Socialchinismo

O socialismo con peculiaridades chinesas foi impulsado por Deng Xiaoping para innovar, experimentar e ata diluír o maoísmo a partires da armazón inspiradora da revolución triunfante en 1949. En boa medida, con este argumento fóronse recuperando e alargando as políticas ideadas nos anos sesenta do pasado século, no período da chamada “restauración burocrática” tralo fracaso do Gran Salto Adiante. Á vista da evolución da China nas últimas décadas, preguntarse se é capitalista ou socialista, unha obsesión común nos cenáculos occidentais, é pouco menos que absurdo e reproduce as nosas teimas dicotómicas acerca do ben e do mal, do branco e o negro, do ying e o yang, coa diferenza de que en Oriente, aquilo que para nós é contradición que debe resolverse pola vía da imposición do un sobre o outro para eles non é mais que a coexistencia evolutiva dos contrarios. Así, nesta China de hoxe, podemos advertir signos dunha cousa e da súa antítese, economía planificada e mercado, propiedade pública e privada, grandes desequilibrios e grandes esforzos correctivos, liberalismo e ata retromaoísmo.

Á vista da evolución da China nas últimas décadas, preguntarse se é capitalista ou socialista, unha obsesión común nos cenáculos occidentais, é pouco menos que absurdo e reproduce as nosas teimas dicotómicas acerca do ben e do mal, do branco e o negro

O substrato teórico e ideolóxico dese proceso de hibridación vén marcado polo apego consecutivo e reivindicado do marxismo, do leninismo, do pensamento Mao Zedong, do denguismo, da tripla representatividade de Jiang Zemin, o desenvolvemento científico de Hu Jintao e o que agora se lle pase pola cabeza a Xi Jinping, o actual líder chinés, polo momento semella que simpatizante dun eclecticismo ambiguo. Na realidade, a tendencia mais soterrada -cada vez menos- que aflora na vida política chinesa nos últimos anos é o neoconfucianismo, unha especie de progreso con identidade que serve de aditivo a un nacionalismo cunha sintomatoloxía cada día mais recoñecida tanto no plano interior como exterior.

Os esforzos teorizantes das últimas décadas, nada desprezables por outra banda se ben pouco estudados en Occidente, resultaron tanto da necesidade de temperar contradicións e facilitar consensos como de recuperar unha certa politización

Os esforzos teorizantes das últimas décadas, nada desprezables por outra banda se ben pouco estudados en Occidente, resultaron tanto da necesidade de temperar contradicións e facilitar consensos como de recuperar unha certa politización, moi repugnada  non só socialmente trala ultrainmersión ideoloxista dos tempos da Revolución Cultural. O discurso de Deng foi sempre o de centrarse na economía e deixar de lado aquela obsesión que tanto custara ao PCCh e á sociedade chinesa.

Hoxe, con China nos albores dunha década clave para consolidar a traxectoria dos últimos anos, á par dun novo impulso transformador no económico e no social, abórdase a delicada tarefa de redefinir a súa ideoloxía, a sabendas de que sen ela, o Estado, por moito poder económico e militar que teña, será feble. O signo dos debates queda claramente ao descuberto cos zigzags das declaracións políticas dos novos dirixentes nos últimos meses. Unhas apuntan a facer realidade a Constitución, a fomentar instrumentos de control á marxe do aparello partidario, a co-responsabilizar a uns cidadáns que deixarían de ser tratados como súbditos, a entender a xustiza como un factor independente e non unha autoridade mais para intervir adicionalmente no rumbo institucional, a resaltar o papel político irresistible da lei para frear a discrecionalidade… Outras recrean a actualización da liña política de partida mantendo incólumes as vigas estruturais do sistema político sen concesións apenas mais aló do retórico.

A realidade é que a ideoloxía comunista, no sentido clásico, languidece en China por mais que polos seminarios de marxismo pasen todos os estudantes universitarios do país

A realidade é que a ideoloxía comunista, no sentido clásico, languidece en China por mais que polos seminarios de marxismo pasen todos os estudantes universitarios do país e os máis de oitenta millóns de militantes do PCCh frecuenten a cada paso as súas escolas políticas. Pese a iso, a cohesión do aparello gobernamental sostense en aras dun discurso baseado no desenvolvemento e nas ansias redentoras do país, todo adobado cun consenso que tira cada día mais do mandarinato como inxección de oficialidade. Esa institucionalización é unha novidade a celebrar neste tipo de estruturas habitualmente sacudidas polos problemas de sucesión ante a ausencia de procedementos legais mais participativos para establecer e socializar a autoridade dos relevos.

A orixinalidade marca, como marcou sempre, o proceso chinés, difícil de categorizar coas nosas sentenzas rematadamente pobres para reflectir a súa diversidade e complexidade interna. Ese valor fundaméntase na defensa a ultranza da soberanía sen que iso supoña volta ningunha á autarquía senón todo o contrario, na implicación na mundialización (salvo na financeira, ata hoxe) e igualmente na emancipación do pensamento, onde á par das influencias externas recoñecidas e admitidas, perdura un afán de independencia xustificado na necesidade de dar respostas ás singularidades locais, históricas e culturais.

Se non pode haber socialismo sen xustiza social, tampouco o haberá sen recoñecemento de dereitos e liberdades públicas, individuais e colectivas. Esa síntese é o reto, xunto a facelo sen por iso caer nas redes de dependencia de Occidente

Nesta conxuntura, a resolución da encrucillada ideolóxica actual de China é unha urxencia determinante para que o proxecto de emerxencia do país poida igualmente anovarse no teórico, ensamblando os seus alicerces tradicionais cos aditivos irrenunciables a día de hoxe, entre os que cabe citar os dereitos da persoa. Se non pode haber socialismo sen xustiza social, tampouco o haberá sen recoñecemento de dereitos e liberdades públicas, individuais e colectivas. Esa síntese é o reto, xunto a facelo sen por iso caer nas redes de dependencia de Occidente. Non sabemos o resultado final desa prospección, pero en por si a busca paga a pena.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.