Social...que?

O Primeiro Ministro británico, Keir Starmer CC-BY-SA Number 10

A crise política do primeiro ministro do Reino Unido, Keir Starmer, levou recentemente á 'Cámara dos Comúns' a unha situación de incerteza que pon en xaque xa non só ao propio goberno laborista, senón tamén o papel da esquerda tradicional no país

A crise política do primeiro ministro do Reino Unido, Keir Starmer, levou recentemente á 'Cámara dos Comúns' a unha situación de incerteza que pon en xaque xa non só ao propio goberno laborista, senón tamén o papel da esquerda tradicional no país. Tras case dous anos de mandato no Reino Unido -e dende o 2020 liderando o partido- Starmer afronta agora o broucazo nas urnas das pasadas eleccións locais do 7 de maio, nas cales Labour perdeu centos de concelleiros por todo o territorio.

Gañaron así enorme forza os partidos alternativos ao sistema bipolar, principalmente Reform UK - de extrema dereita, con Nigel Farage á cabeza- e os verdes do Green Party - dunha esquerda progresista que lidera Zack Polanski-. A isto súmanselle as eleccións aos parlamentos de Gales e Escocia, nas que triunfaron os partidos nacionalistas. Se ben esta é a quinta vitoria consecutiva do SNP escocés, polo que destacaron estes comicios foi pola perda dos laboristas por primeira vez en Gales dende hai 27 anos, así coma o posicionamento da extrema dereita coma segunda forza política en ambas rexións.

A credibilidade do "No drama Starmer" -alcumado así pola súa aversión ao espectáculo político, en contraste con ex-líderes coma Boris Johnson- atópase agora en mínimos históricos. Nun contexto no que a súa figura xa perdera o respecto do electorado pola falta de eficacia das súas medidas e o escándalo de Peter Mandelson -nomeado embaixador nos EEUU e do que se descubriron vínculos con Jeffrey Epstein- vemos agora o cume das tensións internas na dimisión de tres secretarías de estado e a exixencia da dimisión do primeiro ministro por máis de 80 deputados do partido. Se ben Starmer nega que isto vaia acontecer, a realidade é que xa se dan as condicións para que poida ser destituído, a falta, iso sí, dun contrincante claro que aglutine o voto dos seus detractores.

O dirixente dos laboristas, que á súa chegada ao goberno do Reino Unido supuxo un fío de esperanza polo cambio nun país no que os conservadores levaran 14 anos no poder, rematou por ser a decepción de moitos electores da esquerda. E é que Starmer, que fixera no marco da súa campaña numerosas promesas progresistas, rematou por afastarse de varios dos seus obxectivos clave. Entre eles atópanse a nacionalización dos servizos públicos -dos cales só o ferrocarril chegou a ser nacionalizado- e o aumento do imposto sobre a renda aos que máis gañan -este nunca se chegou a producir-. Cabe dicir que a Lei de Dereitos Laborais que o primeiro ministro puxo enriba da mesa foi tamén insuficiente para os sindicatos, que notaron a falta de ambición en comparación co prometido en período electoral. Esta lei non só foi incompleta en materia de dereitos coma a protección fronte o despido inxustificado, senón que moitas das medidas que incluía non entrarían en vigor ata dous anos despois da súa aprobación.

O caso dos laboristas é un exemplo de coma, unha vez máis, cando a esquerda socialdemócrata non sabe cubrir as demandas da poboación, fanse un oco o extremismo e o populismo. Porque cando o progresismo non avanza, é a ultradereita quen o fai

Xa para rematar, ante a mobilización social en contra do xenocidio en Gaza -que é un dos grandes piares da acción de esquerda actual- o primeiro ministro non só fixo declaracións contraditorias sobre o conflito, senón que baixo o seu goberno foron levadas a cabo detencións masivas contra os manifestantes, que foron acusados de "terroristas". Starmer virou aos poucos a súa postura pública sobre a problemática, debido á enorme presión que a cidadanía exerceu, chegando a recoñecer de forma oficial o Estado de Palestina no 2025. Non obstante, o electorado non esqueceu que o líder laborista se posicionase a favor do corte de subministros imposto por Israel ou do procesamento xudicial á banda Kneecap por despregar a bandeira palestina nun concerto. Coma pasou con Kamala Harris durante a súa campaña pola presidencia dos EEUU, os políticos pasaron por alto a importancia que teñen para a esquerda os movementos de reivindicación e loita polos dereitos humanos. Así, moita da xuventude implicada coa cuestión palestina sentiu que o goberno non conectaba cos seus valores, o que a fixo renegar do partido.

O caso dos laboristas é un exemplo de coma, unha vez máis, cando a esquerda socialdemócrata non sabe cubrir as demandas da poboación, fanse un oco o extremismo e o populismo. Porque cando o progresismo non avanza, é a ultradereita quen o fai.

Keir Starmer © Ismael Pato Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.