Sobre Zapatero, os compromisos e a amizade (e 3)

Escribir unha reflexión en marcha nunha web onde se incorporan 'posts' obriga a modular o texto que se vai tecendo. Apréndese de quen non ten como oficio o redactar opinión e con todo ofrece interpretacións moi ben fundadas pero tamén se aprende das expresións de rabia, pois son parte da conciencia social nese momento.

A mala hostia e os super machos
Pouco hai que engadir ao que xa expuxen sobre o guerracivilismo español, a 'mala hostia' é un elemento fundamental da vida pública que, cando non pode expresarse coa violencia directamente, exprésase coa descualificación e o insulto. A 'mala hostia' é aceptada como normal, un trazo identitario do que se senten orgullosas persoas tanto de dereitas como de esquerdas. De pouco vale que se diga que é reaccionario e antidemocrático, pode máis o 'ser macho', alardear de instinto asasino. Iso da educación, dialogar e respectar os demais son 'mariconadas', xa se sabe. Aos súper machos non se lles pode argüír nada salvo pór os ovos sobre a mesa, cousa que non fai ao caso.

Os melindrosos, os frívolos, os sectarios e os mozos
O curioso é que aos súper machos se lles suman as persoas exquisitas, melindrosas que atopan sempre o modo de situarse á marxe cun “non era iso, non era iso” ou o frívolo “puagh, eu son moito máis puro”. Tampouco atenderá a razóns quen está encerrado na psicoloxía do sectario que non lle permite aceptar que probablemente hai aspectos da verdade nas posicións de quen pensa diferente. Pero, en cambio, si é necesario contestar as críticas radicais dos mozos. Igual que existen os países e as clases sociais tamén existen as xeracións. As xeracións novas teñen dereito a vivir nun mundo onde tamén haxa adultos, teñen dereito a que, ademais da súa enerxía, contar coa experiencia de quen foron mozos antes. Renunciemos os maiores a ser 'guais' e tentemos ser adultos.

Non, non todo son iguais
Creo que boa parte das críticas á figura e á política de Zapatero que proveñen de mozos airados son equivocadas. As críticas e a maior parte das reivindicacións das plataformas que se moven contra a política económica e social vixente, tanto co anterior goberno como con este, son xustísimas pero a descualificación global de todo e de todos é inxusta e equivocada. Os mozos que acamparon na Porta do Sol madrileña e que foron imitados por outros noutras prazas tiñan razón na súa reclamación fundamental: en contra do que se lle prometeu, as súas expectativas vitais foron contrariadas e víronse abocados a un certo limbo laboral e vital. Pero iso non quere dicir que todos os partidos sexan iguais, un cínico aserto que repiten interesadamente os voceiros da dereita pois saben que non afecta as súas bases.

Precisamente naqueles días a dereita celebraba aquela estampa, pois supuña unha constatación do fracaso económico e unha tremenda desautorización do goberno socialista, pero ao mesmo tempo esixía que as prazas fosen desaloxadas pola policía, chegou o PP ao Goberno e faltoulles tempo. Non, non todos os partidos son iguais e por iso este Goberno realiza unha política de orde pública represiva e antidemocrática. Non é igual o PP que o PSOE ou o BNG, ou EU, ou ERC, por exemplo, e non era igual Rajoy que Zapatero. Precisamente o fracaso deste evidénciase en que sexa deostado e posto ao mesmo nivel que o seu sucesor tanto por xente da dereita como por xente de esquerdas e coas mesmas palabras e con igual violencia.

Unha sociedade de centro esquerda?
Dixen que o fracaso de Zapatero se resumía en tres derrotas. Unha foi debida á hexemonía da dereita sobre a sociedade. A dereita contou e conta con todos os medios de comunicación, faltoulles tempo para secuestrar TVE, pero a estas alturas a miña opinión é que iso non se podería conseguir se non fose porque a propia sociedade española é fundamentalmente de dereitas. O de que España é de centro esquerda e moi democrática é ou ben unha crenza inxenua ou ben un 'conto chinés',

España tras o triunfo dos militares nacionalistas no 39 e o sádico traballo de cirurxía e disciplina durante varias décadas é de dereitas, esa ideoloxía reaccionaria está no profundo das familias e dos individuos. Xa non falo da cultura política dos seus herdeiros. Visto o que vivimos e vivimos a diario non podo compartir o optimismo que manifestaba Zapatero respecto diso. Ou esa explicación racional ou estamos todos tolos.

O dominio da ideoloxía da dereita.
É ese dominio da ideoloxía da dereita sobre a sociedade o que permite que o evidente non sexa visto. Que nin sequera se lle recoñeza a Zapatero o éxito final na loita contra ETA, por exemplo. Foi un esforzo de anteriores gobernos, tamén do de Aznar, non esquecemos que sufriu un atentado contra a súa vida, e que finalmente foi un éxito do goberno de Zapatero. Non pretendo facer aquí o recordatorio das medidas que impulsaron os seus gobernos, só desde unha posición ideolóxica contraria ou desde a mala fe pódese obviar un gran esforzo por transformar a sociedade no sentido máis xusto e democrático. E non é necesario lembralo porque xa nolo lembra este goberno día a día: destruíndo mediante decretos, grazas á súa maioría absoluta, o que construíron os gobernos de Zapatero mediante leis negociadas coa oposición. O que fai este goberno é o contrario do que fixeron os anteriores, quen non quixo ver no seu momento, en relevo, o que lexislaba Zapatero está obrigado agora a ver, en oco, o que decreta Rajoy.

Non querían unha cunca
Seguramente Zapatero creu que permanecería algo do lexislado, algo do avanzado, pero non: todo foi ou está a ser varrido. Fracasou, si. Efectivamente, fracasou e Rajoy, por agora, triunfa. Pero con esa derrota, con todas esas perdas, é derrotada toda persoa que crea na democracia e nun estado que reparta oportunidades e imparta xustiza. Quen lamentan a anulación do dereito á xustiza que amparaba a Constitución poden agora lembrar a un ministro que dimitiu unicamente por asistir a unha cazaría, e que el mesmo padeceu unha cazaría. Ou poden lembrar a aquela ministra obxecto de tantas ironías e burlas, 'a Aído', que lexislou o dereito ao aborto e viu como lle facían 'escraches' aos seus pais os mesmos que agora lexislan contra as protestas na rúa. Quen se burlaban da Educación para a Cidadanía, parecíalles tan ñoña, poden agora pasmarse ante a reforma educativa españolizadora, clasista e nacional católica.

Quen se sumaron irresponsable ou inxenuamente á cruzada nacionalista contra Cataluña e contra o 'Estatut' poden agora asombrarse de que millóns de cataláns, non unha panda de políticos aloucados, estean até do gorro de España. Quen non comprenderon que a Lei de Memoria Histórica era unha lei valente que xeraba unhas críticas terribles poden agora contemplar ao franquismo relucente. E así ministerio por ministerio, pantalla de plasma por pantalla de plasma.

De perfil contraditorio

Dixen antes que Zapatero era un solitario e como tal moveuse dentro do partido e en relación co. A súa personalidade ten trazos aparentemente contraditorios que o fixeron desconcertante: un defensor radical da vida civil pero formado en valores case militares; un demócrata radical pero sen a mordacidade populista de 'come curas' senón militante da cortesía e as boas maneiras; un defensor do dereito das mulleres ao aborto e dos homosexuais ao matrimonio pero home de familia de perfil tradicional.

Tamén foi derrotado, aparentemente, polo aparello do seu partido
Sendo un gobernante que tomou boa parte da súa forza de conectar con novas xeracións, que son distantes e mesmo refractarias aos partidos, especialmente aos partidos tradicionais e históricos, toda a súa vida política pasada, a presente e a futura está unida a unhas siglas que mitifica: PSOE. O solitario é un home de partido, dese partido en concreto, até a devoción. É consciente dos defectos e limitacións do PSOE pero ten unha fe case de sancristía en que saberá superalas. Esa devoción fixo que se relacionase co aparello do partido cunhas doses de prudencia que non satisfixeron os militantes e cadros máis críticos que necesitaban unha ruptura co pasado. En cambio Zapatero confiou esa mudanza a introducir unhas eleccións internas, as 'primarias'. Parecía un cálculo razoable ata que estalou a crise e só se puido concentrar nunha acción de goberno para achicar auga do barco e tapar novos buracos cada día, cedeu ás presións para anular as primarias.

O 38 congreso dese partido en Sevilla, onde Chacón se enfrontou a Rubalcaba, quen finalmente gañou grazas á implicación activa de González e Guerra, non conseguiu achegar unha nova política e en cambio ofreceu a imaxe de que 'a vella garda' retomaba o control do partido. Todas as enquisas din o que todos sabemos, que a situación dese partido hoxe é incomprensible. Con todo, non é imposible que ao final o tempo lle dea a razón a Zapatero e, xa que as primarias non teñen volta atrás, e no futuro ese partido teña a posibilidade dunha renovación política e de ser útil.

E, naturalmente, a gran derrota.
Non hai dúbida, nin el mesmo o dubida: no parlamento fixo unha consideración de que probablemente se equivocou ao non picar a burbulla inmobiliaria española. Non cabe moita dúbida de, tras desencadearse a crise financeira exportada desde Wall Street, o estalido da tal burbulla produciu este colapso económico e financeiro da economía. Do que cabe dúbida é de que, unha vez que Aznar transformou todo o territorio en solar e desencadeou aquel proceso, algún goberno se atrevería a deter aquela bóla de neve na que participabamos todos. Todos queriamos respirar algo do aire viciado daquela burbulla. Os mozos que atopaban un traballo ben remunerado sen necesidade de acabar os seus estudos, quen abandonaban outras actividades para dedicarse arreo a algún sector daquel corno da abundancia que era o negocio inmobiliario, os dirixentes dos bancos e das caixas que almorzaban, xantaban, merendaban e ceaban cava e caviar, os políticos que orzaban e inauguraban e, de paso, moitos deles collían os seus 'sobres.

Que goberno modificaría a política hipotecaria para picar o noso soño de ser propietarios dun inmoble antes do trinta anos e ademais mandar ao paro a millóns de obreiros da construción? O de Zapatero tampouco o fixo, confiou en que o modelo económico existente evolucionaría e maduraría, que o goberno, ademais de incrementar o financiamento en I+D só tiña que apoiar a banca e ás grandes empresas españolas, que eran un motor potente que seguiría creando emprego. Non só se reducía o paro como nunca senón que chegaban millóns de traballadores estranxeiros, o certo é que para quen non cuestionase as bases dese modelo isto parecía unha Jauja insólita. Zapatero manifestou a súa confianza no modelo, unha crenza que estaba asentada en todos os despachos dos poderes e gabinetes de estudos, fíxoo co optimismo e a confianza en España que lle era característica, posteriormente foi pasto das burlas.

A política económica da socialdemocracia.
O seu erro foi ter o seu pensamento político inscrito dentro a corrente dominante desde hai décadas na socialdemocracia. Quen quixo saber a que aterse co fondo da política económica do PSOE puido tomar nota cando, na década do oitenta, González se acolleuse á máxima chinesa de 'gato branco ou gato negro, o importante é que cace ratos' e que o seu ministro Solchaga aclarou dicindo que 'España é o país europeo onde é máis fácil facerse rico'. Case vinte anos máis tarde Bodo Hombach, o guía ideolóxico de Schöder e Tony Blair, o da 'Terceira Vía' (cara a onde?), afirmou algo parecido: 'estamos absolutamente tranquilos acerca de que algunha xente se estea forrando'. A política da socialdemocracia, desde Schröder en Alemaña, é parte pasiva ou activa nos cambios económicos e sociais que fan de Europa un territorio onde aumenta a desigualdade. Pero, se somos algo serios, temos que vela no contexto mundial, dentro da globalización dos mercados e dos mercados de capitais.

As explicacións de Zapatero
Precisamente O dilema é un relato documentado dos límites da política, da impotencia do seu goberno e doutros ante o poder despótico dos mercados de capitais e dos intereses de estados máis fortes, como o alemán. O que mostra o libro é un desafío á democracia e a súa impotencia ante o reordenamento do mundo, onde emerxen novas potencias e o capital acumúlase en cada vez menos mans. Onde hai poboacións que melloran as súas condicións de vida pero onde a poboación traballadora europea ve como desaparecen os seus dereitos e crece a miseria. Paréceme que o libro contesta a unha afirmación que lin repetidas veces e oin a moitos amigos: “debeu dimitir entón e convocar eleccións”. Zapatero detalla os perigos día tras día nun tempo agónico e conclúe que fixo ben en non dimitir entón, pois engadiría zozobra no medio dun temporal e tería consecuencias na economía inmediatamente. Deixaría en mellor situación ao seu partido pero en peor situación ao país. É un razoamento a considerar seriamente.

Os estados, indefensos
A democracia afronta o ataque de forzas enormes, Zapatero creu neste modelo e equivocouse pero non ten sentido algún cargar nel todas as críticas. Primeiro, porque ninguén o votou para facer outra política económica. É evidente que os millóns de cidadáns que o votaron non querían que fixese unha revolución socialista e nin sequera que picase a burbulla. E, segundo, porque ningún goberno dun Estado pode afrontar este desafío. Gobernou nun tempo en que desapareceron Estados europeos como Grecia, en que Italia deixou de ser un Estado soberano e pasou a ser unha provincia cun gobernador designado pola banca alemá, en que Irlanda ou unha dignísima Portugal foi humillada e sometida a tutela. Igual que o Reino de España, si. Todo ocorreu neste tempo.

Trátase de algo moi duro, tan duro como o que estamos a vivir e como as penalidades de tantas persoas, e para enfrontar iso non van bastar as soflamas ideolóxicas. Os mercados de capitais non deixan lugar á socialdemocracia, estórballes, e creo que esta queda sen sentido histórico. Pero debo recoñecer que tampouco eu sei dunha solución para afrontar os problemas que padecen as nosas poboacións e que, mire cara a onde mire, tampouco a vexo. Un pouco de humildade é o primeiro paso para atopar un camiño.

Os desexos contra a realidade.
Visto xa coa distancia destes dous anos esa época pode ser vista como un ensaio de someter a política á ética e tamén de pór a proba os límites da realidade. Bastantes veces, especialmente na primeira lexislatura, pregunteime “pero é posible o que pretende?”, porque se atreveu a facer cousas que entón parecían inconcibibles, aínda que agora a moita xente lles parece doado. Nos mellores momentos os soños fecundan a vixilia, houbo algo de soño naquela política. Finalmente a realidade puido co soño en moitas frontes, aquel Presidente que se atreveu a sacar as tropas da guerra de Iraq acabou reforzando as tropas en Afganistán e asinando a instalación de mísiles norteamericanos. 'Realpolitik'.

“É demasiado pronto aínda para falar de Zapatero”
Quen me quere ben advertiume, pero eu non o creo. Creo que había que dicir que foi un valente, que pretendeu o mellor para o seu país e que conseguiu moitas cousas e que España dá de si o que dá. Fixo o que debía, aínda que resultase derrotado. E iso había que dicilo porque alguén sacará algún proveito de todo isto. Pero, no fondo, se escribín un libro con Zapatero e se agora detéñome a facer esta reflexión é por outro motivo: porque me deu e dáme a gana. E non é un motivo trivial en absoluto, pola contra trátase de practicar a liberdade de expresión cando sabes que existe toda unha gran presión en contra. Ademais, que clase de persoas somos se permitimos que se difame ou se trate inxustamente a un amigo ou a alguén que non o merece.

Desde que me lembro vexo as cousas e penso desde a esquerda política e desde Galicia, onde teño o meu destino, houbo moitas decisións neses anos pasados que non comprendín e das que discrepei pero sempre sentín que se trataba dunha oportunidade histórica única e que había que apoiar ese gobernante. Participei con independencia e á miña maneira dese intento de que España fose un lugar mellor e un estado integrador e que puidese dar cabida ás súas diferenzas nacionais. A miña opinión actual é que non foi nin será posible, non teño máis remedio que aceptar que España ten os seus donos e é xente como o ministro Morenés que apela ao Exército para garantir os seus intereses particulares e de clase e ese tótem franquista que o encerra todo, 'a unidade de España'. Coñézoos porque xa vou sendo maior e teño memoria, pero gustaríame chegar a ser un vello de verdade e estou seguro de que tampouco entón me arrepentirei de acompañar a Zapatero na medida e no modo en que me foi posible.

Se leron todo isto teño que darlles as grazas e despedirme até a semana próxima.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.