Estimado presidente Feijoó, resultoume imposible contactar con vostede, a garda pretoriana que o rodea impediuno. Teño que dicirlle que esta falta de accesibilidade, afástao do cidadán, ao que parece que unicamente se achega durante os períodos electorais. Sorte que algúns medios de comunicación estean a permitirme falarlle a través desta carta aberta.
Antes de nada, quero precisar, que esta non é unha carta ideolóxica, nin política, nin nada que se lle pareza. Quero deixar moi claro que, nin vostede como Presidente, nin o resto dos partidos do Parlamento galego mostran unha seriedade crible no ámbito da violencia de xénero. Para todos vostedes é un tema máis, co que atacarse no vergoñento combate político ao que nos teñen afeitos.
Pídolle respecto para todas as mulleres pero sobre todo para as vítimas de violencia de xénero. Por moitas fotos que tire en clases de igualdade ou nos debates de sobre a violencia de xénero ou por moita publicidade que insira en todos os xornais galegos e noutros nacionais, os feitos son claros. Non se combate a violencia de xénero, nin o acoso, nin a falta de sensibilidade sobre este tema e, por suposto, non se adoptan medidas efectivas.
Sufrín en primeira persoa os erros do xistema nos procedementos de familia (divorcios e custodias) e en violencia de xénero. Isto levoume a dedicar os últimos anos da miña vida a investigar, detectar e a analizar os fallos, co fin de atopar solucións. Direille que, a aplicación de políticas de igualdade, conciliación e violencia de xénero en Galicia mostra grandes carencias; e o Plan de Estado contra a Violencia de Xénero inclúe erros de orixe e limitacións que, desde o meu coñecemento pero sobre todo desde a miña vivencia persoal, deben de ser emendados se se quere pór freo a esta sangraría de morte de mulleres e nenos.
O meu estudo enriqueceuse cunha profunda interacción con mulleres de toda España, que se puxeron en contacto comigo para compartir as súas experiencias. Da miña investigación publicouse en diversos medios -galegos e nacionais- un pequeno avance, un Decálogo de Medidas. Estas medidas e outras propostas de acción, así como pór no seu coñecemento que altos cargos do seu goberno non amparan nin protexen as mulleres en situación de vulnerabilidade, era parte do que lle quería comentar. Considero que é imprescindible que estea ao corrente de que funcionarios e altos cargos da Administración que preside, con absoluto nepotismo, acosan e vulneran os dereitos das vítimas, non aplican os beneficios aos que temos dereito no Estatuto dos traballadores no ámbito de violencia de xérno, nin a Lei de protección de violencia de xénero na Administración galega. Ademais, quería pedirlle que impida que se utilice diñeiro público contra as vítimas para a defensa legal dos funcionarios e altos cargos responsables das accións relatadas. Porque, destes feitos, hai denuncias nos xulgados.
Quero pensar Presidente que estes comportamentos non lle parecen a mellor política para combater a violencia de xénero. Bastante duro é o inferno no que vivimos, loitando por recuperar os nosos fillos e sobrevivir ao día a día do proceso, como para engadirlle que nos martiricen os seus funcionarios e que os seus cargos políticos, como pouco, o permitan.
Estimado Presidente, se pode atopar un oco na súa ocupada axenda, estarei encantada de explicarlle con detalle todo o exposto nesta carta e así, talvez, poderá entender porque máis do 70% das mulleres non confían na xustiza, co cal, non presentan denuncias de violencia de xénero e preto do 85% consideramos que as administracións públicas non nos axudan.
Quedo á súa disposición por se nalgún momento ten tempo para escoitar a unha simple cidadá galega e vítima de malos tratos institucionais.