O medio ambiente é un dos grandes prexudicados da crise. Tanto nas políticas dos gobernos, apremiadas por necesidades máis inmediatas, como na vida cotiá tamén apremiada por restricións económicas sen fin, o conservacionismo queda relegado e tende incluso a ser visto como un luxo superfluo ou unha ocupación de xente acomodada. Diante das urxencias do presente, deixámonos vivir no esquecemento da Terra e non a queremos oír.
O medio ambiente é un dos grandes prexudicados da crise
Pero hai datos que son abraiantes, cifras que a ciencia vai convertendo en inapelables. Por exemplo 10.000 millóns, a cifra crítica da poboación mundial da que fala Stephen Emmott, director dun equipo multidisciplinar de Cambridge no que traballan biólogos, climatólogos, inmunólogos, ecólogos e informáticos (Diez Mil Millones, Anagrama, 2013). Dos 3.000 millóns de habitantes en 1960 pasamos aos 6.000 millóns en 2000, e agora somos máis de 7.000 millóns; a demografía global avanza a un ritmo ao que é previsible chegar a tal funesta cifra dentro deste medio século.
O ecólogo vasco Ramón Fernández Durán adiantou a cifra do colapso do capitalismo global a 2030
O ecólogo vasco Ramón Fernández Durán adiantou a cifra do colapso do capitalismo global a 2030, que marcaría o límite de esgotamento dos combustibles fósiles (sen entrar nos aprazamentos que se poidan obter pola técnica do fracking, que está a trastocar o comercio mundial do petróleo).
Outra cifra clave son os 2ºC de quecemento global
Outra cifra clave son os 2ºC de quecemento global, marxe para conter os efectos das emisións globais de dióxido de carbono sobre o cambio climático, e que será alcanzado en 30 anos sen crecemento dos niveis de emisión (que non é o caso: desde os compromisos de redución en Kyoto en 1997 o incremento foi do 30%, e as previsións para este 2014 son de outro 2,5%). Para manter o cambio climático por baixo desde nivel crítico habería que reducir cada ano as emisións mundiais durante varias décadas, pero eso non é en absoluto previsible; ao contrario, a cada novo informe se constata un incremento dos efectos do cambio climático na agricultura, na saúde humana, nos ecosistemas terrestres e marítimos e no abastecemento humano de auga e medios de vida. O último informe IPCC (Panel Internacional sobre o Cambio Climático) de setembro de 2014 detalla impactos nos ecosistemas nos próximos 20-30 anos. As cifras repítense e conflúen formando una figura sinistra do futuro.
O mesmo informe IPCC documenta o impacto humano en seguridade alimentar (previsións de perdas do 25% en colleitas de millo, arroz e trigo, e do 50% da pesca nos trópicos e na Antártida, de aquí a 2050), o impacto en secas e inundacións, en taxas de mortalidade, en incremento de migracións, en conflitos e ameazas á seguridade. “Non é casualidade –afirma Emmott- que en case todas as conferencias científicas sobre o cambio climático haxa unha nova categoría de asistentes: os militares”.
“Non é casualidade –afirma Emmott- que en case todas as conferencias científicas sobre o cambio climático haxa unha nova categoría de asistentes: os militares”
Polo tanto o cambio climático é xa un problema político de primeiro orde, como recoñecen organismos de todo tipo, desde institucións e gobernos a empresas (incluíndo as que fan negocio coa avaliación dos efectos do cambio climático). Pero a relevancia política da perspectiva ecolóxica non é algo novo, a ecoloxía sempre tivo aspiración de novo paradigma epistémico e marco inescusable da acción política. Xunto ao feminismo, o ecoloxismo é a achega teórica máis incuestionable e transversal dos tempos recentes, e a de maior relevancia práctica. O concepto da finitude da Terra, que constrinxe os desenvolvementos demográfico e económico, a interdependencia dos seres vivos na ecosfera e a inserción na mesma dos seres humanos, dos seus recursos vitais e produtivos e dos desperdicios resultantes, todo eso son evidencias que ningún pensamento global nin planeamento económico ou político de alcance poden ignorar.
Xunto ao feminismo, o ecoloxismo é a achega teórica máis incuestionable e transversal dos tempos recentes, e a de maior relevancia práctica
Entre os seus efectos teóricos, o ecoloxismo é o único fundamento posible dunha ética non antropocéntrica, por fin desligada da concepción metafísica tradicional do humano como excepcional e sobrenatural, acredor de dereitos de explotación e dominio. Explotación do home polo home e espolio da Terra son parámetros dun mesmo marco epistémico periclitado, como tamén a consideración puramente utilitaria das demais especies animais. Como dicía o filósofo Hans Jonas no célebre O principio de responsabilidade (1979), a ética debe vincularse ao fenómeno xeral da vida, considerar tamén o non humano e ter en conta os dereitos das xeracións futuras.
Explotación do home polo home e espolio da Terra son parámetros dun mesmo marco epistémico periclitado
Agora ben: que un marco teórico estea conceptualmente superado non quere dicir que non siga sendo operativo na práctica (de feito é habitual que teña lugar ese desfase, ata que as novas ideas sexan efectivas ou atopen acomodo na realidade); sobre todo cando os dirixentes son “negacionistas” (Rajoy) e como moito promoven unha práctica económica que se limita a “decorar de verde” o discurso dominante.
Esta contradición entre práctica e discurso afecta ao fondo do movemento ecoloxista e ten que ver co seu alcance anti-capitalista. Os problemas ambientais resultan da mesma lóxica que universaliza os procesos de acumulación e reprodución do capital e a busca maximizadora de beneficios.
Pero é posible ese punto arquimédico, en último termo a compatibilidade entre ecoloxía e capitalismo?
Como poñer límites a iso? O concepto de sustentabilidade –que forma parte do discurso oficial desde o informe Brundtland de 1987 e a Conferencia de Río de 1992– xoga ese papel que trata de conciliar crecemento económico e respecto ao medio ambiente, progreso material e equilibrio natural. Pero é posible ese punto arquimédico, en último termo a compatibilidade entre ecoloxía e capitalismo? Polo de pronto, ese punto medio –o desenvolvemento sustentable- tense integrado plenamente no discurso da corrección política, pero non pasa de ser un convidado incómodo no momento de decidir, por exemplo, como se asignan os recursos ou onde van os beneficios do consumo enerxético.
Sen embargo, a sustentabilidade como idea –polo tanto a posibilidade mesma de compatibilizar ecoloxía e capitalismo- vese moi comprometida cando a sustentabilidade xa forma parte do discurso dominante, pero sobre todo cando se utiliza ademais como pretexto para, en tempos de crise, postergar a xustiza no presente en aras da sustentabilidade no futuro. Ese é un perigo que afronta o movemento ecoloxista, e o ecoloxismo corre o risco de ser unha escusa acaída para a desprotección aquí e agora da existencia, e darlle un verniz ético ao espolio organizado.
Cabalgamos no esquecemento da Terra, cara o abismo. Iso si, convidados a un uso ornamental da ecoloxía
Cabalgamos no esquecemento da Terra –cara o abismo. Iso si, convidados a un uso ornamental da ecoloxía, e a practicar unha reciclaxe sen fin que ignora adrede o destino final dos nosos lixos, sen preocuparnos moito por eles.
A crise ecolóxica manifesta os límites da civilización do crecemento. Precisamos do que Félix Guattari chamaba “ecosofía”, unha articulación ético-política de tres rexistros ecolóxicos diferentes: ambiental, social e subxectivo. Xunto á protección do entorno e a conservación da diversidade biolóxica precisamos dunha ecoloxía social que pasa por frear o deterioro progresivo dos modos de vida e das relacións sociais, e por redistribuír a riqueza; e precisamos tamén dunha ecoloxía individual, subxectiva e mental que incida nos nosos hábitos cotiáns, na redución do consumo e na recuperación existencial de prácticas non lucrativas. Unha reconquista do humano que antes ou despois haberá de ter un alcance político.