Sobre mitos e vida real

Teño un amigo que é un heroi, e creo que moitos á súa volta non o saben. Porque os herois existen, aínda que habitualmente pensemos que son sempre personaxes de ficción. Ten este amigo meu un traballo común, unha familia correcta, unha filla riquiña. É, en aparencia, un veciño calquera, mais ten un pasado que moi pouca xente podería asinar.

Naceu nunha das grandes cidades galegas e, como tantos nos bairros marxinais, acabou por caer na silveira da droga

Naceu nunha das grandes cidades galegas e, como tantos nos bairros marxinais, acabou por caer na silveira da droga. Como o espírito do rapaz era forte e a súa enerxía abundante, acelerou sen mirar atrás pola costa abaixo da delincuencia. Precisaba moita velocidade para non ter necesidade de fixarse na vida que abandonaba a cada lado, dos tesouros que o ceo lle outorgaba sen que puidese deterse para apañalos. Así o camiño difícil da marxinación se anda, e con estraña facilidade renunciamos a custodiar a verdadeira semente do noso destino.

Sen decatarse adormeceu no colo da heroína, e pouco máis tarde a súa man sostiña unha pistola nas noites do lumpen portuario. “Atracar un camello pode dar 500.000 pesetas, mais hai que ter coidado cun botín como ese, as consecuencias son terríbeis”. Con dezaoito anos ingresaba na cadea xunto co seu compañeiro de malfeitorías. Despois de ter acabado varias veces inconsciente na rúa, mesmo de ter entrado “en coma” no hospital, seus pais despedíanse del co corazón esmagado.

 

Despois de seis anos de terapia escravizante precisaba tomar as rédeas dunha nova vida, e decidiu abandonar o consumo totalmente

No entanto, o tempo pasou e outras batallas chegaron, porque o seu espírito era forte, como xa vos dixen. Primeiro, debía deixar o cabalo, e a terapia consistía no consumo “terapéutico” de metadona. Despois de seis anos de terapia escravizante precisaba tomar as rédeas dunha nova vida, e decidiu abandonar o consumo totalmente. Desaconsellado polos médicos e polos seus preocupados pais, marcha para a aldea e padece a abstinencia en solitario.

Ten peor cara que nunca, e por iso aínda pensa o persoal que voltou aos malos pasos, en lugar de comprender o peso dun calvario real. Paixón, calvario, expiación do pecado, palabras que os cristiáns temos ouvido sen pensar que toda a literatura ten o seu fundamento na crua realidade.

Así o meu amigo resolveu enfrontarse ao máis grande dragón que podo imaxinar, e así, mercé a un espírito heroico, foi capaz de vencelo. Lembro agora proezas míticas como a dun Ulises loitando durante dez anos por voltar a Ítaca e soportando as trapazas permanentes de Poseidón, ou as de Hércules vencendo a hidra de Lerna e disque outras once fazañas máis, ou as de Aquiles... Aquiles? Non, Aquiles non está á altura desta historia, porque se o grego posuía un corpo inmortal salvo polo talón, o heroi galego era vulnerábel por todas partes salvo por un espírito digno de fama e loureiro. É o que ten ser fillo da clase obreira, en lugar de pertencer á aristocracia grega.

Hoxe o meu amigo ten que mudar de morada e marchar a millares de quilómetros da terra, debido ao efecto da crise sobre a cadea comercial en que traballa

Hoxe o meu amigo ten que mudar de morada e marchar a millares de quilómetros da terra, debido ao efecto da crise sobre a cadea comercial en que traballa. Ten vontade de deixar de fumar, a pesar de que o médico non llo recomenda neste momento. Debe pensar o facultativo que o tabaco é un inimigo demasiado grande para el.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.