O movemento pacifista internacional, en especial na Educación e a Investigación para a Paz, nos últimos trinta anos, Johan Galtung moito antes, desde mediados dos anos ’60, ven reflexionando sobre as violencias, así, en plural, para levalas ó mundo do concreto e baixalas da lonxana abstracción. Pasa o mesmo co concepto de Paz, ese gran obxectivo co que, en xeral, todo o mundo está de acordo aínda que logo, no particular, teñamos os nosos máis e os nosos menos. Por iso, recentemente, diversos autores, por exemplo, Vicent Martínez Guzmán, veñen (vimos) utilizando tamén a palabra paz en plural, e falamos de paces, unha forma de recuperar tamén aquela vella expresión infantil, tan certeira: “fagamos as paces”.
Sabemos ben que existen moitos tipos de violencias distintas, con características propias que as singularizan e gradúan
Efectivamente, o pacifismo, quen traballamos na promoción e difusión da Cultura da Paz, fronte da cultura da violencia, da imposición, do sometemento, do músculo, da man alzada e airada, como diría Federico Mayor Zaragoza, tanto na escola como na sociedade, sabemos ben que existen moitos tipos de violencias distintas, con características propias que as singularizan e gradúan.
Existen outras formas de violencia moito máis opacas, máis sutís, máis difíciles de percibir e de identificar polas persoas. Un tipo de violencia que definimos como “estrutural”, unha forma de agresión, moitas veces cruel, e que está directamente relacionada coa inxustiza manifesta
Sen dúbida que calquera pode identificar o que coñecemos como “violencia directa”, é dicir, aquela que se produce no marco dunha agresión, un asasinato, unha violación, un avión que peta deliberadamente contra das torres xemelgas de Nova Iorque...,por exemplo, estas accións resultan evidentes, estamos diante de actos inequivocamente violentos. Sen embargo, existen outras formas de violencia moito máis opacas, máis sutís, máis difíciles de percibir e de identificar polas persoas. Trátase dun tipo de violencia que definimos como “estrutural”, unha forma de agresión, moitas veces cruel, e que está directamente relacionada coa inxustiza manifesta. Por exemplo, condenar a dous terzos da poboación mundial a vivir con menos dun dólar diario, iso é violencia estrutural.
Cando reflexiono sobre isto sempre lembro aquela magnífica frase cando afirma que “as inxustizas de hoxe son as guerras de mañá”. Someter á poboación, ou a sectores da nosa cidadanía, a unha inxustiza evidente, de maneira reiterada, crea o mellor caldo de cultivo para que estalen as violencias reactivas.
Tamén poderiamos deternos nas características propias doutras violencias, a de xénero, a escolar, a laboral, ou poderiamos falar da violencia cultural, da que xa escribía Galtung hai máis de 40 anos, ou da violencia psicolóxica. Pero non temos espazo para facelo neste artigo.
Os “escraches”, esa forma de presión social, nada novidosa por outra parte, pois está presente, con denominacións diferentes, na historia da desobediencia civil e dos movementos nonviolentos
Quixera centrarme no debate social e mediático arredor dos denominados “escraches”, esa forma de presión social, nada novidosa por outra parte, pois está presente, con denominacións diferentes, na historia da desobediencia civil e dos movementos nonviolentos, tamén nas orixes do movemento obreiro organizado, ou nas mobilizacións, por exemplo, en Galicia, das nais contra da droga en Arousa, alá polos anos ‘80 e ’90, por máis que o noso Presidente diga, cunha alta dose de cinismo político, que non o sabía...!.
A dereita, cando lle convén, fai escraches. Aquí os tivemos en diversas ocasións. A empresa privada, por exemplo, fai escraches co cobrador do frac, na persecución dos impagados. E a esquerda, sen dúbida algunha. Como os fixeron o Mahatma Gandhi ou Martin Luther King por citar a dous apóstolos do pacifismo moderno, da nonviolencia e da desobediencia civil.
Criminalizar só estas formas de protesta e presión, ignorando deliberadamente a altísima violencia estrutural que significa aplicar unha lei cualificada de inxusta por un alto tribunal europeo, como é a lei hipotecaria española, que beneficia exclusivamente a unha das partes en conflito
En calquera acto de presión, de denuncia, de isolamento social, existe sempre algunha dose de violencia: verbal, xestual, gráfica, intimidatoria. Sen embargo, criminalizar só estas formas de protesta e presión, ignorando deliberadamente a altísima violencia estrutural que significa aplicar unha lei cualificada de inxusta por un alto tribunal europeo, como é a lei hipotecaria española, que beneficia exclusivamente a unha das partes en conflito, os bancos, expulsando das súas vivendas a persoas, en ocasións anciáns, sen medios de vida, sen alternativas sociais, condenadas á máis completa desesperación, á indixencia ou mesmo ó suicidio, parece o colmo da hipocrisía.
Claro que existen límites, claro que hai liñas roxas, nos escraches, na imposición dunha lei inxusta ou nos desaloxos e desafiuzamentos violentos. En tódolos casos. Ver e denunciar, con todo alarde mediático, a violencia só na parte máis feble da sociedade, na resistencia pacífica, na desobediencia civil para cunha lei manifestamente inxusta, resulta dun cinismo atronador.
Ver e denunciar, con todo alarde mediático, a violencia só na parte máis feble da sociedade, na resistencia pacífica, na desobediencia civil para cunha lei manifestamente inxusta, resulta dun cinismo atronador
Claro que non está xustificada a presión e a intimidación sobre as familias, os fillos e as fillas, os domicilios privados dos deputados ou de calquera outra persoa, sexa ou non representante público. Nin por esta nin por ningunha outra causa. Como tampouco resulta admisible a negativa a recibilos, facer oídos xordos ás súas demandas, blindarse contra da cidadanía, non responder a preguntas, esconderse nun plasma, ou non poñer a lei ó servizo das persoas do común, das maiorías sociais, para beneficio exclusivo dunha minoría de banqueiros cobizosos e voraces que intimidan, calada ou abertamente, a persoas hipotecadas de por vida, por un sistema inxusto, admitido e tolerado, cando non favorecido, con diñeiro público, polos gobernos de quenda.
A xente está farta, moi farta. A Plataforma de Afectados pola Hipoteca, Stop Desafiuzamentos, e as distintas organizacións da sociedade civil contra das preferentes e subordinadas, as que veñen promovendo os chamados escraches, por certo, cada vez con máis apoio da cidadanía, naceron pola absoluta incompetencia, cando non complicidade, dos partidos políticos tradicionais que durante anos aceptaron silenciosamente e ocultaron como miles de persoas eran expulsadas, moitas veces con violencia, dos seus fogares ou que calaron diante da estafa monumental ós pequenos aforradores, na súa gran maioría anciáns, vergoñentamente enganados por persoas sen escrúpulos que buscaron recapitalizar as súas entidades e logo marcharon co diñeiro dos demais impunemente.
Como negar que todas estas actuacións son violentas? Como ignorar que arrebatarlle a súa vivenda ou os seus aforros, pola cara, a persoas indefensas son formas de violencia estrutural intolerables nunha sociedade democrática, nun estado social e democrático de dereito, como di a Constitución, garante dos dereitos básicos: de cidadanía, educación, sanidade, vivenda, protección, igualdade diante da lei...?
Os escraches, por moito que doan persoalmente, son pouco ou nada violentos en comparación co que significa o roubo sistemático e planificado de aforros ou de vivendas a unha cidadanía abandonada pola vella política
Os escraches, por moito que doan persoalmente, son pouco ou nada violentos en comparación co que significa o roubo sistemático e planificado de aforros ou de vivendas a unha cidadanía abandonada pola vella política, aquela que consagrou un réxime saído dunha Transición, mellor sería dicir, transacción, esgotado e que agora fai auga por todas partes.